Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 marzo 2009

VINTE DÍAS DESPOIS DUNHA DERROTA

Marzo vai pasando entre variadas e interesantes reflexións sobre os resultados electorais. Entre todas elas vai callando un relato máis ou menos lexitimador de todo o proceso. Eu vou transcribir as miñas, que xogan coa vantaxe, a 23 de marzo, de contar coas declaracións últimas dos principais actores da película que rematou o outro día. 
1. O exercicio da política de coalición non funcionou. E a percepción de que había dous gobernos foi inmediata, e nunca corrixida (por unha teimuda e mesmo irrespetuosa falta de recepción das mensaxes que se extendían por todos os lugares: lembrar pasaxes onde foi exposta a denuncia de tales disparates xa hai case tres anos non sirve nin de consolo). O que si pode pedirse agora é que nos aforren a narración noxenta das miserentas contas non pagadas, dos silencios interesados ou das liortas sancaetanas dos últimos meses. Ou se cadra que as conten todas para que a xente saiba o que nos esperaría de gañar eles as eleccións. Se era para "tuer le père", podían evitar que o sangue non salpicase.  
2. O exercicio do poder mantiña un retrogusto fraguista nalgunhas accións. O voto do 2005 tiña unha compoñente renovadora que comprometía ao bipartito a mudar certas paisaxes. Pero se ise electorado (e mesmo o máis afeito ás anteriores kermesses, máis por inercia ca por convicción) seguía a contemplar o mesmo panorama con outros actores, o desequilibrio de forzas non podía resultar efectivo. Con ese modo, ao meu xuízo conservador, de exercer o poder, a visibilidade do cambio era inútil, por moitas leis, normas ou directrices que un puidera amosar como resultado do labor de goberno. Deixo os exemplos a gusto do pacente elector, pero os bailes, por se alguén o pensa, non foron o máis sobranceiro.
3. Faltou valentía, como froito desa parálise interna que xorde da desconfianza mutua ou de non dar pasos que puideran incomodar ao socio. Faltou tamén iniciativa ou no seu defecto a necesaria ocupación do centro mediático con constantes explicacións, coa oportuna transmisión do que pensaba o goberno, do que quería facer. Faltou unha decidida política non de propaganda (que é o que saben facer e malamente) senón de presencia pedagóxica nos medios para librar certas leas de gravidade. O asunto do galego foi proverbial: necesitábase unha voz clara e contundente que dixera con claridade o que se estaba a facer e o que se pretendía conseguir. Deixouse comer o terreo neste aspecto dunha forma implacable. 
4. As campañas contra os gastos suntuarios teñen unha longa tradición na historia deste país. En xeral os relatos (construidos noutros periodos históricos) da decadencia, da crise levan aparellado sempre episodios de luxos innecesarios ou de dispendios incomprensibles. E, polo tanto, se non eran verdade (aínda que fosen medias verdades), debían saír a desmentilas. E se eran verdade (e temo que así sexa), tiñan que reaccionar con enerxía abandoando toda veleidade nese terreo. O argumento empregado de que antes era igual é o pior de todos. Neste aspecto, que moitos consideran o chiculate do loro, non valen medias tintas: e sempre é a sepultura onde rematan os gobernos chamados progresistas. Decepcionan aos seus e dan alimento ás campañas da dereita de sempre, que por ser de sempre debían coñecer para non lamentar despois a súa perversa eficacia.
5. Eu tiven a sensación de que a lexislatura estaba rematada hai case un ano (pouco despois de que o grande balbordo polo estatuto quedara en fume). Escribín aquí unha pequena nota na que solicitaba un adianto de eleccións en función da parálise (resultado dun conformismo explicable) que advertía (moitas leis e importantes xa se aprobaran) e da crise económica que xa tiñamos encima e que requería unha consulta cos cidadáns. Os últimos meses, pasados entre frecuentes rumores de adianto electoral e correspondientes desmentidos coa nave ao pairo, foron tempo perdido para a gobernación, se por iso entendemos algo máis ca inauguracións adiantadas para non incurrir no flagrante delicto de organizalas en campaña ou decisións incompletas de última hora difíciles de desenrolar con todas as consecuencias por mor dunha posible derrota electoral como así foi.   
6. Esta inacción, advertible no ton escasamente entusiasta do presidente (a demoledora confesión "Estou canso" iluminou moitos días o muro do seu feisbu días antes de comezar a campaña), foi terreo fértil para as esperables campañas contrarias. As sucesivas noticias, graduadas con implacable intención destructora, nunca foron contestadas, máis por falta de vontade gañadora ca por unha incisiva ferida ocasionada polos inquisidores de sempre. Eu non admito fácilmente o argumento do xogo suxo ou da campaña infame para explicar derrotas con factores endóxenos de comprobada evidencia. A porcallada (pre)lectoral forma parte (e non pretendo ser un cínico nestes casos) das estratexias: non creo que funcionen máis alá dunha tempada, alén dese paréntese que os contendentes conveñen en chamar campaña e que adoita ter unha estudada sacudida sísmica para non dar sensación de rutina e aborrecemento.   

A demisión de Touriño e a anunciada retirada (cun punto de ambigüidade propio de quen recea do incertidume) de Quintana son resultados naturais deste proceso. Parece obrigado non contar con eles para renovadas empresas. Pero non deben ser os únicos en abandonar a guía dos seus respectivos partidos. Parece estraño que persoas significadas no goberno (de acreditada belicosidade política e polo tanto nada alleas á perda do poder) e castigadas do mesmo xeito có presidente encabecen agora o PSdG. E aínda máis con palabras de censura e revelacións de desamores, nunha indigna mostra de inelegancia política e de mínimo respeto aos votantes que ignoraban case todo sobre a intensidade deses odios intestinos. 
No BNG, a proposta de demisión colectiva dun sobreactuado Beiras, que semella non ser membro do Consello e que asume o pepitogrillismo do frente nacionalista, parece necesaria, pero a reflexión subseguinte debe contar cunha análise máis acaída da sociedade galega, refractaria nun gran porcentaxe (un 85% nestes casos) ás iniciativas políticas do nacionalismo. A fidelidade do voto bloquista (en calquera circunstancia e con calquera postura ideolóxica) debe ser completada coa seducción dun electorado alleo, alonxado (ás veces radicalmente alonxado, como amosan as enquisas) dos planteamentos do BNG. O de "facer país" ou a conxuntural aposta por seren decisivos en Madrid (ese implícito sucursalismo que denostan) non resultaron moi convincentes.   
Creo que deixo cousas sen comentar: en vindeiros posts. Que hai tempo dabondo.

5 commenti:

Anonimo ha detto...

Estou de acordo con todo (non senta precedente). Pero non me acabo de explicar como puido pasar todo iso, a non ser que botemos man dunha cegueira, unha tolemia transitoria, provocada polo deslumbramento diante da visión dos despachos e dos coches oficiais (falo do valor simbólico e sentimental dos mesmos, non do económico). Unha cegueira que lles impediu ver que chegaran ao poder por un nadiña (un só escaño e un acordo dificilísimo, obrigado e in extremis) e, no caso do BNG, despois dunha auténtica catástrofe electoral (de 17 escanos no 2001 pasaron en catro anos a 13) que puña ás claras (para todos, non para eles: eis a cegueira) o que (non) quería a xente.

Anonimo ha detto...

En canto ao do despilfarro e todo iso... Eu sinto vergonza allea cando vexo a xente militante ou non do PSdG e do Bloque (xente de a pé, non dos que tocaron poder) defender (mellor sería dicir comungar con rodas de muiño) a esa outra xente que se paseou en iate e en coches de tropecentos mil euros con chóferes, ou que se sentou en selas superergonómicas para descansar os seus delicados cadrís. Porque foi así. A campaña sería suxa, pero ninguén puido desmentir absolutamente nada (bueno, si: o paseo foi no 2005 e o coche non foron tropecentos mil, foron só chupicentos), algo que me tería enchido de ledicia. Porque eu quería ter un goberno que gastara o chocolate do loro en cousas útiles para a xente.

Anonimo ha detto...

Tamé lle dá, e con xeito, ao pau de comentarista político. Parabéns.

Anonimo ha detto...

Dacordo no 99'9%.
Este país terá que botarlle en cara durante moito tempo a Marisol e a Touriño non ter dito unha palabra en defensa do galego e coa súa deixadez de funcións haber alimentado a un monstruo chamado galicia bilingüe.

Anonimo ha detto...

Todo isto estache moi ben, pero mira ao PP votáronlle os de sempre e poucos máis. O PSdG (PSOE?) perdeu votos polo tema lingüístico e polo feito de "someterse" aos nacionalistas (e parte deles fóronse ao PP) e o BNG perdeu votos porque parte dos seus votantes decidiron votar en branco ou absterse ou votar a outras candidaturas (???) para "castigar a Quin", porque parece ser que non houbo ningún cambio.
E agora a manifestarse, e a facer a revolución e a ser "bonsais" pero sabendo que nunca (polo menos nun breve prazo) se poderá tentar cambiar algo dende o poder. Alguén pode pensar que, tal e como está a situación en Europa, se pode cambiar dende a sociedade?. A soñar entón.
Ademais, dado que non houbo ningún cambio, que máis dá que esté o PP ou o bipartito?.
Temos o que quixemos ter. Grazas