Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 ottobre 2009

XIN E XAN: A INTELECTUALIDADE EN BRANCO E NEGRO



A política dos últimos tempos (póñanse os anos que un crea convinte) tende á dualidade. Os propios partidos políticos reforzan (mesmo en xeografías coma a galega onde hai tres con propósito de representación) esa teima co conseguinte deterioro do rigor crítico. Se o asunto ficara librado en termos parlamentarios, coa correspondiente dose de torpeza ou tosquedade política, todo podería resultar comprensible. O que resulta máis estraño é observalo nos ambientes intelectuais ou na opinión pública, supostamente destinada a fiar fino e a botar luz ao combate dialéctico. 
Á marxe de que os propios políticos -non contentos co atril que a cidadanía lles cede de forma provisoria para encarnar a súa voz no parlamento- decidan ocupar e invadir de xeito impropio as palestras dos xornais, os xornalistas, os escritores/as, os profesores/as deberían aquilatar ao máximo as súas ideas co propósito de ir máis aló do que a superficie (ese espazo simplicísimo que adoitan presentarnos os partidos) amosa. Deberían examinar con detalle, con especial cuidado, o discurso político, non deixarse levar pola participación nun lado ou noutro do debate. 
Advirto en moitos columnistas (hai que dicir que cunha preocupante ignorancia en certas materias, necesitada de consultas máis rigurosas de documentación ou simplemente de diccionarios e manuais) un marcado sesgo partidista, unha redundante (e polo tanto prescindible e innecesaria) toma de postura, xa exposta polos partidos no seu lugar natural. Noto en moitos opinadores unha tendencia tan predeterminada e esperable, que se fai completamente inocuo o seu comentario, se non fose porque ocupa o lugar a persoas que se cadra poderían aportar ao debate novidades substanciais. Sinto unha preocupante dualización da discusión política, que, aínda que é alimentada polos propios partidos, interesados en cobrar pezas grosas para as eleccións e en montar o balbordo preciso para ocultar o principal, non debería afectar ás clases lectoras e cultas, emisarias obrigadas da imprescindible visión complexa e poliédrica da sociedade que teñen de diante. Asisto estupefacto nos últimos tempos a artigos insultantes, a modos deleznables de revisión da opinión dos outros, a vendette e insinuacións vergoñentas, sen que un poda comprender, neste ámbito intelectual, a utilidade social e política que podan ter estas simplificacións obscenas. 
Que os partidos ocupen o tempo en procurar convencer ao electorado e, sobre todo, vencer ao contrincante non debe escandalizarnos o máis mínimo: a retórica aprende estas leccións. Pero no terreo da exposición intelectual ou da argumentación rigurosa, calquera maximalismo soa sempre ou á compracencia ideolóxica ou de parte (esa doada agarradera para casos de dúbida) ou á complicidade indigna co poder establecido (esa subtil forma de ser independiente a costa de ser ti mesmo o que manda sen remorsos nin escrúpulos). 
Ou sexa: sempre a dúas cousas, a branco ou a negro, a conmigo ou contra min. Así nos vai.

7 commenti:

Ian ha detto...

Moitas grazas pola reflexión. Dáme moito que pensar. Quen dixo aquilo de que de tanto combater ao monstro acabas por parecerte ao monstro. Ao mellor é cousa de aceptar que toca unha moratoria, un tempo de barbeito para madurar algo mellor.

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Vostede, amigo Ian, non é precisamente exemplo do que digo. Non nos faga moratorias; fáganos ese favor.

cornatelo ha detto...

Soamente dicirche que os bercianos do Bierzo nos alegramos porque outros bercianos de fóra defendades a nosa lingua galega. Que saibas que dende hai tempo intentamos recuperar o idioma galego no Bierzo porque enriquece a nosa cultura comarcal bilingüe. Saúdos afectuosos de Xabier.
www.obierzoceibe.blogspot.com

De la Highway 61 ha detto...

Bercianos do Bierzo, bercianos de fóra. Debo estar espeso de todo. Se alguén me explica...

arume dos piñeiros ha detto...

Supoño que será bercianos (ou sexa nados en) que están fóra e bercianos (nados en) que teñen a fortuna (non por vivir na terra onde naceron, senón por vivir NESA terra concreta e fermosa) seguen a vivir alí. Porque berciano é aquel que naceu (e sigue considerándose como dalí, aínda que é lícito non considerarse dalí aínda nacendo por circunstancias da vida) ou vive no Bierzo. Así o entendo eu, amigo de la Highway. Non será vostede, irmán na fe de Dylan, tamén desa fermosa parte do mundo?

De la Highway 61 ha detto...

Joder. Pois vaia lío. Inda estou peor agora. E si, sonlle. Ou iso creo. Vou ter que reflexionar moito, coido, pero ao final acabarei sendo dos de fóra. É a historia da miña vida: fóra de Asturias, fóra de Galicia, fóra do Bierzo... Agora, xa sabe vostede que como fóra non se está en ningures, eh?

arume dos piñeiros ha detto...

Totalmente de acordo. Ser de fóra é sempre o mellor. Como fóra da casa non se está en ningures. O espazo é sempre máis grande e variado. E sempre atopas a xente que é de fóra. Fóra, sen dúbida, é un estado mental.
A min o que sempre me gustou de Ponferrada é que tiñas sempre a sensación de que eras de fóra e que estabas sempre ben porque todo o mundo era de fóra: ninguén nos preguntou de onde eramos. Sempre de fóra. Da mesma Highway, vamos.
Aquí en Vigo síntome exactamente igual: iso é o que me gusta desta cidade.