Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 marzo 2011

BARES DE VIGO: PRAZA DE COMPOSTELA E ALEDAÑOS


Dun tempo a esta parte, a zona da praza de Compostela, aka Alameda, estase a converter nunha zona de viños e tapas de Vigo. Un dos lamentos máis habituais sobre esta cidade é a ausencia dunha verdadeira zona de viños, ao xeito de Lugo, Coruña, Santiago ou Pontevedra, que son as que eu coñezo con máis detalle e profundidade. O entorno, porén dese marabilloso xardín decimonónico, ofrece entre elegancia, varios lugares de moito interese e mellor xantar.
Aos xa clásicos Prada a Tope (que está en reformas), Mesón Compostela (que está pedindo unha lixeira renovación decorativa, pero que segue a ter as mellores tapas e o mellor xamón de Vigo) ou á Estrella Galicia de Vigo (sic, sempre animadísimo con xente beautiful e da outra), coas terrazas correspondientes, veñen sumándose outros de moito interese. O Yoursbeer (ultimamente de capa caída en clientes), a Trastienda del Cuatro (de curioso microclima social), o Labrego Urbán (cun servizo e unhas tapas de primeira), o Manos Morenas (de comida peruana) en Luis Taboada, sen descartar o Baraciña (un desastre no camareirismo andante) ou a Taberna Andaluza de Montero Ríos (para os nostálxicos do flamenquín, con boa atención) algo máis alonxados.
Sempre queda a posibilidade de adentrarse (non moito) pola zona vella, onde parece que non remata por afianzarse unha oferta digamos profisional: da voluntarista, con efectos perniciosos á larga porque non volves, si que hai, como o Cabernet (bó para as noites de verán e cando non hai nin xente nin o bar está aberto, case para botellón ou para desabafos sentimentais) ou o L/Fume de Carozo, sempre insatisfactorios. O caso da Curuxa, nesa zona, é excepcional, porque non abundan os bares de barra (Lamari ou La comidilla teñen ambiente, pero hai que sentar formais e tampouco é que brillen os seus donos pola atención esquisita).
Tamén pode un virar cara o outro lado, á zona de Rosalía de Castro, onde a vella oferta do Munin ou La Trucha na rúa Porto ou do xa clásico Cañas & Tapas (correcto) ten como competencia moi leal e contundente o Tío Chan e o Bocusse (dous locais eternamente cheos) da República Arxentina e o Cunca nos soportais do Van Gogh (ese emporio), onde un desleixado profesionalismo tamén pode chegar arruinar o posible negocio.
Máis alá (ou máis acá, segundo mire eu) o Proa continúa a ser imbatible, o Follas Novas (onde se pode comer en barra) nunca desmaia nin decepciona, a Dehesa na esquina de Serafín Avendaño ofrece unhas táboas de embutidos magníficas e o Lizarrán presenta ateigada parroquia coa hormona a todo filispín a primeira hora da noite, cuestión que non se debe nunca menosprezar.
Comecei pola Alameda e non sei como din en Canceleiro. Seguro que esquezo algún. Aínda quedan as copas. Pero desto falarei outro día. Vou cear.

Nessun commento: