Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 marzo 2011

PORRULISMO (OU NON) NO PEIRAO DE VIGO


Hoxe fomos dar un paseo polas novas actuacións portuarias, arredores do Náutico. E caben dúas opcións, non sei se compatibles.
Primeira: quedou moi chulo, cunha ampla esplanada onde antes había cochambre e desleixo. Uns pequenos parterres e uns camiños brancos para a parte de atrás do Náutico, con algúns árbores de fino tronco e algúns bancos para tomar tranquilamente o sol. Un bó lugar de esparcemento, complementado cuns paseos de madeira escura e barandas metálicas polos que dá gusto camiñar e ver de perto o mar. O detalle da deputación de poñer a unha banda tocar A lenda do bico de Soutullo contribúe ao amable desfrute. Unhas palmeiras ornan unha parte do peirao, aquela que exhibe o centro comercial. O paseo continúa pola parte dos barcos de pesca, moito menos transitado, aínda que a vista pode nalgúns casos ofrecer moito máis interese. Sen dúbida, Corina Porro acertou en rematar algo que xa viña máis ou menos proxectado naquel xa vello plano de Vázquez Consuegra. Non se pode esquecer o acerto extraordinario en pintar as portas das naves, os tellados da estación marítima e a parte non branca dos edificios do Náutico (piscina e sede social) de azul deliberadamente mariño. As esculturas do emigrante e da nai viuva de vivo concordan positivamente co resultado.
Segunda: podía quedar mellor, pero ben se ve que as urxencias electorais (non están prohibidas as inauguracións durante a campaña, pero dous meses antes non) piden un cementucho de andar por casa, cuns árbores famélicos e un banco que fai case de solario nesa solaina deficitaria de sombra. A parte, aínda sen rematar do Náutico (quedará así?), presenta un notable contraste coas partes de granito (onde moran en competencia artística a estatua de Leiro e uns cinco contedores de lixo), non resolto probablemente porque hai contenciosos de distinto calibre co outro faraón da cidade. Unha man de pintura azul clariño algo casposa en partes do chan de pedra da estación marítima xunto a partes tamén falsamente adoquinadas (que xa estaban de antes, todo hai que dicilo) afean as innovacións. Pero o pior é un rectángulo de cores pasteis, cuxa función ignora o visitante e que se coloca diante duns surtidores claramente innecesarios, aínda que ben consecuentes coa onda de estética algo kitsch, por non dicir hortera, que preside dun tempo a esta parte (poñamos, salvo excepcións, finais dos sesenta) as actuacións urbanísticas na cidade. Para o lado do peirao da pesca, o grande letreiro Obra paralizada por el Ayuntamiento de Vigo (nese idioma no que se rotula todo) que preside os tres depósitos dunha suposta fonte cibernética futura case é preferible ao que se anuncia. Do mellor e máis significativo da actuación.
Sexa esta última opción a triunfante, o certo é que Corina (e todo o tinglado montado ao seu arredor, Xunta e Deputación) fixo con esta intervención porrulista unha boa propaganda cara as eleccións. O bó número de xente que hoxe andaba por aí, con tempo xa de primavera, era elocuente mostra de que o acerto/erro resulta atractivo polo menos os primeiros días.

Nessun commento: