Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 luglio 2011

YYY, A YSTORIA DA SANTA YGREXA DE YRIA FLAVIA DO SÉCULO XVIII XA EN LIBRO


Eu miraba na BNE en Madrid un manuscrito do século XVIII que, de forma algo extravagante, transcribía un texto impreso un século antes. Compartía volume con moitos outros escritos, de diversa índole, aos que en principio non outorgaba ningunha atención. Debeu de ser que algún outro pedido na BNE tardaba algo máis da conta e prendín nas silvas daquel libro de dimensións de folio. Mireille lombo, fasquía e índice, este pegado con correccións e tachóns ao comezo. Dinlle un pequeno repaso, máis por facer tempo ca por curiosidade. Non era a primeira vez que o tiña nas miñas mans. A letra era bastante lexible, de xeito que os meus ollares ían dunha páxina a outra con certa lixeireza. Nunha desas páxinas atopei un texto ben curioso. Non estaba escrito en castelán: semellaba galego, pero era un manuscrito do século XVIII, século pouco propicio para o emprego da lingua galega. Aquilo titulábase Ystoria da Sancta Ygrexa de Yria Flavia. Do asunto tiña unha lonxanísima idea, moi insuficiente a todas luces para decidir nada ao respecto. Mirei o nome do que escribía aquel manuscrito: poucas noticias, salvo que se chamaba Pedro de Otero Romero y Torres, que debía de ser procurador do rei Felipe V na Audiencia da Coruña e que debía vivir no Salnés, aínda que afirmaba escribir ao parecer desde Padrón. O texto era longo, estaba escrito nun galego medievalizante (ao mellor unha mera transcripción), pero viña (e esa era a interesante novidade) completado con numerosas anotacións marxinais en castelán cheas de profusa erudición de corte histórica. Como non tiña (nin teño) idea ao respecto, puxen tal achádego en mans sabias para que me dixeran algo de proveito. En efecto, os meus colegas entenderon que alí había un texto de notable interese e tomaron a iniciativa de transcribilo, editalo e divulgalo convenientemente.
Esta semana, por fin, ve a luz ese traballo editor de filoloxía pura e dura, de transcripción paleográfica (moi útil para os estudiosos da lingua que poden establecer o estado do galego a partir sobre todo das vacilacións do texto) da YYY, como adoitan chamar ao texto os editores modernos do texto o profesor Arias e a profesora Noia. A edición presenta un prólogo extenso, con moita información sobre o volume, o autor, a propia historia do texto, e un apartado moi interesante sobre a lingua empregada. O texto da YYY ofrece un aspecto magnífico, xa que, con moi bó criterio (non varro para casa: dígoo porque non sempre o teñen), os responsables da edición universitaria de Vigo decidiron manter a mesma disposición do orixinal, co texto en galego no centro e cos textos das fascinantes anotacións de Otero aos lados e por debaixo do mesmo texto. Acompaña a edición un cuidado índice onomástico, unha moi útil semblanza dos diferentes persoeiros que aparecen mencionados no manuscrito, así coma a reproducción dalgunha das páxinas do manuscrito orixinal. Creo que a solución adoptada polo servizo de publicacións da Universidade de Vigo (tras, ao parecer, o rexeite dalgunha editorial escasamente xenerosa con esta alfaia da cultura en galego: halles pesar) é un indubidable acerto que redunda na importancia do libro en cuestión. En conversas cos editores, pedinlles a inmediata publicación dunha edición de peto, máis popular, aínda que é público e notorio o escaso interese que pode ter unha historia destas características. Entendo eu que algo lles debemos a quen (nos) pagan por vía interposta pero pagan o (noso) esforzo editor.
Noraboa a Bieito e a Camiño por este estupendo agasallo filolóxico, deses que marcan fitos notables na investigación moderna. Agardo por esa presentación que ha ser todo un acontecemento para a filoloxía galega: eu atrevinme a insinuar que só unha adega (coa axuda dalgún adegueiro ilustrado) de Vilanova de Arousa ou de Cambados (terras onde se criou Pedro de Otero) podería coronar a obra. Nesas estamos. Moitas gracias pola dedicación e pola dedicatoria.

2 commenti:

Xosé M. González ha detto...

O Manuscrito Candelas. Será lido, madia leva.

emaessa ha detto...

Nora boa, arume. Que sorte teñen algúns... :-) Quen me dera facer un achado igual.