Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 agosto 2009

ADULTI CON RISERVA: EDMONDO BERSELLI


Estou entusiasmado con este libro: Adulti con riserva. Como'era allegra l'Italia prima del '68. O autor, Edmondo Berselli, é un dos meus preferidos, por estilo, riquísimo e irónico, e por asunto, a cultura camp (segundo concepto de Sontag), que en español trató tantas veces Manolo Vázquez Montalbán. Neste libro, digamos de costumes, con aire melancónico, tristísimo, conta a vida dun mozo da Emilia (de Campogalliano, provincia de Módena, onde fabrican os Bugatti) nos anos cincuenta e sesenta, con referencia á relixión (o pancatolicismo), á educación (coas diferencias de clase ou a disciplina aplicada), á política (coa democraciacristiá como panacea universal), aos xogos, ao sexo, ao recordo mesmo da segunda guerra mundial o das cinzas aínda encesas do fascismo. O libro é sensacional, magnífico. Non hai traducción: peccato.
Pero escribo esta pequena nota porque atopo este párrafo que parece calcado da miña infancia, malia ser eu un pouco (ou un moito, segundo se mire) máis novo ca el. Está a falar do pai que o leva as tardes do domingo a ver a equipa local que xoga en algo similar á terceira división (ou sexa similar á Ponferradina, agora a Deportiva). Escribe:
"Facíao a mala intención, porque das gradas chovían algunhas blasfemias en dialecto e en italiano; estas últimas soaban moito peor porque se distinguían perfectamente e eran moi formales. Pero nin así eu as escoitaba: a miña concentración estaba en como aqueles modestos aficionados quitaban o corner ou en controlar se o balón caía no punto exacto prescrito polo manual teórico.
No seguir do xogo, mesmo meu pai, catolícisimo e democratacristianísimo, esquecía os improperios blasfemos e se deixaba envolver polas discusións con calquera espectador: "òpsei", que quería dicir "offside", fóra de xogo, aínda que a construcción dialectal prevalecía sobre a corrección lingüística. E iso que meu pai sabía perfectamente como se dicía ou se pronunciaba porque estivera durante tres anos prisioneiro dos ingleses, nun campo próximo a Leamington, no norte de Inglaterra, e aprendera algo a lingua. Pero todos berraban "òpsei": era un termo xeralizado polo pobo, e tamén meu pai se adecuaba á ciencia común, sen demasiados problemas de fidelidade fonética"
Meu pai, á marxe do linier que tamén diciamos nós agora substituido por un vergonzante xuíz de liña, dicía sempre "orsai" por fóra de xogo e "fau" por fóra de banda. Aínda hoxe ignoro de onde vén esta última palabra (foul é falta, pero non fóra de banda), pero a narración de Berselli e o emprego naqueles anos de palabras directamente traidas do inglés en dous sitios tan distintos, en dúas épocas non tan lonxanas, sen embargo, levoume por un intre ao campo de Santa Marta (agora non existe) alá polos finais dos anos sesenta, cando os domingos pola tarde cheiraban a farias por entre as bancadas cheas de homes con bigotillos de fina liña. 

2 commenti:

Anonimo ha detto...

"Fau" dicíamos nós cando o que sacaba coas mans o balón que saíra pola banda, cometía unha falta técnica. É dicir: "mal sacado". Tamén dicíamos "orsai", "corner","linier", mister, etc. ata que non sei quen e non sei con que criterio empezou a cambialo todo.

E tamén diciamos "manopenaltilotiro" (como será en italiano).

legnaresa ha detto...

¿Vai un "bolletin" no bar?

¡Qué salvaxe é ese bestia!

Tes menos forza cun pedo dun maricón.

Ten "dimanita" nos pes.

Cando os meus irmáns xogaban ó futbol, falo de categoría xuvenil, adoitaba ir con eles. O máis divertido era a fauna que se achegaba ata o campo enlamado ata as cexas en inverno ou seco e duro coma a pedra en verán.(Daquelas as herbas eran para outro tipo de bestas). Todo quedaba en familia. Ata tal punto que podíase observar a unha velliña que paraugas en ristre e baixo atenta mirada da parella da garda civil,facíalle a zancadilla a todo xogador que se lle puxera a tiro. Ou aquel forofo que teimaba en chamarlle de todo o nº 9 lembrandose da nai co parira e a toda a súa familia. A casualidade fixo cos mesmos exabructos saíran da boca do adestrador do rapaz e automáticamente escoitouse un berro: Oes,ti a calar que o pai dese cabrón son eu.
Supoño que son cousas do furor do furbor.