Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 dicembre 2011

PURGATORIO, DE ELÍAS E MORTENSEN

Houbo tempo, na tournée anual aos madriles do meu corazón, para visitare as Naves do Español, o espazo escénico xurdido da transformación intelixente do edificio de aire mudéjar do Matadero de Madrid (1911), nas beiras do Manzanares. E foi para admirar a actuación soberbia e inesquecible de Viggo Mortensen e Carme Elías a partir dun texto complexo, algo ampuloso, do escritor arxentino Ariel Dorfman. O local, pequeno (calculo que unhas dúas centas localidades en grada) pecha, dá calidez ao esceario e logra por momento oprimir a propia agonía tráxica dos personaxes. Cando entra o público, un cuarto de hora antes do comezo da obra, Mortensen e Elías departen (non sei se dramáticamente xa) no esceario. Mentres o público vai acomodándose, eles móvense polo chan cadrado, iluminado en prata metálica, con pretensión de hixiénico ascetismo. A sinxeleza do atrezzo, unha mesa de consulta, un catre sobrio, compromete a desnudez dos protagonistas. A iluminación, apenas modificada ao longo da obra, confire aire próximo ao desenrolo da obra. Esta, dividida en tres actos algo matemáticos, con recorrencias e paralelismos moi marcados e algo esperables, ofrécese con envolturas constantes, con diálogos circulares, redundantes se acaso, en ocasións demasiado solemnes, probablemente condicionados pola dependencia temática da obra da Medea de Eurípides e do xénero tráxico con evidencia. Esa mestura, de elocución clásica, con cultismos estraños e perífrases estravaganges, e de moderno coloquialismo, non sempre funciona, e fai que, ao meu xuízo, a obra se prolongue de forma innecesaria. Tampouco é que a min o tema do perdón, a redención, a rendición de culpas, o arrepentimento, a penitencia me interese moito. E menos con esa intensidade tráxica, para min sempre algo impostada. Pero, con todos estes inconvenientes, Purgatorio, que así se chama a obra, resulta moi eficaz: mantén en tensión ao público (cunha intriga algo anunciada, pouco enigmática) e consegue que pasemos uns instantes de plena felicidade vendo actuar a eses dous monstruos da representación dramática. Por eles e por ese espazo que convida á envexa, paga a pena cruzar medio país e desfrutar de estas case dúas horas fantásticas. 

Nessun commento: