Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 aprile 2009

PEDRA/LAXE/LIXO


Volve o espectáculo da policía intervindo caixas con productos falsificados na Pedra e polo que se ve por arredores. Hoxe pasei por alí para buscar algunhas postais caducas e fixen de turista máis ca accidental. As postais, aínda que vellas (patética a obsolescencia da oferta do agasallo) non tiñan aínda o aire kitsch que buscaba. Gaitiñas de fol rojigualda, potes xibarizados para a queimada, panos cos rancios retratos de galega e galego aparecían ciscados polas escaleiras daquel monumento ao cutrismo local. 
A min, con todo, ese tipo de comercio paréceme ata entrañable, pero o zoco de recunchos onde se mercadea con prendas traidas de non se sabe onde, reconstruido polo propio concello con pretensións artísticas, resulta bochornoso se non alcanzara por veces a categoría de cova delincuente. 
Máis abaixo a rúa Teófilo Llorente está sendo arranxada con propósitos humanizadores, que consisten en aplanar o terreo e colocar láminas de granito de Porriño esnaquizables coa primeira furgalla que vén servir os decomisos ou something like that. E ao final da rúa sobrancea o templo das ostras, con arquitectura (por empregar algún termo) high tech simuladora de velas ao vento para acubillar (e estragar de paso) un dos lugares (xa estragados) máis visitados e máis famosos de Vigo. Cando ruxe a marabunta turística polas mañáns dun domingo chega a ter un encanto especial, pero fóra desa apoteose o esceario remata por ser desolador e desacougante. 
Este particular entorno de Vigo, un dos máis celebrados polos visitantes (o albariño fresquiño da casa tomado cunhas frugais ostras contribúe moito), é ao tempo un dos lugares menos cuidados, menos atendidos. Non sei se as autoridades (e non fago distingos) cren que esa fasquía cotrosa que rodea esas laxes, eses cons que aínda se poden admirar debaixo da fantástica casa Bárcena onde antes batía o mar, pode ser símbolo ou signo desta olívica urbe (toma marco incomparable). Non sei se nacer en Vigo e miralo desde neno dá outra perspectiva ao asunto. Pola miña banda, nada hai se cadra nesta fermosa cidade máis deprimente.   

6 commenti:

Anonimo ha detto...

Non será porque cada ano amañan esa rúa cos nosos cartos.Non aturo a frase cidade olívica.Se che fixeron os biberóns con auga da Falperra non podes usar esa expresión. Sobre o de Marco Incomparable é xa pra potar. Parece de Telecinco cando empezaban

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Marco incomparable, cidade olívica, anfiteatro da ría...

r.r. ha detto...

Estamos para o que estamos: para comer e beber. O que queira ver cousas bonitas que compre Marca ou Hola.

r.r. ha detto...

Ah, e por certo: a foto é xenial.

xdc ha detto...

La ría, en donde otrora se batieron galeones cargados de tesoros, da forma al marco incomparable que abraza a la bella ciudad olívica, orgullo de sus habitantes y ejemplo de la riqueza paisajística de las tierras de nuestra España.

Anonimo ha detto...

A min anfiteatro da ría gústame