Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 luglio 2009

CRÓNICA (XA NON TAN) URXENTE DUN ACTO CÍVICO

IMAXE DE ELISA GONZÁLEZ
Rosalía Winehouse

Veño da presentación de Galicia, patrimonio da humanidade. Cheguei tarde e non escoitei a Bragado. Puiden atender o verbo pousado de Baamonde (o da pulsión basal de Galicia gustou moito ao meu compañeiro Forcadela), de espíritu moi conciliador, sen menoscabo de alusións concretas a segmentos do PP ("jaleados" desde as ondas extremodereitas madrileñas) nemigos da lingua galega. 
XDocampo, en estilo diverso, ponderou a palabra imposición e o correlato da liberdade e tentou identificar nun texto moi elaborado e pronunciado con solemnidade demorada a lingua galega co propio país. Non sei se se falara antes de impulsar unha iniciativa popular a favor da lingua galega para obter un millón de sinaturas, pero saiu no seu comentario, con palabras, ao meu xuízo, excesivamente esperanzadas. Como final, lembrou o clásico "En Galiza, en galego", pero non disimulou a súa versión: "En Galiza, só en galego".
Camiño Noia amosou unha indignación ben notoria. Viña encendida da reunión mantida no Consello da Cultura Galega con ANFeijoo. Como dixo que non ían contar os xornalistas as miudenzas da xuntanza, conto eu o que ela contou: que o presidente citara a Kundera, Joyce e Kafka como exemplos (suponse por escribir noutras linguas distintas ás súas) da súa exposición sobre a liberdade lingüística, para escándalo de case todos. Para Camiño o ton nin siquera foi compracente ou protocolario, senón belixerante mesmo diante de xente moi sensible a este asunto. Rematou pedindo renovada militancia, en ton manifesto de arenga.
Gonzalo Navaza buscou a analoxía coa fauna e a flora para desmontar o que el considera falacia: a de non considerar as linguas suxeitos de dereito, e, polo tanto, como a propia paisaxe, susceptibles mesmo de exterminio. O seu verbo tamén foi encendido, tal vez provocado porque viña algo acalorado pola carreira que se meteu para chegar a tempo.
Falou Alfonso Álvarez Gándara para reclamar aplauso á iniciativa e para notar unha certa autocompracencia nos defensores do galego. Foi exquisito nas formas pero crin advertir unha lixeira crítica á funcionarización da lingua, á liturxia conformista do galego. Non sei se interpretei eu ben as súas palabras, pero agradecín ese pequeno aceno disconforme.
Monteagudo analizou, con detalle (non son quen de lembrar todos os aspectos que destacou), a pretensión fulminadora do goberno do PP: a min me gustou a súa apreciación última sobre a necesaria defensa da legalidade vixente e, sobre todo, a perentoria defensa da discriminación positiva como rasgo lexislativo fundamental.
Un par de persoas máis (Gundín, Gonzalo Bouzada) incidiron, con discursos animosos, na necesidade dunha ofensiva ("Ao ataque", chegou a dicir o primeiro) intelixente. María Xosé Queizán pediu política e menos sentimentalidade, pero deixouse levar ao final pola petición, xa máis airada, da demisión do presidente da Xunta por non defender o que en realidade considerou ecuación irrenunciable Galiza=galego. Antón Reixa recobrou tempos de asamblea e fixo un discurso ben interesante, cunha afirmación que creo levaba preparada de "Máis políticos e menos politómanos". Pero entendo que acertou en levar a discusión (dixo que se confundira de formato: viña para asistir a unha reunión e atopou unha rolda de prensa) ao terreo puramente político de novo, en defensa da lei, do plano e do decreto, co propósito explícito de buscar aos votantes do PP á causa. Carlos Callón, que asistiu a carón de Bieito Lobeira ao acto, interviu case ao final para apoiar o movemento e poñer a disposición desta idea toda a forza da súa organización: revelou que moitos castelanofalantes aprezan esta iniciativa e considerou oportuno contar con todos eles. Pareceume elegante a súa intervención e penso que é moi probable que desista de continuar a presentada o outro martes e incorporarse (el e supoño a Mesa) como parte integrante deste movemento chamado a instaurar un novo Nunca máis coa lingua galega como obxecto fundamental de defensa, tal e como comentaba PP KKmo ao final do acto en plena Praza da Princesa.
Non sei se esquezo algunha intervención máis. Sei que andaban por alí amigos do feisbu como Montserrat Paz, Paz Raña; escritores como Calveiro, Forcadela, Fran Alonso, Pepe Cáccamo; políticas como Iolanda Veloso ou Carme Adán; e blogueiros como Martin Pawley (que grabou a man firme o acto). Seguro que esquezo a alguén: que me perdoen. Pero a miña memoria deste acto fundacional deste movemento cívico non dá polo de agora para máis.

Addenda:
Camiño lembrou algunha das palabras que off the record lle mandou aos responsables da consellería. Son irreproducibles aquí, pero algunhas delas están no Himno galego.
O amigo Gundín (creo que así se chamaba) lembrou unha cousa que resulta fundamental: de levar adiante calquera iniciativa popular se precisa a maioría na cámara: preguntouse como conseguilo. Creo que deu a clave do que hai que facer.
Tamén interviu un rapaz ben novo que falou en español para deplorar o ataque contra o galego. Foi o que deu pe a Carlos Callón (a quen por certo eu non coñecía) para falar desa realidade ben evidente de castelanofalantes a quen esta deriva lle parece irresponsable.

5 commenti:

ARUME DOS PIÑEIROS ha detto...

Non me quedou moi ben o post desde o punto de vista do deseño editorial. Non son quen de arranxalo. Desculpen as molestias.

Zerovacas ha detto...

non puiden ir, pero falei pola tarde con bragado, e quedei cunha impresion semellante á túa. A ver como vai a cousa

Xosé M. González ha detto...

Agradezo moito (e xa non é novo) os extremos desta súa crónica, que non atopei en ningún outro lado.

Se roza con Bragado, dígalle que a ver cando veñen a Lugo. Faga favor.

Xosé Manuel Carreira ha detto...

Polo menos reconforta apreciar que algo se move.

goretoxo ha detto...

o sr pawley estaba presente, pero o da man firme era eu...

(ains... cuitas da vida dixital...!)

;)