Leo reseñas amplas do discurso de Feijoo tras escoitalo durante algo máis de vinte minutos pola radio. Dispoñía ao parecer o candidato de tempo ilimitado para expoñer a súa proposta de goberno e non sei ao cabo canto durou a representación oratoria. Entre o pouco pero suficiente que escotei e os resumos apresurados dos xornalistas, podo dar algunha das miñas impresións:1. Ou estaba moi nervioso (o cal parece raro á altura xa avanzada do discurso que eu cheguei a escoitar), ou non sabe ler coa fluidez necesaria (descontado o evidente handicap do galego para alguén non afeito) ou non sabe interpretar coas pausas e os énfases oportunos o que le (atonía prolongada de devorador de letras: os aplausos das súas bancadas soaban a encargo ou a cla prepago), ou non entende o que pronuncia (como delataban certos lapsos inaceptables), ou tiña presa cando aínda faltaba un mundo por rematar un texto a todas luces demasiado longo (e polo tanto non preparado) ou non tiña plena conciencia de como estaba organizado o discurso (como demostraban os anticlimáticos peches dalgún epígrafe) ou decididamente mudou o esperable texto de investidura de oratoria exemplar por un mecánico relatorio (de insulsa sacarina retórica) dun suposto programa de partido.
2. Derivado do torpe desaliño da performance, o contido do discurso quedou reducido a inconcreción suma. Parole, parole e máis parole, sen forza siquera de convicción. Algunha frase curta con compromiso dunha solemnidade forzosa e desmaiada (días de agarda quirúrxica, menos publicidade e máis cartos para dependencia), para espertar á troupe en letargo e, sobre todo, aos próximos conselleiros que aínda non saben de que vai o couso este. Apurou aínda máis o paso en recetas para a crise, con marchamo de placebos xa preparados para investiduras descafeinadas. Pareceume escoitar algo sobre a reforma dun estatuto, pero o ínfimo entusiasmo das súas palabras sumado á lembranza miña da derradeira espantá convertiu todo nun dejà vu demasiado soñado.
En fin, un discurso, á marxe da exposición de ideas xa coñecidas sobre a imbricación de Galicia na Democracia Española (díxoo dúas veces: evitou por esta nova vía a palabra España?) ou no fondo sobre a inmarcesible españolidade de Galicia, moi pouco atractivo, dirixido con desgana a cumplir o trámite xa se sabe que fatigoso de apoiar no atril o pesadume dun medio centenar de folios.