Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 maggio 2009

MAJESTIC ANTONY AND THE JOHNSONS

Para Isabel, Aser, Ana e Carolina, que compartiron este momento e unhas torradas mixtas no Majestic de auténtico luxo 

No Coliseu de Porto, un deses lugares que o tempo renova para conservarse intacto, cantou onte Antony, arcanxelizado polos Johnsons. O concerto comezou con algúns minutos de demora, por mor do habitual tempo de cortesía e dunha soporífera e prescindible danza de plásticos e sons telúricos que movía a risa e a lástima máis cá contemplación admirativa. Non sei se quere o responsable do concerto rebaixar os ánimos dos siareiros ou anovarlles o estado de ansiedade con que agardan a chegada do seu carismático ídolo.

O certo é que cando soan os primeiros acordes, a xente rebule nos seus asentos e apréstase, cun nerviosismo nada disimulado, a preparar a benvida fastuosa ao divo. Este chega aproveitando a escuridade do esceario e séntase diante do piano. Pulsa a primeira tecla e o auditorio en pleno, coma nun resorte instantáneo, prorrumpe en aplausos, berros e asubíos de entrega orxiástica. Nese preciso balbordo decátaste de que o que vas ver é un  prolongado de éxtase.

Non sei se isto beneficia ou perxudica ao nivel do concerto por igual. A min, que valoro moito a entrega e a calor do público desde o principio, sobre todo daqueles desprovistos de calquera sentido da medida, paréceme extraordinario. Pero é posible que contaxie aos músicos unha excesiva compracencia co respetable. Por momentos, o propio Antony establece conversa co público (por certo, capaz de seguir coas risas os monólogos irónicos do cantante, nunha mostra máis do coñecemento de idiomas da Gallaecia trasmiñán) e déixase levar polos aloumiños constantes das voces que saen extemporáneas de calquera lugar do espléndido coliseo pedindo mesmo casamento ou unha cita en bambalinas. Sinalo isto para mostra do estado de delirio e abandono (alguén poderá dicir que tamén moi propio da súa música) da audiencia e, se ben se mira, da ausencia (totalmente explicable) de capacidade crítica sobre o que está vendo.

Pero é que por moi oblicua ou torta que poida ser ollada con que se xulgue o concerto, Antony and the Johnsons consegue obnubilar ou hipnotizar ao persoal sen que iste poida aprecialo. A súa voz, única, aínda que ecos de case todos os grandes cantantes do mundo poidan estar por veces nela contidos (penso en Simone, Holiday, Presley, Piaf, mesmo Sinatra), logra embaucar ao ouvinte por moito que este teña a tentación de evadirse mirando ao tendido ou tratando de comprender as letras. Sempre hai un momento, digamos a media canción, en que non estás no Coliseu de Porto e tampouco en ningún outro sitio: sintes que as notas vibrantes da súa gorxa, concordes coas dos instrumentos que innecesariamente lle fan os ecos, vante levando a ningures. Só cando se fai o silencio ou se apagan definitivamente as luces ao rematar a canción, entendes que estabas perdido pero tampouco sabes onde.

Probablemente o entendido en música note excesiva a súa predilección polas tonalidades menores, por esa fórmula eficaz de frasear para os acordes máis melancólicos, co aproveitamento deses vibratos inconfundibles que dramatizan a expresión dolorosa, característica da súa música. Se cadra, outros espectadores de gustos musicais máis sobrios boten en demasía a teatralización dos acenos, a ampulosidade sinfónica dos arranxos (nun dejà vu pinkfloydián ou glitterián propio dun davidbowie) ou a prolongación ás veces trampulleira de series rítmicas que convidan á participación e á kermesse sedante. É posible que asuma unha doce compracencia na interpretación das súas cancións máis clásicas, pero tamén hai que recoñecer que incorpora riscos en forma de rupturas desacougantes que turban (e de paso ironizan) a melodía. E sempre sempre sae desa especie de abismo do doado co seu talento descomunal e coa libre luminosidade da súa voz.

Non vou negar que Antony suscite fobias irredentas: a personalidade atractiva dun home (só en apariencia) que nega xa non, por suposto, o seu circunstancial sexo, senón ese non xénero ou transxénero no que difícilmente se insire, compaxinada co seu xeito especialísimo de combinar todas as tradicións (soul, funk, folk, jazz, barroco) cunha forma de interpretación plenamente moderna (por libre, irónica e heteroxénea) ata o punto de constituir para min o paradigma da banda sonora da contemporaneidade, non resulta doada de admitir. Sobre gustos xa se sabe, pero agora mesmo resulta imposible pensar un mundo sen Fistful of love, Epilepsy is dancing, You are my sister ou Cripple and Starfish

O concerto de onte durou máis de dúas horas dunha intensidade espantosa. Ao final, en plena éxtase, sonou, como desde o fundo da terra, Hope there’s someone e a xente puido baixar por Passos Manuel na noite morna de Porto coa ledicia dun silencio apoteósico.


5 commenti:

homburg ha detto...

Pero seguro que lle faltou o encanto das badaladas da Berenguela que acompañaron aquel concerto na Quintana de hai uns anos, onde, por certo, nos obsequiou cun par de covers de Lou Reed e Leonard Cohen magníficos.

Ana Bande ha detto...

¡que dúas horas pasamos arumekia! ¡que gloriosa tarde nesa fermosa cidade! e ¡que ben fala vostede rediós! aos seus pes, coma sempre e que non pare a música...bueno...si...que pare un pouco que estou moi sensibleira e este Hope there’s someone vai acabar comigo hoxe...¡¡¡bicooooossss!!!

legnaresa ha detto...

eño a costume de pechar os ollos uns intres en todos os concertos os que asisto e incluso na casa cando escoito os meus vellos discos. Sirveme para intentar apreciar a esencia do momeno: os sons, os silencios, a música.No caso deste castrati grosso as veces costábame abrilos. Un decorado mínimo de liñas erizadas sobre cores cálidos e unhas simples cadeiras onde media dúcea de cordas, ventos e percusións agardaban a capturar a levedade dos dedos sobre as tecras dun piano saído dunha pilícula de branco e negro foron quen deixarme soa. Noraboa ao tal Antonio, noraboa aos Jonsons e tamén a Antoñita la fantástica en forma de gaivota prehistórica que iniciou o concerto. Mágoa que non pechara tamén o evento pondo un ovo. Por suposto chapeau para vostede e o seu post-concerto. Cun pouco de sorte coíncidimos noutro de Beyonce ou de Mercedes Peón.

carrascus ha detto...

Pues le envidio... yo desaproveché la oportunidad de estar en un concierto suyo, y eso que lo tenía tan cerca que hasta podía escuchar algunas notas desde donde estaba.

Cantó en un monasterio antiguo, a apenas trescientos metros de donde estaba mi clínica. Unas noches antes estuve allí disfrutando de Rickie Lee Jones, pero él tuvo que venir precisamente en una de las noches en que me tocaba hacer la desinfección de la planta de aguas y los circuitos que la llevan a las máquinas de diálisis. Fue una de las jornadas de trabajo más duras que he tenido.

Bueno... supongo que habrá otra ocasión. Me alegro que le gustase tanto.

lándoas ha detto...

Mmmm... Grazas Arumes. Case son quen de escoitalo.