Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 febbraio 2009

DISTANCIA E ESQUECEMENTO


A teima por que as persoas que se atopan fóra do país poidan votar só se explica por unha malentendida noción da cidadanía. Ou máis ben pola aplicación irracional do concepto aborixe para as decisións políticas. Nacer nun lugar, circunstancia fortuita, non debería servir para exercer para sempre o dereito ao voto. Ser fillo/a, ou neto ou bisneto (velaí ata onde pode chegar o disparate), dunha persoa nacida dese movemento do azar menos. Vivir no país onde se exerce o voto (contribuir cos impostos, estar empadronado, "veciñanza administrativa" di o Estatuto) debería ser o único requisito imprescindible.
Levamos facendo esto desde hai ben anos e a ninguén se lle ocorre mudalo. Todo o contrario: imos na dirección oposta, coa ampliación do número de votantes cada ano. Se a iso lle engadimos a falta (insólita) de garantías para a certificación ou identificación de tales persoas, a situación constitúe unha estafa absoluta. Á inversa, as dificultades amosadas para que os chamados inmigrantes que levan vivindo aquí moitos anos (cidadáns deste país, aínda que non tiveran esa fortuna de saír do ventre das súas nais baixo o ceo que está por riba do que convimos en chamar Galicia) poidan exercer o seu voto corrobora a inxusta idea de que vale máis ter un vencello aparentemente fortuito con Galicia (ser galegos para toda a vida, mesmo se marchamos ao día seguinte) ca vivir nela no momento en que hai que elixir aos seus representantes. 
Mentres esta condición non se modifique, o fraude continuará e o abuso derivado do mesmo se perpetuará con indignante espíritu antidemocrático.

3 commenti:

Anonimo ha detto...

Ten toda a razón.

Anonimo ha detto...

Sí, e ademáis non é nada novo: cando os romanos querían facer as beiras a algún pobo ou grupo de xente interesante (per se ou polo que había no territorio que habitaban) xogaban coa promesa de concesión da cidadanía romana co mesmo descaro que os políticos actuais. E con bastante máis habilidade.

Anonimo ha detto...

Curioso post e con controversia... resulta que inda onte o meu primo manchego preguntoume se podía votar nas autonómicas, e resulta que é fillo de galegos, sabe galego, e visita Galicia tódolos anos. Pois ben, a resposta todos a sabemos, non pode votar, pero por contra unha persoa neta de galegos en Arxentina pode votar, inda con descoñecemento da política da nosa terra e das nosas preocupacións... Cando terminei de explicarlle isto o meu primo dixen, Que che parece? E el mismo en galego dixo: Que van botar o PP.
O caso que me gusta moito o blogue e moitos ánimos dende http://ocioloxia.wordpress.com