Caxigalines nella Reguera'l Campizu

12 dicembre 2011

NA DE MARCOS VALCÁRCEL



Colga Valcárcel
uvas o dez de marzo de dousmilseis. Toma do libro das horas a esencia da solaina: “felicidade tranquila e un pouco rústica, sen nada que sobre nin que falte”. Non tarda en pendurar algunha ponla máis, se cadra para mitigar calores. De seguido, aduce nomes propios, en homenaxes ou en pretextos: carballo calero ha ser un dos primeiros; díaz pardo, otero, piñeiro, casares, cuevillas, valle, e tutti quanti, coas verbas renacidas con columna de blog para a relectura e o debate. De frontispicio, coma na academia platónica, coloca unha frase de risco, non sempre vincente nas lideiras que acubilla, pero admitida por certa: ser diferente, ser existente.
A fértil questione della lingua comeza con grazas/gracias. Encende sempre a solaina. Coa primavera, as imaxes son raiolas que quecen. As de corpos case sempre espidos, inadvertidos polo veo da arte. Tamén a de rostros femininos, fotografiados no seu esplendor de musas: johansson, kidman, bellucci. Se cadra, thurman. A iluminación acompaña case sempre un poema ou unhas liñas de recreo e belleza.
Do dezanove deste marzo é a nota inicial sobre música: aínda se ignora a ferramenta do enlace, pero escóitase entre palabras a lennon. De moito antes, case do comezo, alenta o cuidado das viñas mozas: o don da ebriedade nas rúas ou a instrucción insatisfeita. Ás veces, salienta unha redención poética: convoca estudiantes para pronunciar versos en alto, a modo de conxura lírica. Vai ser bálsamo pero tamén oase. A literatura, toda a literatura, sobrancea polo blog con cadros de ghirlandaio ou tiziano, chagall ou laxeiro. De cando en vez, cada vez máis, lembra un filme e nel a pequena memoria dun pasaxe, a dun aceno moral: non poucas con restitución de infancia ou mocidade. A cinefilia amósase no intre anterior á intelectualización cabal: no pulso máis emotivo.
Cedo amanecen os trolls, os anónimos airados. Cedo tamén ceden: fuxen ou mitigan o pulo. E pulen o ton e a nervadura do verbo. Antes das cen anotacións, parabéns e benvidas; tras abril, os comentarios. Tímidos, amables; aos poucos, ousados, rebeldes. De maio, o debate primeiro prolongado: cincoentaecinco comentarios, nin siquera curtos, en forma de saetas e lanzas envelenadas. O blog agocha outros blogs, ponlas que se multiplican: beiras, que aparece na semán da estrea, leva a palma: protagonista eminente do blog, merecería honor como pedra involuntaria de escándalo; monxardín proporciona munición engadida: a política (entre elas, a éuskara conspicua), a deriva dos costumes, a aprensión do tempo. E o folión aínda arde.
Galicia, en todo, é uva perenne. Letras, historia, roteiros, xornalismo. O blog axiña albisca aire de enciclopedia. Traslada traballos, fornece fotografías,  hospeda hortas e portas, ofrece pan e coitelos, agasalla, con mans serenas, anales e andoliñas. A expansión do idioma, a afouteza contra os fanatismos, a preguiza moral dos gobernantes, a virtude do diálogo, a revelación das amizades ou das admiracións. En todos os paus, xenerosidade a solainas.
Releo o blog, para lembrar estes anos, e non dou medida a magnitude do escrito. Traducido a páxinas familiares, o volume resulta prodixioso e o esforzo de Marcos Valcárcel, admirable. Nós, que entramos, poñemos puntos (tortos) aos ies, laretamos de máis, ensaiamos algunha prosapia inútil, litigamos sen límite, sumamos pródigos negro sobre branco neste idioma, cómplices ao cabo desta enchenta cordial. Gústanos acompañar esta mesa que sombrea a parra coa parola encesa e a ollada agradecida.
Nós, que entramos na de Marcos, comprendemos o paradiso: onde hai uvas sempre dan ganas de quedarse, de permanecer para sempre.  

Nota: Isto escribín hai case dous anos. Hoxe garda, creo, completa vixencia. Longa vida ás uvas na solaina e a Marcos Valcárcel na súa lembranza. Non poderei estar esta tarde na súa homenaxe no seu Liceo do seu Ourense. Vaia para el este recordo emocionado e para os seus amigos e para os seus familiares que estarán alí unha forte aperta. 

Nessun commento: