Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 novembre 2009

LOPEZVÁZQUEZ


Lopezvázquez era a combinación de apelidos máis respectada na casa. Cando os meus pais decidían ir ao cinema, aló polos finais dos 60 e principios dos setenta, esa palabra era definitiva. Cando poñían (ou botaban ou daban que todos estes verbos valen) unha película na tele obrigatoria e saía ese nome que deixaba de ser unha suma de apelidos comúns para se convertir en fetiche, a aposta polo sofá de escai para mirar o filme era segura. Non mirara eu ningunha película del e xa sabía que, ao lado de termos indiscutibles, tipo Carigrán, Cargable, AlanLad, Carolombard, Lanaturner ou Betedavis, o de Lopezvázquez era irrenunciable. Nacín dando por suposto que algo así chamado podía convertirse en sagrado, aínda que meus pais ao día seguinte enrugaran o aceno e admitiran que a película non valera un peso, pero que Lopezvázquez era único.

A min, logo, xa me gustaba por prescripción familiar e sen velo nin un só instante ese tal Lopezvázquez. De tanto velo en tantas películas, en tantas representacións teatrais, pero, sobre todo, de tanto mirar aos meus pais devotos dos seus esaxerados tics de histrión cómico comecei a gustar del. Debe ser que isto dos gustos nunca nacen do ADN e si do que apreza o entorno máis próximo e a min tocoume por fortuna aprender a admirar aos cómicos, aos actores e ás actrices que fan rir máis que aqueles que acostuman a mover á bágoa ou á compracencia tráxica. E Lopezvázquez facía rir sempre, aínda que con aceno amargo, o cal engadía unha gravidade cómica aos seus personaxes para facelos universais. Desde El pisito de Ferreri (1960) ata calquera desas películas tan infames coma alimenticias dos anos setenta nos que facía de patético homo hispanicus encebolado por mulleres inacadables, capaces de alternar con eminencias da comedia esperpéntica como El verdugo, Vivan los novios o Plácido, as tres dunha Berlanga único. Contar un a un os seus papeis durante estes anos é contar a propia historia do cinema.

O canon social das artes imitativas tende a sublimar os xéneros máis dramáticos. Debeu ser iso o que levou a Lopezvazquez a alternar por uns anos (finais dos sesenta) o rictus grotesco coa faciana adusta en películas de pretendido fondo social, como aquel Peppermint frappé de Saura ou máis adiante con Mi querida señorita de Armiñán, ou co mesmo El bosque del lobo de Olea, no que a historia do lobishome adquiría unha dimensión política engadida. Estes traballos concederon a Lopezvazquez un prestixio único: non só era quen de representar como ninguén ao cómico bufo da vella tradición occidental senón de abordar papeis estraños, difíciles, de corte tráxico e severo.

Uns e outros papeis conforman unha filmografía de máis de 250 películas. Algunhas delas son obras mestras da cinematografía mundial, con el coma principal figura; outras foron concebidas para aproveitar de principio ao fin o seu talento; o conxunto constitúe un caso eminente da historia do cinema. 

Pero bastaría a lembranza dun home calvo berrando cunha frecha de ventosa pegada na fronte e unha cinta de comanche mentres corría por un pasillo demasiado familiar para que todo o demáis só fose o complemento ideal dun home que nos fixo rir a gargalladas (coa necesaria amargura) durante todos aqueles nosos anos en branco e negro.

7 novembre 2009

A ARTE DE VOAR NUNHA CONFERENCIA


Levo escoitadas moitas conferencias, charlas, mesas redondas na miña vida. Máis ca suficientes para concluir que na meirande parte dos casos (un 80% máis ou menos) o tempo empregado resultou impertinente a case todos os efectos, escusada a parte afectiva ou fetichista de ver a unha persoa que coñecías da escrita o da fama empoleirada nun teatriño. Tal conclusión exerce ás veces de prexuízo na actualidade e debo recoñecer que acudo a poucos actos coa esperanza de divertirme (se aprendo tamén pois benvida a casualidade). 
Pero onte asistín a ese momento único e irrepetible que de cando en vez se produce cando unha persoa fala a un auditorio. E ademáis co engadido da sorpresa, xa que ignoraba ata o momento en que levaba vinte minutos de conferencia (cheguei tarde á presentación) de quen se trataba en puridade. 
Na súa primeira parte da intervención amosou pequenas pezas do seu labor fotográfico e algunhas colaboracións (excelentes) con distintos debuxantes do cómic, de variada pero impecable factura. A charla tomou un xiro inesperado cando comezou a falar da súa última obra. Ao comentar que era unha obra especial na que contaba a vida do seu pai, advertín que eso me era coñecido. Contou cun estilo magnífico os principais detalles da vida axitada e complexa do seu pai anarquista ata chegar ao intre exacto en que recoñecín de forma definitiva de quen se trataba. 
Ata ese momento era un tipo simpático, entrañable, acollente, palabras que non din gran cousa en termos xerais, pero que nos ambientes universitarios son un eloxio desmedido, habida conta do nivel especial de engolamento e soberbia que abunda. A noite anterior saíramos a tomar unhas copas con el e amosou unha conversa divertida e intelixente, sempre cariñosa e afable. Pero no momento en que comezou a contar como foi elaborando a novela gráfica que presentaba, a súa bonhomía cobrou gravidade (involuntaria pero afortunadamente) e a sala entrou nun silencio estraño, sobrecollida pola magnitude do relato e pola forza emotiva das imaxes que ía proxectando na pantalla. Algún aceno furtivo de contención dos sentimentos aumentaba a emoción do momento, mentres a excelencia dos textos que lía e dos debuxos que acompañaban á narración impedían o abandono á posible traición dos afectos. Pouco a pouco a conferencia convertiuse nunha das experiencias máis extraordinarias que teña vista. Así llo fixen saber publicamente ao gran Antonio Altarriba, quen, desde o esceario, creo, estaba asimilando aos poucos o exercicio insólito que remataba de facer. En efecto, cando me acerquei a falar con el despois da charla, confesoume que era a primeira vez que falaba de algo tan íntimo en público e que estaba abraiado polo resultado. O sorriso con que conversa agochaba a duras penas a amargura e fascinación do relato.
O libro en cuestión, a obra mestra da que falou, é El arte de volar. O debuxante é o famoso Kim e a historia é a tremenda e fascinante historia de Antonio Altarriba pai, cuxo final dá comezo ao libro e constitúe o cerne completo da súa narración. Non comento nada máis: deixo a outros ese afán. O certo é que onte coñecín a un home extraordinario que veu falar doutra cousa e rematou presentando un libro excepcional, probablemente un dos mellores libros que eu lín nos últimos tempos: eso si: unha novela gráfica, pero unha obra clásica do cómic en español.  

2 novembre 2009

LA OCA: UN PRACER NUNHA NOITE DE VERÁN DE OUTUBRO


Ten un aspecto moi familiar. Pequeno, iluminado con apliques un tanto avellentados, adornado con cadros nada rechamantes e pintado dun amarelo que xa non se estila, o restaurante La Oca, en plena praza do mercado de Teis, é unha alfaia da comida galega. Apenas seis mesas, ateigadas un venres pola noite (única oportunidade para as ceas), son suficientes para amosar un cuidado na cociña extraordinario. 
Para a última ocasión en que puidemos disfrutar de tal pracer, eliximos menú degustación (35 euros, sen ive), opción só aplicable para a mesa completa. Deste xeito, aproveitamos unha deliciosa ensalada de chèvre chaud, morna e crocante, unhas amanitas á prancha, transparentes e deliciosas, un arroz con choquitos da ría e cogumelos, bordado coma sempre (probablemente o mellor arroz negro que se pode xantar en moitos kilómetros á redonda), unha pescada no seu punto de cocción, coas láminas dos toros despregadas case coa ollada sobre o prato, e un xarrete axelatinado, case ao pil ao pil de houber tal consideración para a salsa excelsa do final. Os postres, xeado de froitas de tempada con lixeira crema da froita da paixón e unha torrija en estado de beatificación, engadiron excelencia ao conxunto, só algo afeada por un café de pota inaceptable e un viño de grandísimo nivel (un López Cristobal) a unha temperatura algo inapropiada. 
A pesar destes levísimos reproches, a experiencia de volver a este lugar tan familiar e tan acolledor segue a conservar os mesmos grandes estímulos para o padal. Só Maruja Limón pode competir con eles con algunha nota máis alta, probablemente por razóns que teñen máis que ver coa maior ambición observable no restaurante da rúa Victoria que coa magnificencia certificable de ámbalas dúas cociñas, as mellores sen dúbida de Vigo e arredores. 
 

1 novembre 2009

CAIXA, UNHA E GRANDE


Todo apunta a unha fusión das dúas caixas galegas. Dase por descontado tendo en conta as condicións previas e a escasa envergadura dos poderes que puideran parecer (vexan o circunloquio) contrarios. Apenas un sindicato e o suposto localismo vigués temeroso de verse engulido polo peito financeiro do itsmo herculino. Porén, as distintas opinións ao respecto serven de proba evidente do difícil que resulta manter coherencia en cuestións ideolóxicas ou en planteamentos económicos. 
En primeiro lugar, a da Xunta de Galicia actual, gobernada por un partido defensor do dictado neoliberal, supostamente antinacionalista en materia económica, agás para dar de modo habitual pulo á economía española. Neste caso, Feijoo e cía asombran pola súa contumacia galeguista, con argumentos que parecen sacados do programa do BNG. Non resulta estraño que o BNG, ao coincidir básica e case por completo coa proposta de fusión, engada para se diferenciar do PP esa condición política de chegaren os tres partidos a un acordo nacional sobre o particular. Sexa por acordo (ou se adiante ás suxestións do Banco de España, para que a cuestión non cause demasiados receos internos ao comprobar o BNG que PP acolle entusiasta a fórmula nacionalista de "defensa dos intereses de Galicia") ou sexa por decisión de Feijoo (resulta insólito ver como aceptan nestes casos suxeitos que non gustan do presidencialismo do sistema e que afean o teor autoritario do actual presidente que tome tallantes decisións), o certo é que un notable nacionalismo move a asumir a conveniencia de fundir caixas. O localismo é, nestes casos, a coartada perfecta, sen se daren de conta de que tan localista pode resultar a idea de defender unha caixa galega como que esta arraigue nun territorio máis limitado. En certos ambientes políticos piden unha caixa por comunidade autónoma, pero probablemente a situación non dá para tanta exactitude. Noutro lugar comentei que as caixas italianas (de réxime cooperativo, por exemplo, na Toscana) funcionan razoablemente ben e a ninguén se lle ocorre fundir todas nunha entidade superior capaz de abarcar unha rexión enteira. 
En España está anunciada unha inexorable reducción de caixas (sen lugar para a discusión ou para o debate: non consta que o decreto lei sobre o FROB recibira demasiadas obxeccións alomenos no seu intento de concentrar entidades) e, polo tanto, calquera decisión ao respecto anula a adición de argumentos complementarios. Digamos que está escrito: só falta poñerlle nomes ás resultantes. O PSOE, por esta mesma razón, admite sen discusións o asunto porque del depende o movemento inicial, pero prefire ir detrás do que vaia marcando a propia dinámica do debate, sobre todo porque os alcaldes de Coruña e de Vigo, ámbolos dous do seu partido, e ao parecer edecáns de cadansúa caixa, xogan a baza localista, explicable porque ese gran concepto xurídico da razón social ou domicilio fiscal da caixa resultante condiciona a súa posición política. 
Os resultados da fusión, venteada desde o xornal de Arteixo e torpedeada desde o de Redondela, están por ver. Á marxe dos aspectos laborais, nada desdeñables xa que supoñen o despido de case 1500 persoas, a presencia dunha soa caixa de aforros pode agochar un caso exemplar de monopolio financeiro, especialmente para aforradores ou solicitantes de créditos que poden ver limitadas as súas posibilidades de réditos ou de financiación en condicións favorables, e desexen que os seus cartos se empreguen en fornecer actividades económicas de marcado carácter social. Probablemente esta miña reticencia poda ser neutralizada se se producen cambios notables no control democrático das caixas (más fragmentariamente politizado se cabe: non tan partidista) para evitarmos o moi posible clientelismo destes instrumentos financeiros da man dos poderes públicos: o espectáculo de Caja Madrid (un extremo noxento dun latente modelo pervertible pola súa identificación cartos territorio: ese claro nacionalismo madrileñista) é un exemplo notorio do final acadado por unha caixa perfectamente dominada polos poderes elixidos. A política democrática non consiste só en votar nas urnas senón en diluir o poder entre todos os axentes da vida social para crear unha rede na que os contribuintes e os cidadán dispoñan de ferramentas de control e de participación na vida económica dun país: a constitución dunha caixa (nacional) cun marcado dominio presidencialista outorga demasiado poder a unha soa instancia, nunha inaceptable concentración de resortes executivos. Cando se trate de regular a vida política dun país desde esa plataforma única, sen dúbida monopolística, que ninguén despois se chame a engano. 
Haberá, case sen dúbida, unha soa caixa en Galicia. Non hai forzas suficientes para detela. O tempo dunha Caixa de Galicia é chegado. A min pouco ou nada me entusiasma. Xa estou mirando en que outra entidade bancaria me van dar mellores condicións para nóminas e empréstimos. Non me gustan ou me gustan moi pouco as caixas obrigatorias. 

Nota: Da Caixa Galicia é a libreta dos meus cartos.  
Outra nota: a ilustración é do banco máis vello do mundo: o Monte dei Paschi di Siena, desde 1473. Un Monte Pío, como o lugar onde habita o presidente da Xunta.

29 ottobre 2009

NOVO TEIS/ NO VOTÉIS


Oufana camiñaba a pasada semana Sanjurjo Badía arriba a troupe inauguradora, con Caballero á cabeza, tras meses de fendas e valados. Concluía o estado de sitio desta vía principal de Teis e, en apariencia, a sensación de vila mineira que tivo todo aquel atrezzo durante case un ano. 
Coa imaxe do prócer e da correspondente procesión de sorrintes turiferarios, decidín mudar ao día seguinte a miña ruta, despois de case un ano de desvíos por rúas que só un ousado transeúnte e conductor desafiaría, e emprendín o asfaltado camiño da suposta camelot recén inaugurada. 
A expectativa de atopar un novo espazo máis agradable agromou hai catro meses, máis ou menos, cando puiden ver desde lonxe o bó material empregado nas zonas onde remataran o lifting de beirarrúas. Pero foi espellismo ao comprobar o outro día nun demorado recorrido pola zona o grave dano que causa á estética en xeral e ao urbanismo en particular o horror vacui de arquitectos e compañía. Porque hai que recoñecer que só baixo esa premisa pode explicarse o amoreamento de mobiliario urbán no pouco espazo que o novo deseño deixou para viandantes. Impedimentas notorias, tales como longos paus de ferro bermellón, a pouca distancia uns dos outros, dos que pendura un ramallo de greña vexetal a modo de copa queroenonpoido, coma se fose un sucedáneo de arboreda ou de columnata verdescente. Ou como as conservadas ringleiras de contedores de todos os colores, todos acumulados nun breve treito da rúa, que acurrunchan aos viandantes no seu paseo. Ou coma esas farolas inevitablemente novas, maceteiros con flores do trinque que o outono ou un mal bicho apagaran para sempre, bancos nos que hai que meter as pernas para dentro para non atrancar a rúa e papeleiras naqueles lugares onde un metro cadrado quedou sen ocupación. Todas elas, nunha sucesión interminable de obstáculos para os peóns que quedan con idéntico ou menor espazo ca antes da restructuración. 
En troques de deixaren expedito o paso para o camiñante, teimaron en colocar todas as variedades do infinito e atrabiliario mobiliario urbán que atoparon nos armacéns sen vender a outros concellos. A pedra empregada para as beirarrúas parece boa (haberá que ver se soportan o peso das rodas das furgallas que xa hoxe invadían algunhas delas) e o asfalto lisísimo da rúa (coas liñas dunha pintura branca, prístina) elegantea a rúa. Pero o novo panorama apenas muda a sensación xeral de que houbo escasa ambición nos planteamentos de humanización desta zona e de que todo queda, con apariencia de reforma, igual que ao principio: ou sexa, incómodo, estreito e indigno dunha zona merecente dunha maior atención por parte do concello.

27 ottobre 2009

XIN E XAN: A INTELECTUALIDADE EN BRANCO E NEGRO



A política dos últimos tempos (póñanse os anos que un crea convinte) tende á dualidade. Os propios partidos políticos reforzan (mesmo en xeografías coma a galega onde hai tres con propósito de representación) esa teima co conseguinte deterioro do rigor crítico. Se o asunto ficara librado en termos parlamentarios, coa correspondiente dose de torpeza ou tosquedade política, todo podería resultar comprensible. O que resulta máis estraño é observalo nos ambientes intelectuais ou na opinión pública, supostamente destinada a fiar fino e a botar luz ao combate dialéctico. 
Á marxe de que os propios políticos -non contentos co atril que a cidadanía lles cede de forma provisoria para encarnar a súa voz no parlamento- decidan ocupar e invadir de xeito impropio as palestras dos xornais, os xornalistas, os escritores/as, os profesores/as deberían aquilatar ao máximo as súas ideas co propósito de ir máis aló do que a superficie (ese espazo simplicísimo que adoitan presentarnos os partidos) amosa. Deberían examinar con detalle, con especial cuidado, o discurso político, non deixarse levar pola participación nun lado ou noutro do debate. 
Advirto en moitos columnistas (hai que dicir que cunha preocupante ignorancia en certas materias, necesitada de consultas máis rigurosas de documentación ou simplemente de diccionarios e manuais) un marcado sesgo partidista, unha redundante (e polo tanto prescindible e innecesaria) toma de postura, xa exposta polos partidos no seu lugar natural. Noto en moitos opinadores unha tendencia tan predeterminada e esperable, que se fai completamente inocuo o seu comentario, se non fose porque ocupa o lugar a persoas que se cadra poderían aportar ao debate novidades substanciais. Sinto unha preocupante dualización da discusión política, que, aínda que é alimentada polos propios partidos, interesados en cobrar pezas grosas para as eleccións e en montar o balbordo preciso para ocultar o principal, non debería afectar ás clases lectoras e cultas, emisarias obrigadas da imprescindible visión complexa e poliédrica da sociedade que teñen de diante. Asisto estupefacto nos últimos tempos a artigos insultantes, a modos deleznables de revisión da opinión dos outros, a vendette e insinuacións vergoñentas, sen que un poda comprender, neste ámbito intelectual, a utilidade social e política que podan ter estas simplificacións obscenas. 
Que os partidos ocupen o tempo en procurar convencer ao electorado e, sobre todo, vencer ao contrincante non debe escandalizarnos o máis mínimo: a retórica aprende estas leccións. Pero no terreo da exposición intelectual ou da argumentación rigurosa, calquera maximalismo soa sempre ou á compracencia ideolóxica ou de parte (esa doada agarradera para casos de dúbida) ou á complicidade indigna co poder establecido (esa subtil forma de ser independiente a costa de ser ti mesmo o que manda sen remorsos nin escrúpulos). 
Ou sexa: sempre a dúas cousas, a branco ou a negro, a conmigo ou contra min. Así nos vai.

25 ottobre 2009

STABAT MATER DE TIZIANO SCARPA, UN PICCOLO CAPOLAVORO


Para ler este post, pódese escoitar ao tempo esto.

O último premio Strega de novela en Italia foi para Tiziano Scarpa, o autor da famosa e singular guía de Venezia titulada Venezia è un pesce. A novela que gañou por un só voto a Antonio Scurati Il bambino che sognava la fine del mondo foi Stabat Mater, non sen unha ulterior polémica sobre o nivel de influencia de cada un dos finalistas sobre o sistema literario italiano e non sen durísimos ataques entre eles sobre as súas respectivas relacións co poder e con Berlusconi máis concretamente. Foi un dos episodios máis entretidos do verán, nunhaxa  longa xeira de desencontros sobre este particular, posiblemente porque se trata dun premio á novela publicada ese ano, que outorga ao escritor un extraordinario pulo de vendas. Serviu, ademáis, para comprobar, unha vez máis, o vello refrán de que as fabas son sometidas a cocción en todos os figóns do mundo. 
O libro en cuestión é unha longa carta dunha orfa chamada Cecilia á súa nai descoñecida desde o Ospedale della Pietà, a vella institución veneziana que mira ao bacino de San Marcos coa súa limpa e branca fachada. Nela, a voz íntima, intimísima, desta moza de dezaséis anos, abandoada nos tornos do orfanato recén nada, vai explicando o día a día nas celas do edificio, as súas escapadas pola noite, pola escuridade dos corredores, para consolar o seu insomnio ou para fundirse co silencio e a soidade dese laberinto de baleiros e ruidos que se fan co tempo familiares. A meirande parte do tempo transcurre nunha clausura permanente, nin siquera liberada pola maxia da música que ten que tocar na igrexa, semioculta detrás das rexas do coro, elevado sobre os espectadores que apenas alcanzan a ver nada. Ás veces sae ao exterior para contemplar o bater da auga na pedra ou, nunha das máis marabillosas esceas que levo lido en tempo, para saír en barca no medio da néboa, xunto a outras raparigas, ás agachadas da xente que non pode miralas, polo medio da lagoa veneciá. Neses instantes, a descripción breve e suxerente, deixa paso a minuciosas exploracións da alma pechada, coma aquela na que se ve a sí mesma como unha violinista que tocara o instrumento baixo a auga, afogada a súa voz entre a inmensidade do mar. O libro enriquécese con diálogos alternados que a propia Cecilia transcribe a súa nai e que mantén cunha figura ensoñada, co rostro da Medusa cos capelos de serpente e co nome da propia Morte. Nestas breves conversas, a orfa encarna a un tempo a súa propia figura, pero tamén a da súa nai e, como resultado de todo isto, a das mulleres, recluidas non só nun edificio senón no seu propio corpo, condenado á simbólica escuridade do orfanato. A primeira parte do libro ofrece a progresiva concienciación do corpo desta moza noviña, que atopa en Vivaldi, o mestre compositor que substitúe ao rutinario e mortuorio don Giulio na dirección do célebre coro de nenas do Ospedale, a excusa perfecta para dar saída aos seus sentimentos amorosos, ata ese momento ocultos, negados. A historia así descrita podía ser considerada como a enésima volta do vello tema da aprendizaxe erótica a través da música ou da emoción e o entusiasmo da súa práctica, pero Scarpa consegue escapar a tan doada escenificación narrativa pola vía dun complexo exame do universo femenino pechado entre pedra e carne.
As palabras de Cecilia xurden entrecortadas, en párrafos aillados: ás veces relacionados, ás veces case evacuados coma fugaces desafogos sobre o que vai acontecendo. O esforzo literario que esto supón (o mantemento dunha voz epistolar, a base de impulsos breves do tamaño do parágrafo ou dun salouco) ilústrase cun italiano rico de suxestións e cheo de imaxes insólitas e magníficas. Para quen estea habituado ao estilo de Scarpa e guste del, Stabat mater non o vai decepcionar nin un ápice. 
Non sei cando veremos por estes lares a traducción desta breve novela que se le dun tirón entusiasta, pero xa desde agora convido a que recoñezamos a riqueza da literatura italiana a través deste piccolo capolavoro, vido desde a lagoa véneta, berce de tantas extraordinarias cousas e peixe que desde a distancia nos devora coa súa memoria. 

Ilustración: Portada da traducción alemana.