Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 dicembre 2011

AMAZÓNICO


Hai unhas semanas comecei a miña relación comercial con Amazon.es. En especial porque podía por fin conseguir os libros en italiano que ningunha outra plataforma me permitía: a Feltrinelli non serve fóra de Italia. Din os meus datos, solicitei uns tres libros e, cunha rapidez abraiante, a tal empresa americana entregábame o pedido dous días despois, de xeito gratuito. Pedín despois outros dous libros españois e mais unha película, con idéntico resultado para min abraiante en rapidez e eficacia de servizo. 
Mais, coa chegada do servizo de kindle (que non teño) e coa incorporación lenta pero irreversible de vendas de ebooks, a miña relación comercial con Amazon tórnase aínda máis alucinante para os meus miolos ultrasensibles aos prodixios cibernéticos. Coma xa tiña dados de alta os meus datos comerciais, bastou un simplícisimo clic para que no ecrán do ipad (agasallo de cumpreanos que aínda non fun quen de agradecer suficientemente) aparecesen os dous libros que solicitara, a un prezo sensiblemente inferior ao proposto para o papel: para sermos máis exactos, a metade. 
Xa lin un deses textos, co sorriso de felicidade nos beizos, e vou pola metade do segundo e abofé que xa estou en condicións de asegurar que xa me teñen conquistado para a causa. E iso que insisten tanto en que dana a vista (coma se o ordenata que ilumina os meus ollos non o fixera nestes case vinte anos que levo diante del) ou en que non ten o roce ese fetichista (ou non fetichista, pero sentimental) do papel ou do cheiro a madeira infinitamente prensada. Eu, que carezo desa sensibilidade (como de tantas outras), enzóufome feliz en tal leitura e trato de frear o meu impulso natural a estar pedindo dese xeito, demasiado sinxelo, demasiado doado, libros para os meus sentidos. 
Fago constar e dou fe deste novo pracer, aínda sen aproveitar ao máximo (hoxe descubrín que podo compartir pasaxes que me gustan especialmente a través das redes sociais). Non sei se vai ser o futuro: para min xa é pasado desde antonte, cando rematei, con ledicia íntima, o novo libro de Elvira Lindo sobre o meu Nova Iorque querido e quedei plenamente satisfeito.  

Nessun commento: