Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 marzo 2009

VIGO 1809-2009


Hai que agradecer á casualidade que estes días non coincidira con algunha desas celebracións que agora alcalde e tenente alcalde (xuntiños, da man: non sei que será mellor?) teñen a ben promover e nonainar. Seica os nostálxicos das baionetas e das casacas imperiais (eses que van en peregrinación á librería Arenas no istmo herculino) van ter motivo para a evocación e a emoción íntima. Os
amateurs da imaxinaria bélica poden atopar estes días refuxio balsámico, coa contemplación da espada do xeneral Soult (o nome do primeiro can de palleiro que eu coñecín na vida) ou co disimulado e tremante aloumiño á cureña do cañón do mariscal Xey. Asociacións de Amantes de Napoleón ou Confrarías de Siareiros de Cachamuiña teñen que estar encantadiñas de satisfaceren de vello as infantís arelas de librar batallas inventadas. 
Nada debo obxectar a tan noble pulsión: as imaxes deses homes metendo o atacador na ánima do cañón con fruición digna de análise lacaniana avalan esa miña suposición, así coma as archirrepetidas fotografías dos xornais, nas que coñecidos meus, de inmaculado cruzado gabacho, aparecen furiosos, coa convicción teatreira necesaria, contra as masas que, vestidas coas mesmas roupas coas que saen en feiras medievais de chourizo ao viño e gaita infinita, lles reparten estopa ata botalos ao mar alí no Media Markt. 
Así creo (receo) que van estar durante este ano ou alomenos durante este polo que se albisca terrorífico mes de marzo ata o día d ou r (o carallo 28) da celebérrima reconquista (négome a darlle maiúsculas), este ano bicentenaria. 
Aconséllanme familiares e amigos que me reprima, que me conteña. Que non diga nada sobre tal efeméride. Que para que? Que se a xente o pasa ben, se se divirte. Vale. Estou conforme, pero cada vez que vexo iso de Vigo 1809, un gran pobo. Vigo 2009, unha gran cidade, danme ganas ubérrimas de renunciar á promesa. 
Desta vez vouno conseguir: creo que desta vez paso súa. 

4 commenti:

Brétemas ha detto...

A min pásame exactamente o mesmo e dinme cousas semellantes. Somos xente incorrixible! Saúdos afectuosos.

X.L. ha detto...

Pois non sei que celebran. Despois de todo os gabachos mandan en Vigo.

Anonimo ha detto...

Hai moita xente que lle gusta o rollo ese das guerras, xa sexan napoleónicas, mundiais, púnicas ou médicas.
Hai moita xente que busca desculpas (son necesarias?) para saír da casa.
Hai moito folclórico.
E sobre todo hai moita necesidade de atraer turismo nunha época na que non se fabrica nada. Trátase dunha (in)necesaria e (in)evitable reconversión de Galicia (e outros moitos sitios) nun enórme parque temático onde os nativos e/ou residentes seremos reconvertidos en figurantes. Ao tempo.

Trebi ha detto...

O tempo , penso xa o temos equí:Batalla ELVIÑA EN cULLEREDO -OS MESMOS QUE vIGO-
bAIONA Arribada:O traxes os de todos os ultimos Mercados Medievais que montan os Concellos con a mesma EMPRESA.
Catoira....., etc etc
E como non nas Festas Gastronomicas!
TODOS SOMOS MEDIEVO