Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 dicembre 2011

IN MEMORIAM JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ ROMERO




Nunca estiven en Suecia

A José Antonio Fernández Romero, in memoriam

Confeso que nunca estiven no norte.
Ás veces durmo con neve e lume,
con pegadas de escuma
que veñen
do sul,
do sul.
Con noivas que desembarcan,
e ancoran
o seu vestido na branca proa,
entre a equipaxe en Greenwich,
cando aínda o Támesis
acolle entre dúas pontes
aos novos amantes.
Lembro en Thule
o vapor xofre do lique,
as noites sempre de fin de ano,
apertados,
entre o xeo
e a saraiba de tilos,
coa boca levemente encesa
de arándanos,
e memoria de urces.
Soño Estocolmo en verán,
soño o seu porto,
os tristes mastros de cores,
á luz do solpor e da morte.
Vexo tamén Helsinki,
a penas confuso
coa verde néboa de outubro,
cuando xa nada é coma antes.
Releo
libros que nunca tiven,
e imaxino espadas,
neve, barcos,
mares, nubes, lúas,
aneis, críns, doces gadoupas.
Entre eles, a vella gramática
que agora aínda aprendo:
co acento que falla,
coa escasa voz,
que aínda fica comigo.

Escribín hai tempo este poema. Non sabía, ou si, que hoxe sería a miña despedida de José Antonio, ese home amable ata a bondade, discreto e elegante na súa humildade de sabio. Trouxo nas súas maletas de viaxeiro do norte a poesía islandesa, a literatura escandinava, a morna friaxe dos versos escandidos do norte. Deixa hoxe e para sempre, na percha do seu despacho, a súa chaqueta marrón de abrigada lá que reservaba para os días fríos de Marcosende. Que as neves da súa amada Thule caian leves sobre a súa memoria.   

Nessun commento: