Andiven esta finde por Coruña (sen artigos). Fun de molladeiras de piso no Templeburg e aproveitei para visitar a FNAC (cunha moqueta e unha amplitude que convida ao gasto desaforado, aínda que o que teñan sexa igual que noutros lados: pero así tan churrusqueiro mola) e a exposición do señor dos aneis, ou máis ben a metade, porque a outra anda por Santiago. O curioso da exposición é (aparte do número de camisetas negras con logos ad hoc, pantalóns curtos e botas potentes, entre chirucas e caterpillar, dos siareiros) ver como a xente se detén nos videos, que amosan unhas reportaxes do making off que ben pode un ver nos extras dos dvds na tranquilidade do fogar. O resto, perfectamente esquecible. De feito creo que lembrarei máis a viaxe en elevador oblicuo, con canguelo incluido, ca calquera dos obxectos alí exposto.
O máis rechamante desta viaxe, aparte do fresco xeral e do nordés que sempre fai naquela cidade, é o cartel anunciador da exposición sobre cen anos de cartaces, xa exhibida en Vigo e da que falei hai tempo. Se en Vigo elixiron un cartaz dun tren que simbolizaba a forza obreira do sovietismo, en Coruña elixiron un anuncio balneario da praia da concha donostiarra, cunha muller en bañador e o mar seductor ao fondo. Deixo á reflexión esta distinción de cartaces entre Vigo e Coruña.
11 commenti:
Xa nos explicarás por que lle amputaches o artigo. Aos da Curuña sempre lles deu moito pracer andar fuchicando nel.
Non é que haxa dúas posibilidades de artigo, hai dúas cidades, coma sempre insisto; A coruña e Lacoru.
Pois non estou dacordo ,Arumes. Eu tamén fun ver o dos aneis e asegúrolle que non levo camisetas con logos de heavy metal nen botas caterpilar, a duda ofende. Ainda que a miña metade friki é máis da saga starjuords,pódolle asegurar que me molou un cacho ver os aparellos da peli, sobre todo ese peaso traxe de Aragon/Viggo Mortensen.Empapado do seu suor, con folerpas da súa pel...mmmmm!
Suroeste: pois eu creo que por Coruña tamén lles gusta amputalo. Tamén cabe a posibilidade de integralo a xeito arábigo de Alcoruña.
Moucho branco: hai tamén Coruña, dou fe, tal vez de xente que veu de fóra, pero existe. Para os que ven a cidade como unha cidade calquera, de contornos peninsulares, onde traballar e pasar (o mellor posible) a vida.
Lula Fortune: I love Vig(g)o, pero aquela carcasa estaba acristalada e non arrecendía nada do mítico suor mortensen.
Claro! que ben, ter un nome que cheire a galego é incómodo, un sempre ten que andar posicionándose. Os que veñen de fóra e só queren ser felices, todos temos dereito a selo, recortan o que sobra coma quen quita unha pedra do zapato, e andando e os que xa estaban dentro o mellor que poden facer é imitalos: Simplemente Coruña, coma o serial radiofónico. Haberá que preguntarlles aos que veñen de fóra e non queren enguedellarse nestas disquisicións sociolingüísticas que facemos en casos máis complicados e ao mellor amáñannos o país coma quen non quere a cousa: Pontevedra/Puentevieja; Sanxenxo/Sanjenjo; A Toxa/La Toja; O Seixo/El Seijo; O Niño da Aguia/El Niño de la Guía; Acea da Ama/Haciadama..... E non é por nada, pero os de Corcubión non sei como poden soportar dicir que son de Corcubión.
Cando digo de fóra, digo Carballo, Vilalba, Oza dos Ríos, pobos todos eles pouco sospeitosos de sacar croios dos sapatos por cheirar a galego. Pero, en fin, mesmo aos que veñen de fóra fóra (ou sexa máis alá das isoglosas) pouco lles importa que un lugar se chame Vilalba ou Villalba. Cando eu cheguei, hai xa moito tempo, a Galicia o único que empregaba o nome actualizado (ou sexa galeguizado) das rúas do meu pobo era eu: os demáis estaban tan afeitos ás formas vellas castelanizadas que non recoñecían o que eu lles dicía. Paradoxos da vida. Os que veñen de fóra non sempre quitan os croios dos sapatos: os da casa son, moitas veces, os máis tiquismiquis cos pés. E como ademáis os que veñen de fóra e fican sempre acaban sendo de aquí...
E iso que dis de Corcubión vale tamén para os que se chaman Manolo, Pepe ou María, con eses nomes tan rotundamente galegos.
Ben, Arume, recoñezo que a ironía en exceso é un condimento desagradábel. Desculpa. Agora vou intentar ser pouco artificiosa para expresar o que penso:
Ti mesmo chamáchesnos a atención sobre o uso do topónio sen o artigo da famosa controversia. A controversia hai que entendela enmarcada na aplicación (ou non) da Lei de Normalización Lingüística do ano 83. Xa choveu dese aquela, demasiado para que os poderes públicos non poidan aínda garantir que se cumpre a Lei.
Que se elimine o artigo no uso do topónimo A Coruña non quere dicir que se adopta unha posición neutral na polémica. Non hai posición neutral: ou arre ou xo.
Os que veñen (ou vides) de fóra case nunca teñen moito que ver cos nosos "demos internos". A Coruña é A Coruña e sempre o foi para as clases populares que falaban galego porque era a única lingua que podían falar os que non ían á escola. ¿Que para o mundo oficial e os seus representantes era La Coruña? Vale, xa sabemos por que. Agora, que non me veñan coa forma presuntamente aséptica e neutral de nova fornada "Coruña" porque é tan espúrea coma La Coruña.
A desmemoria é unha enfermidade moi común: teño alumnos que non me queren dicir como se chama o lugar onde viven. Dálles vergoña, deben ser topónimos difíciles de amputar, non é a doada operación que nos propuxeches.
Ben, ía falar do tema dos carteis, que non me extrañaba nadiña,que sempre che foron dúas cidades con enfoques totalmente distintos as de Vigo e A Coruña, pero vexo que o tema do artigo importa moito máis.
A verdade, á hora de escribir, pois como que poder xa dunha vez por todas poñer A Coruña é toda unha marabilla, mais por outra banda, á hora de falar, eu, que como di arumes, pertenzo a esa xente que ven de fora da cidade, de toda a vida foi Coruña, o artigo xa ía metido por lóxica ao dicir que "vou á Coruña, ou "estou na Coruña". Paréceme algo esaxerada a posición que mantés, anque ben a entendo.
Por outra banda o que non entendían foi o de Corcubión...aínda son moi ignorante en certas cousas.
Ah, aínda non fun ver a exposición e paréceme fatal que o señor arumes pase pola Coruña e non avise.
En calquera caso, o de incorporar os artigos ao nome propio son chafalladas indignas dun país serio e teñen moi pouco que ver co galego desde unha perspectiva histórica, son máis ben calcos do costume español. Se popularmente se emprega con artigo emprégase e punto, pero non se incorpora nunca ao nome propio. Tamén Porto sería "O Porto" e Brasil "O Brasil" (e Ferrol sería "O Ferrol" que o artigo non ten nada que ver co caudillo, estaba de antes). Despois pasan cousas como o de Ogrove, que aínda hai pouco se descubriu que o "o" non fora artigo na vida (os nosos devanceiros éranche ben máis listos ca nós).
A cantidade de nomes que lle puxen ao Ogrove por non ter claro cal era o topónimo correcto...
"Que se elimine o artigo no uso do topónimo A Coruña non quere dicir que se adopta unha posición neutral na polémica. Non hai posición neutral: ou arre ou xo." Un chiste: contan que nos anos 70 a un tipo que estaba nun pub no Ulster (un pub irlandés, claro) preguntáronlle sen anestesia: "vostede é católico ou protestante?", ao que el contestou: "pois mire, e que eu lle son xudeu". O tipo da pregunta ficou satisfeito. Aparentemente. Uns minutos despois achegouse de novo ao da barra e lle espetou: "vale, pero xudeu católico ou xudeu protestante?".
Xa sabe, amigo Arume, ou branco ou negro, ou comigo ou contra min. .
Posta un commento