A NOVELA CURTA Os fíos do vigués Xurxo Sierra Veloso, gañadora do Premio Repsol de Narrativa breve 2010, é, na súa fráxil apariencia, unha das felices descobertas deste ano. Os tres relatos interdependientes que conforman a nouvelle, escrita cunha prosa limpa, de escasa adxectivación e oracións na súa meirande parte simples, lense con tanto interese que resulta imposible deixar de lelo sen rematalo nunha soa xeira. O primeiro relato está posto en boca de Antón Queguas, perplexo protagonista do feito inverosímil que determina o resto do libro. Con aires lixeiramente kafkianos (digo lixeiramente porque o sucedido non pretende excesiva trascendencia), o home que chega a unha casa rural para ter o encontro coa súa muller describe a súa propia deriva e a sorprendente aceptación dunha especie de fatalidade imposta desde fóra.
O segundo relato depende da voz, extraordinaria ao meu xuízo, da muller de Antón, Lidia Cameselle, que narra tamén, con aires desta vez algo máis retranqueiros pero non alleos a unha involuntaria traxicidade, a súa propia derrota. O erotismo desta parte, baseado nun estravertido punto de vista dunha muller que trata de explicar, espida entre as sabas dun hotel a medio estrear, o seu encontro semifallido co dono dese establecemento, permanece na memoria do lector/a cando remata o libro: as páxinas desta historia son, para min, o máis admirable da curta novela de Sierra Veloso.
O terceiro relato, en terceira persoa, céntrase na figura de Chano Bendaña, o inxusto culpable dun crime que non cometeu e que acaba case por aceptar, recén saído da cadea para dar pulo a unha nova vida. A historia deste malpocado home (cuxos vencellos cos anteriores non convén desvelar) serve de complemento aos tristes destinos dos anteriores personaxes, aínda que neste caso con peripecias algo máis chuscas e, nalgúns momentos, case de disparatada comedia. O libro posúe un ritmo narrativo moi convincente: demorado con alusións case costumistas ou con detalles innecesarios para a resolución da historia pero pertinentes para outorgar sensación de naturalidade doméstica a todos os sucesos que por veces resultan insólitos, Os fíos atrapa ao lector/a desde as primeiras liñas e non o deixa en ningún momento. Lese con toda delicia nunha breve tarde de inverno, arrastrado por unhas historias moi ben urdidas, moi ben escritas (cun uso moi destacado da ocasional sintaxe envolvente nos casos contados dun certo fluxo de conciencia: páxinas 86 e 87 fantásticas), moi ben resoltas coa brevidade e a concisión que require unha narración desta natureza.
Nessun commento:
Posta un commento