Oportuno semella lembrar, neste día de mortes e adeus ás armas, as bagoas de Leonard Cohen onte en Xixón. Oportuno porque foi en Xixón se cadra cando escoitei por primeira vez Suzanne de Cohen. Non era aquel tempo de escoitar a Cohen. A súa voz que apenas modulaba a música, o seu monótono murmurio de versos sobre unha guitarra apenas rasgada loitaban contra o ritmo alegre das músicas de principios dos setenta nas radios e nas voces daquel país algo turbio e escuro. Era case un sacrilexio namorarse daquelas ledaíñas de desexo e chuvia nun imaxinario paseo por Greenwich Village camiño do Chelsea Hotel. Era insólito xirar tantas veces como facía falta o disco de New Skin for the Old Ceremony e camiñar pola rúa salmodiando en voz baixa bird on the wire. Foi moito máis famoso máis tarde cando incorporou voces de gospel para Lover, lover, lover ou cando outorgou cadencia de vals ao de Lorca para tomar Manhattan e despois Berlín. Admirei sempre o seu porte elegante, de bohemio melancólico entre versos tirados de salmos e himnos paganos. Pero se teño que quedarme con algo de Cohen, nesta tarde algo axitada, quedaría cos acordes que abren Suzanne, eses sinxelos arpexios que eu imaxino en mi maior e que permiten recoñecer que comeza unha das cancións más fermosas que ninguén puido escribir. I remember you well at the Chelsea Hotel, con blue raincoat or not.
Nessun commento:
Posta un commento