Caxigalines nella Reguera'l Campizu

11 marzo 2009

CAUSAS DUNHA DERROTA


Apupados polos micrófonos inquisidores ou animados pola vontade de confesar culpas, os perdedores refiren as causas da derrota:
1. O campeiro estaba enlamado. Ás veces, regan de máis o céspede mol e outras aumentan o tamaño do campo un par de metros ao ancho. 
2. O árbitro e en ocasións o xuíz (sempre o xuíz) de liña mira mal: concede (concede, non dá) penalti por un roce, un mínimo aloumiño dentro da área. 
3. O público do rival non para en todo o partido de animar. Cando non hai partido, quecen as súas gorxas con bufandas agasalladas polo clube. E cando se desprazan a campos visitantes, son carrexados en buses con bandeirías e signos de confraternidade. 
4.  O equipo contrario vai por todas as pelotas divididas: morde e traba, non solta a peza. Corre e abafa. Cheira o sangue e presinte o machado final.
5. O equipo remata un ciclo. Hai xogadores dedicados ao dolce far niente. Outros á contemplación da herba verde do campo. Hainos que corren coma tolos dun lado para outro perseguindo sombras. Hai xogadores que levan tanto tempo nisto que ignoran que xa non son o que eran. Hainos que sinten as cores (isa pamema) e desprezan o balón e tamén os hai que rexeitan a fidelidade ao escudo (isa pamema) e canean para a cámara. 
6. Non hai equipo. As figuras figuran. O campo semella dividido sempre en dúas partes. Un abismo separa as liñas. Están moi avisados: o novo entrenador, unha fera, cómeos vivos nos entrenos. Pero eles abanean no escaparate. 
7. Os presidentes ocupan palco o día do partido.   
8. A afeción é esixente. Quere jogo bonito. Prefire gañar, pero con alta escola, con elegancia e fermosura de estilo. Tras varias victorias pola mínima, quita os panos brancos para solicitar beleza, tiraliñas, espectáculo. Con este público (exceptuados os que estiran o brazo e a man para exhibir rojigualdas), imposible tirar de manual de supervivencia.
9. A "presión mediática" resulta insoportable. Suxire (e impón) entrenadores; compara (e humilla) xogadores; pide (e logra) novos directivos; saca (e mete) trapos (que non sempre son) suxos. Para xogar neste clube non fai falta deitarse cos medios, pero algún revolcón pode merecer a pena. Por pouco tempo. Sempre rematas saíndo pola parte de atrás.

As dúas primeiras e as dúas últimas adoitan ser as preferidas. Sobre todo as daqueles que se manifestan o día que van recoller definitivamente as súas pertenencias dos vestiarios.     

4 commenti:

cneirac ha detto...

Grande.

Só me amola que eu non sou do Madrid.

R.R. ha detto...

Carallo, qué golazo meteu!

Iso si, na confirmación de palabra tiven que poñer "trick". :-O

Anonimo ha detto...

A min non ma cola. Vostede está a falar do bipartito.
Que nos coñecemos...

Anonimo ha detto...

Doña Helen Svedin es del Real Madrid