Posúe esa condición de moitos dos bares nacidos na rúa Rosalía de Castro, a medio camiño entre o lugar elixido para saír unha noite, dada a fama da zona, e o clásico bareto de barrio cando non apremian as farras do findesemana. Está no canto de Serafín Avendaño e Rosalía, a carón do mítico Follas novas e próximo a outros locais de aparente maior prosapia, que se enchen con certa frecuencia cando toca alternar. Chámase Dehesa Santa María e ofrece táboas de embutidos xenerosas e, sobre todo, de excelente calidade, onde non falta o que habitualmente falta noutros: o excelso morcón. A táboa de queixos, das que progresivamente voume quitando, son, segundo entendidas, estupendas: eu limítome aos manchegos curadísimos e aos cabraloides e abofé que están de medo. Non descuidan a bebida, servida no seu punto de temperatura (non quentes coma na meirande parte do tabernario mundo), e ofrecen un servizo atentísimo e dilixente. Os pinchos con que acompañan vermús e viños vespertinos (eses tres uves do trasego diario) son elaborados e, a expensas de opinión máis razoada, son os mellores da zona. Catro son as mesas da terraza, colocadas en terra de paso, oportunas e necesarias para o disfrute dun dos praceres da vida que consiste en mellorar o desasosegado verso manriqueño do contemplando. Estes días de chubascos haberá que refuxiarse alí para mirar e deixar pasar as augas.
Nessun commento:
Posta un commento