Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 marzo 2011

MARUJA LIMÓN: A ESENCIA


A felicidade dunha queridísima amiga foi celebrada o venres no mellor lugar posible nestes momentos: o Maruja Limón de Vigo. Puxen moita atención desta vez para descubrir o secreto deste restaurante único. Todos os elementos que deben concorrer nun xantar fóra de serie foron cumpridos: non houbo apenas un espazo para a mínima crítica, pero tentei averiguar que era o que satisfacía a tanta xente e coa mesma sensación de gozo e pracer indescriptibles. E concluín que se trataba dun restorante que procuraba atopar a esencia dos alimentos. Non é minimalismo, nin unha forma de substanciación dos pratos: é a intensificación única de certos productos pola vía de mesturalos lixeiramente con aqueles outros que podan extraer a súa total e profunda esencia.
O menú é pequeno (como é pequeno o negocio, a cociña e case todo, non obstante a súa grandiosa magnitude na calidade). O nome dos pratos tentan acadar esa esencialidade: van en negriña os productos centrais, fundamentais; en letra pequena, o acompañamento. O comensal pide, como o venres, xarda e vieira de entrante e variedade de segundos pero igualmente esenciais: pescada, mero, bacallao e molexas. En letra pequena, os demais ingredientes: cítricos para xarda e peixe (que chega ao prato coas láminas de sal apenas pegadas por riba da pel do lombo) ou touciño para a vieira; neste caso o acompañamento de brécol e unha pequena liña de crema de mango realzaban o prato, verdadeiro summum do restorante. Non andan con adornos retóricos nin alardes técnicos e o servizo, espléndido, vai pautando a comida cunha sinxeleza e un rigor para min extraordinarios. Dos postres mellor nin falar porque non creo que haxa cociñas que os melloren. Café e colofóns doces como tellas ou trufas rematan un xantar inesquecible (así o declararon todos os que asistiron), elegantemente acompañado dun godello Guitián de quitar o chapeu ao principio e de quitarse todo cando se rematan as botellas.
Eu nunca como tan ben como como neste restaurante, posiblemente un dos mellores deste país, senón o mellor. Para min, segurísimo.

Nessun commento: