Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 luglio 2009

CEN DÍAS: FEIJOO CONTRA A NADA


Cen días non son nada para triunfos ou derivas. As enquisas, todo o manipulables que un poda considerar e por iso mesmo perigosas na contraria autocompracencia daqueles que padezan a tentación de non sentirense concernidos, elevan a Feijoo aos altares do país, lugares aos que pola súa traxectoria de meritorio en terra de tortos non debería (e faría ben) aspirar. 
A presentación de onte, con calculada escenografía (que se suma ás aínda máis calculadas apropiacións do discurso de Castelao e do que caia para irritación de nacionalistas: quen lle fai os discursos con tal deliberado propósito?), reúne en poucas palabras o vocabulario da nova gobernanza, en claro contrapunto ao que foi materia de discusión nos últimos tempos do bipartito. 
Unidade (bien compactá, como quería o himno aquel eclesiástico que fose fundada Xerusalén), representada polo pouco espazo que había entre as cadeiras á súa vez estreitas nas que apousentaba o goberno todo que pechaban en hipotenusa o ángulo da sala, baixo a férula/atril do presidente, fronte ao inevitable e condicionado xanismo do anterior goberno. 
Austeridade, tamén representada nese apretado grupiño de persoas, sentadiñas con aplicación detrás do xefe, pero tamén coa perspectiva de coches blindados (xa postos á venda), cortiñas automáticas e despachos zens como coartada servida (o que non invalida a vergonzosa realidade, o erro ou o mal gusto do anterior) por xornais que, ollo, marcan como nunca os temas e asuntos dos que convén e se debe falar. 
Liberdade (coa palabra cordialidade como acompañante utilísimo), sen representación simbólica aparente, pero repetida ad nauseam cada vez que un micrófono bica ao Presidente e utilizada como patente de corso ou parapeto para todo canta discusión saia ao respecto. Neste caso, os asesores ou el mesmo saben moi ben o que se traen entre mans. 
Non sei se a patilla (longa) e as gafas (semipasta) que gasta (semellantes en ambos casos ás miñas, o que non deixa de ser motivo de certo cachondeo na casa) lle outorgan imaxe para outra das súas palabras do seu mínimo pero efectivo diccionario: acción; pero o certo é que entendo (niso disinto coa meirande parte dos colegas), por esta vía da escenificación e do discurso retórico simplicísimo pero dotado de pequenas pílulas picantes como a de incorporar a revisada auctoritas de certos escritores, o éxito de Feijoo nas enquisas. 
Pero é que hai unha cuestión que escapa a esta teatralización perfecta dos seus cen días de goberno, á marxe dos 400 coups (de efecto, de estado, de fortuna) que disque deron: a longa marcha tristísima, inane/inerme/exangüe, desfallecida e case morta da oposición. Pero non só a marcha, senón o futuro máis ou menos inmediato de toda ela. Se as cousas seguen así por máis tempo, a sangría pode resultar demoledora, porque, amigos meus, e en resposta ás dúbidas (simuladas) do amigo Lándoas, Feijoo non é nada parvo. Pero nada nada.   

Nota: Apropiación: facer propia.  
Nota 2: O fotógrafo tivo a idea de quitar na foto só a bandeira española. Ignoro con que propósito.

3 commenti:

AA ha detto...

Ter un Presidente intelixente non parece malo

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Nada malo. Por suposto. Sempre que se canalice ao ben común da cidadanía e non á representación ocasional (e virtual) dos triunfos. Neste último terreo, o escenógrafo e o autor do libreto saben de que vai a obra en cuestión. E coñecen bastante ben ao público, polo que se ve: e mesmo controlan unha claque importante.
Dese tipo de astucia falo.

cãosemdono ha detto...

Intelixente? Condición necesaria, mais non suficiente. Non creo que ningún dos anteriores presidentes fose parvo. Iso sí, ignoro qué pasará no futuro.

Outra cousa ben distinta ha ser a valoración final que nos mereza o seu mandato, que depende á súa vez de moitos e variados factores. Como por exemplo, as compañas das que se faga rodear (e o xeito de desfacerse delas, no seu caso). Por non falar doutras miudezas, como a maneira de xestionar a crise cos recursos cos que vai poder contar. Se cadra os cartos (é dicir, a súa falla) han ser máis decisivos que a infalibidade -perdón, a intelixencia- do líder.

E, por certo, permítaseme unha última maldade: observo que Feijoo está moi contentiño co seu novo papel de neófito barón territorial da dereita española. É dicir, de proxecto de estadista in pectore. Un ollo en Galicia e outro en Madrid, non vaia ser que Mariano... en fín, tempo ó tempo.