No número (monográfico) de Anthropos citado no post anterior, o seu editor, Jorge Urrutia, nun espléndido prólogo, fai notar a ironía de darlle o premio James Fenimore Cooper á mellor ficción histórica a A conxura de América de Philip Roth, unha novela que tenta imaxinar unha América nazi e, por suposto, antisemita baixo a presidencia do aviador Lindbergh, confeso admirador de Hitler. Vou sendo rendido leitor da obra de Roth, pero aínda non trabei amizade con este libro.
O que me interesa resaltar é que Urrutia, na súa loita por situar os límites da narración histórica e a narración de ficción (por entendérmonos neste breve post que apuro), nega a existencia de feitos ou de fenómenos históricos puros, xa que por moi obxectivos que estes semellen sempre terán sentido cando son contados con palabras, cando son lenguaxe e comunicación (el explícao mellor ca minhe), unha vella cantilena do postestructuralismo en sentido amplo que, no campo da historia, conta con acérrimos detractores.
Nos últimos tempos observo, non obstante, que se amplifica e se enriquece esa batalla dialéctica, coa incorporación do fenómeno do revisionismo histórico. O relativismo radical que iguala relato histórico con relato de ficción pode favorecer esa nova irrupción; certos historiadores atacan non as versións (necesariamente) interesadas deses historiadores (palabra xa inadmisible para o corpo de profisionais do ensino e da investigación), se cadra cansos de litigar con xente que non merece tal consideración, senon a mesma distinción técnica (gremial, nalgún caso: deontolóxica) do oficio de historiador.
Non teño neste terreo suficiente madeira para ofrecer opinión formada: seguirei lendo a formidable fervenza de reflexións sobre este particular dos límites entre a ficción e a historia, tema por outra parte tan vello coma o propio mundo. Será por eso.
Nessun commento:
Posta un commento