Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 luglio 2009

CONSELLO DE CONTAS: UN CONSELLO INCÓMODO


Sabemos da existencia do Consello de Contas cando presenta os seus informes no parlamento. Ese día algún xornal, non todos, e segundo os temas, os implicados ou a relevancia social do organismo examinado, publican algunhas das conclusións máis rechamantes do texto. Leva tempo funcionando cunha regularidade admirable e con non menos rigor desde hai bastante tempo. 
Tiven a oportunidade de coñecer os seus traballos cando no ano 2003 quitaron o informe sobre a Universidade de Vigo, onde calquera podía ler con total abraio as maneiras contables, gastizas e dilapidadoras dalgunha parte da administración. Daquela a denuncia contra varias persoas referidas no informe serviu de involuntaria cortiña de fume para o resto, un relatorio exhaustivo de malas prácticas administrativas. Expresións coma "A Universidade debe evitar a práctica de concentrar nunha mesma persoa a responsabilidade de autorizar e realizar o gasto, sobre todo cando implica retribucións para o propio autorizante; tamén debe establecer controis axeitados para asegurar o emprego dos fondos públicos recibidos en concepto de subvencións para investigación nos proxectos específicos aos que se destinan", entre moitas outras, poden resultar moi significativas.
Nos últimos días asistimos á presentación de tres informes novos, que atinguen tanto ao bipartito saínte (o do IGAEM, continuación do outro de 1996, que hai que lelo (páxinas 20-21) para crelo, e o concerto sanitario con POVISA do ano 2006), como ao goberno de Fraga (o das Axudas ás federacións). Sinalo este aspecto porque considero que o Consello de Contas debe estar libre de calquera acusación de parcialidade á vista da súa traxectoria nos últimos anos. Pode dicirse que ningún partido, á cabeza de institucións, de organismos autonómicos ou locais, está libre de tal exame: non hai que sinalar que algúns menos porque a súa estadía nos tronos do poder foi sen dúbida máis reducida.  
O que me parece máis insólito é o nulo caso que se lle fai. Non son vencellantes as súas conclusións e só adquiren natureza de recomendacións. Pero que non sexan vencellantes non quere dicir que as súas advertencias (que poden asumir carta de acusación xurídica se algunha institución leva diante dun xulgado as irregularidades observadas: o propio tribunal de contas pode mesmo proceder, no caso de indicios de responsabilidade contable) non sexan tidas en conta pola opinión pública ou polos poderes públicos para a denuncia ou a acusación e, no seu caso, para a depuración de responsabilidades. O descontrol do gasto na administración, á vista do que sae case sempre nestes informes, non é excepcional: é case o hábito en certos apartados do universo administrativo. E moitas das prácticas recriminadas nestes exames (dietas inxustificadas, autoliquidacións, facturas sobrevaloradas, importes excesivos nas compras, acumulación de pequenas cantidades en certas empresas, falsos viaxes non certificados) seguen a ser habituais (por extendidas e case admitidas) na administración pública. 
Non confío en que esto poda mudar. Pero fago aquí a miña fiscalización da escasa estatura política outorgada a este necesario control das contas da administración galega.  

1 commento:

xOsse dorrío ha detto...

A min o que máis me preocupa é a fiscalización que o Consello de contas non fai daquelas outras institucións que, obrigadas a presentalas súas contas ante o Consello, nin tan sequera o fan... e non pasa nada. Refirome a moitos dos pequenos concellos de Galiza, entre eles, o meu, Xunqueira de Ambía.