As informacións que quita todos os días o xornal La Voz de Galicia contra a actuación do bipartito, nomeadamente contra o sector nacionalista do anterior goberno, son, para min, unha mostra evidente de campaña máis ou menos organizada. A propia estructura interna da Voz, que semella encomendar aos seus articulistas o tema do día e mesmo a algún redactor (que non asina co seu nome, en clara vulneración do máis elemental criterio deontolóxico que esixe, salvo para casos excepcionais, a autoría) a breve homilía en portada, permite a identificación do que parece unha elaborada estratexia de desacreditar o labor dos catro anos de anterior goberno de PSdG e BNG. Non entro en máis miudenzas (censura sobre certos temas ou persoas, control riguroso sobre a opinión, intereses sobre determinados sectores económicos, afinidades confesas por medios sutiles) porque ese non é o meu interese neste post. Necesito afirmar esta miña impresión sobre o comportamento do xornal para facerme eco das noticias que van saíndo estes días. Salvado o peculiar modo de presentar estas noticias (e de calar outras, como o do Porto Exterior da Coruña, salvo que vexan que non hai cartos ou que polas fiestras de Sabón non ven pasar os camións necesarios), os feitos reseñados son gravísimos de por si.
Sempre critiquei o do Gaiás, con Fraga e con Touriño, con Pérez Varela e con Bugallo. Todo o que se fixo nese asunto é un despropósito que, polo visto, non ten fin, e promete, ademáis, escándalos que, de non ser polos cartos que costaron, costan e han costar ao contribuínte (como reivindica Lándoas), haberían de entrar no capítulo das megalomanías máis funestas da historia. O novo conselleiro vai poñendo as vendas antes das feridas, pero se trata dun corpo que mana sangue seguido, sen visos de remisión. As vendas soan a improvisacións ou a ocorrencias (como, por outra parte, vimos escoitando desde o comezo, coa novidade agora de que non hai oposición política nin social, nin se albisca por ningures) sen un programa claro e contundente de dar a única saída posible a ese enxendro: a demolición (controlada, se se quere, pero gratuíta para os contribuintes: e van dous, Arturo) dos edificios.
O capítulo do concurso eólico, tamén hoxe denunciado desde o xornal de Arteixo, pode ser outra nova escandalosa de proporcións semellantes ao anterior. Aquí a cousa pode ser máis complexa, dada a vontade amosada desde o comezo por moitos sectores económicos de non aceptar os termos do concurso. A gravidade do asunto require unha comisión parlamentaria, pero, vista a inutilidade das anteriores e o incipiente arrecendo a casta da clase política galega, o asunto dará para debate e discusión durante días, sempre e cando algunha voz do BNG (porque do PSdG non sairá ninguén na súa defensa) sexa quen de dar a cara (o que non está a suceder en ningún momento: onde é que está Fernando Blanco?) polo feito. Porque, de non existir ese responsable e coa colaboración da Voz, o tema do eólico será un paseo triunfal para Alfonso Rueda e un escándalo para os contribuíntes que verán como (por uns ou por outros) o concurso é derrogado (sen importarlles a uns os cartos das negociacións ou os gastos dos recursos aos outros). Dous millóns e medio de euros que importan ao mundo?
Mentres o bipartito estea baixo este escrutinio diario, o PP non precisará de demasiada pólvora para disimular a súa limitada planificación política. Mentres ademáis non haxa na oposición ninguén que poda abrir a boca na defensa das súas accións, o PP seguirá mandando dossiers ás oficinas de Sabón para manter entretido e abraiado ao contribuinte. O problema é que vai ser difícil, e máis nestas circunstancias, atopar unha voz na esquerda que se atreva a marcar a pauta política neste país, porque as que poden encetar un discurso (porque sentan non parlamento) están condicionadas por estas pequenas ou grandes miserias que aparecen (estean ou non magnificadas polo papel xornalístico) cada día ao almorzo de Galicia.
Fai falta outra clase política na esquerda ou no progresismo de Galicia?
1 commento:
Canto comparto súa opinión. Engadiría que tamen falta unha sociedade máis ética e consciente de que temos que construir para mañan non para min e para ahora.
Posta un commento