Caxigalines nella Reguera'l Campizu

14 aprile 2009

FEIJOO NO ATRIL


Leo reseñas amplas do discurso de Feijoo tras escoitalo durante algo máis de vinte minutos pola radio. Dispoñía ao parecer o candidato de tempo ilimitado para expoñer a súa proposta de goberno e non sei ao cabo canto durou a representación oratoria. Entre o pouco pero suficiente que escotei e os resumos apresurados dos xornalistas, podo dar algunha das miñas impresións:
1. Ou estaba moi nervioso (o cal parece raro á altura xa avanzada do discurso que eu cheguei a escoitar), ou non sabe ler coa fluidez necesaria (descontado o evidente handicap do galego para alguén non afeito) ou non sabe interpretar coas pausas e os énfases oportunos o que le (atonía prolongada de devorador de letras: os aplausos das súas bancadas soaban a encargo ou a cla prepago), ou non entende o que pronuncia (como delataban certos lapsos inaceptables), ou tiña presa cando aínda faltaba un mundo por rematar un texto a todas luces demasiado longo (e polo tanto non preparado) ou non tiña plena conciencia de como estaba organizado o discurso (como demostraban os anticlimáticos peches dalgún epígrafe) ou decididamente mudou o esperable texto de investidura de oratoria exemplar por un mecánico relatorio (de insulsa sacarina retórica) dun suposto programa de partido. 
2. Derivado do torpe desaliño da performance, o contido do discurso quedou reducido a inconcreción suma. Parole, parole e máis parole, sen forza siquera de convicción. Algunha frase curta con compromiso dunha solemnidade forzosa e desmaiada (días de agarda quirúrxica, menos publicidade e máis cartos para dependencia), para espertar á troupe en letargo e, sobre todo, aos próximos conselleiros que aínda non saben de que vai o couso este. Apurou aínda máis o paso en recetas para a crise, con marchamo de placebos xa preparados para investiduras descafeinadas. Pareceume escoitar algo sobre a reforma dun estatuto, pero o ínfimo entusiasmo das súas palabras sumado á lembranza miña da derradeira espantá convertiu todo nun dejà vu demasiado soñado. 
En fin, un discurso, á marxe da exposición de ideas xa coñecidas sobre a imbricación de Galicia na Democracia Española (díxoo dúas veces: evitou por esta nova vía a palabra España?) ou no fondo sobre a inmarcesible españolidade de Galicia, moi pouco atractivo, dirixido con desgana a cumplir o trámite xa se sabe que fatigoso de apoiar no atril o pesadume dun medio centenar de folios.

4 commenti:

eva al desnudo ha detto...

¿Es que aquí todo el mundo tiene sevillanitas de estas menos yo?
:)))))

O primo ha detto...

Vostede é un heroe. ¡Vinte minutos! Alégrome moito de ter entrado aquí antes de caer na prensa do día (tanto a de onte como a de hoxe, paradoxo de Mr. Bean?). Agora evitareina con máis ganas e coa conciencia tranquila de ter a realidade do país actualizada agradablemente.

¿Se cadra debería calar como o outro Mr. Bean?

Turmano ha detto...

Pero a alguén lle interesa realmente o que diga este tipo? (o que diga, non o que faga, que serán, inda por riba, cousas distintas).
Digo o que xa dixen onte por aí: comprendo que a democracia teña os seus tempos e os seus protocolos, pero estes paripés son unha perda de tempo e de esforzo (e de cartos, que esa xente cobra por asistencia).

marcel wann ha detto...

Eu, se Feijóo se botara atrás no tema do decreto do galego e decidira acabar co caciquismo-enchufismo-sectarismo, xa me daría por contento.

Agora en serio, é para min ben triste ler os comentarios que sobre o discurso de Feijóo fan a meirande parte dos timoratos opinadores na prensa galega. Mansa, mansedume, mansedade, mansiños, mansotes, amansados, amansadores. Aquí non se fai crítica política seria, excepto cando tocan os intereses da empresa xornalística de turno. Aquí todos toditos todos con Feijóo, aínda que sen moito entusiasmo nos titulares, por aquilo de a ver qué pasa.

En Galicia as ideas de esquerda foron barridas... por non ser exercitadas. Que hai/houbo de pensamento de esquerdas nas actuacións de "Pachi" Vázquez? Que ideas de renovación da esquerda están a propoñer desde o BNG os candidatos (un gañador tapado e outro de recheo, os dous coa connivencia da UPG)?

Feijóo chega á presidencia empregando formas suaves, dondas, e lavadoconperlán. Xa non berra coma na campaña. Tranquis, que non vén o lobo. Cando nomee os seus conselloiros no Obradeiro poderemos comprobar a veracidade do seu suaviter in modo vaselínico. A ver qué fan coa RTVG. De momento, Pilar Rojo, próxima ao OPUS, está de presidenta do Parlamento "galego". Xosé Manuel Baltar de vicepresidente do Parlamento "galego", qué bien. Puy de voceiro! Oh!