Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 dicembre 2011

REMBRANDT, ERMIDAS RUSAS E CALLOS Á MADRILEÑA


Nunca antes fora ao Prado, desde a reforma dos xeromes. Sempre había unha cola disuasiva. Pero desta vez, con grandísima sorpresa, entrei sen agardar nada. E por riba, cun horario para visitare a exposición sobre o ermitaxe moi axeitado. Matei o tempo ata a exposición mirando as paisaxes lonxanas que adoitan encher os cadros históricos, nos currunchos deses lenzos abafantes de Tintoretto ou de Tiziano. Escoitei falar aos turistas brasileiros e italianos que estes días andaban por alí en masas tranquilas. Matinei en que agora no Prado hai moitos máis guías ou que alomenos hai máis xente desexosa de deixarse guiar por voces expertas na contemplación dos cadros. Mirei os cadros de sempre, con ánimo de capataz que cuida que todo estea en orde, e fun aos sotos do novo edificio para mirar os obxectos do esplendoroso museu de Petrogrado. Gustei moito da solución de Moneo ao vestíbulo e ás dependencias xerais; tamén da disposición dos materiais na exposición, clara e diáfana; admirei un Rembrandt que valía toda a exposición e unhas vedute de san Petersburgo que afianzaron en min o desexo de voltar polas terras rusas (despois de viaxar alí en plena perestroika) e ver por primeira vez aquela fermosa cidade do Báltico. A mostra estaba completamente chea na mañán do sábado, con xente moi variada e tamén con numerosos grupos arredor de guías, predominantemente novos/as, de cálidas explicacións e moi amable disposición de ánimo: atopo este novo costume como moi saúdable e posiblemente coma un signo do interese que a cultura suscita sempre entre a cidadanía. Unha visita ao claustro dos xeromes (coa parafernalia españoleira de colocar as estatuas dos principais monarcas deste país) deu fin á visita interior. Saímos á friaxe novembrina de Madrid, contemplamos desde o edificio Villanueva os xardíns que rodean o Prado, co horizonte do Ritz, da Academia e dos Xeromes (brillantes, como de cidade riquísima), cheiramos o arrecendo das sebes que ornan a parte de atrás do Museu e baixamos cara ao Xardín Botánico. Era tarde: agardaba o amigo X nas cuevas de Luis Candelas e toda a Cava Alta co seu callístico esplendor.   

Nessun commento: