Empezo polo final: nunca vira unha aclamación tan longa coma a que hoxe puiden escoitar no García Barbón despois de ver a La Cubana. Presentaban a reposición de "Cómeme el coco, negro", unha obra que eu xa vira no ano 1989 en Madrid, no teatro Nuevo Apolo (lembro a Santi Millán e a José Corbacho, dous pipiolos), un lugar insólito para un grupo independiente coma eles, pero perfecto para unha recreación entre paródica, irónica e nostálxica do mundo da revista. Non podo especificar máis detalles porque van estar mañán en Vigo, pero a sorpresa e a participación do público son as marcas de identidade desta compañía que, en pouco máis de vintecinco anos, son historia noble e excelsa do teatro en Catalunya e, por extensión que agradecemos, por toda España.
Non sei se era a primeira vez que estaban en Vigo con esta obra: tamén asistira a "Mamá, quiero ser artista", na que eu tiven un papel de meritorio, recompensado polos aplausos do público que recoñeceron o meu esforzo contra a vergonza e en favor do entusiasmo deste grupo excepcional de actores e actrices. En "Cómeme el coco, negro" hai un homenaxe á esencia da revista, pero tamén á farsa, á caricatura dos teatreiros, á ilusión perenne do teatro como lugar da risa, da diversión, do entretemento. Trátase dunha desmontaxe (non deconstrucción, por favor) dun espectáculo de revista, con todos os marabillosos elementos do metateatro, cos límites entre esceario e patio borrados por completo. A comedia en estado máis que puro, en estado efervescente, contaminado por variadas (varietés) músicas populares, chistes verdes (aínda efectivos), referencias satíricas á actualidade inmediata, sempre en ebulición entusiasta e fascinante. Non podo contar máis: mórdome a lingua. Só quero deixar constancia que esta compañía consigue o máximo que pode percurar un grupo de teatro: facer máis felices ás persoas. E abofé, que neste caso, o conseguiron: a faciana dos que saíamos do teatro era a viva imaxe da felicidade. Diso estaremos sempre eternamente agradecidos.
5 commenti:
Que sorte, eu só tiven ocasión de velos en video (sic) para unha clase de teoría do teatro, precisamente esta mesma obra.
Non a perdas, se tes oportunidade. Eso si, un pequeno consello: chega media hora antes. Consegue xa a entrada. Non te arrepentirás nunca.
¡que gorentoso texto! Eu vou esta noite que teño que chutarme unhas boas dosis de gargalladas para ver de saír deste estado de perplexidade crónica no que me atopo, saúdos compañeiro!!!
O feeve ou como se chame onde tes os blós que lees non cho vexo actualizado...
Tamén fumos a miña muller e mais eu a velos. Ela, que devece polo teatro, especialmente cando se trata de esta sorte de comedia, e polo tanto ten criterio, dixo que a función fora sublime. Eu, claro está, dixenlle que sí, pois non adoito a terquear nin a por chatas cando concordo co xuicio. E menos a miña dona
Occam
Posta un commento