Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 maggio 2007

ANNIE LEIBOVITZ, DETRÁS DA CÁMARA

Onte puiden ver na televisión un excepcional programa sobre a fotógrafa Annie Leibovitz. Moi coñecida polas súas fotos, que comprenden iconográficamente o final do século XX, aparece retratada pola súa irmá, realizadora da reportaxe de máis dunha hora e media. Pola pantalla vai desfiando o catálogo da súa obra, mentres en primeira persoa Annie Leibovitz detalla a súa vida. Prototipo e derivación senlleira da arte pop neoiorquina, representa a traxectoria dunha muller enérxica, entregada ao seu traballo, perfeccionista, soberbia na súa pose estética, un pouco exhibicionista, pero cun talento descomunal. Axúdanlle a electricidade poderosa da cidade de Nova Iork, as fundamentais revistas nas que traballou (Rolling Stone e, despois, Vanity Fair) e as compañías intelectuais que propiciaron o seu arte. Entre estas, sobresae a de Susan Sontag, parella da fotógrafa e unha das personalidades culturais de referencia na segunda mitade do século XX no mundo. O recordo desta relación é a parte máis fascinante, máis emotiva e máis terrible do programa: por eses minutos, nos que apreciamos as bágoas de Annie mentres mira as fotos que tirou de Susan Sontag no leito de morte, paga a pena ver esa extraordinaria reportaxe. As fotos, dunha beleza fóra do común que aínda hoxe asoman nas páxinas do Magazine (cunha raíña de Inglaterra nunha paisaxe recreada do século XIX) quedan nun segundo plano cando se trata de contemplar o triste paso do tempo e a imposibilidade do retrato de fixar siquera a emoción do amor.
[A foto é, mellorando o presente, un pequeno agasallo para IPP]

2 commenti:

torredebabel ha detto...

non sei se o programa será tan bo como semella logo deste comentario. Son os riscos que corremos os lectores dos bos cronistas... Dende logo, as dúas merecen a proba.

marcos valcarcel ha detto...

Sempre admirei as fotos de A.Leibovitz e teño moitas recortadas e coleccionadas: son desas imaxes que, cando esqueces todo o demáis, aínda quedan a rondar pola memoria.