Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 agosto 2009

A STRAGE DI BOLOGNA: UNHA FENDA NA SOCIEDADE ITALIANA

Todos os dous de agosto desde 1980 conmemora a fascinante cidade de Bologna o terrible asesinato de máis de 80 persoas (con máis de douscentos feridos) no atentado brutal na súa estación de tren. Durante estes anos, e xa desde o primeiro momento, reúnense ás 10 e 25 da mañán na praza da estación, á hora exacta en que explotou a bomba e que quedou sinalada no reloxo parado do propio edificio, miles de boloñeses, que percorren as principais rúas da cidade ata a grande praza do comune onde se pronuncian os discursos de recordo.

O loito e o rexeitamento da barbarie neofascista (o chamado terrorismo nero) protagonizaron as primeiras lembranzas. A Asociación de víctimas e os partidos de esquerda, nomeadamente o Partido Comunista, nos primeiros tempos, e logo as sucesivas herdanzas do partido hexemónico da esquerda italiana, lograron que toda Bologna se sumara á indignación polo terror daquel atentado nunha estación nun dos primeiros días de vacacións, ateigada de xente.

En todos estes anos, as investigacións sobre o terrible crime apuntaron, con condenas precisas e contundentes, a movementos neofascistas. As suspicacias propias dun país como Italia sobre a participación da mafia ou, sobre todo, dos servizos secretos (cos antecedentes de traxedias anteriores, especialmente a de Piazza Fontana en Milano, onde morreron dezasete persoas e pola que non hai aínda agora explícitos e inequívocos culpables), sumadas ao descontento dos familiares das víctimas polo transcurso envelenado do proceso, alimentaron a polémica que predomina na conmemoración dos últimos tempos. Un revisionismo, de parte fascista, interesado en deixar furados escuros na historias; unha estratexia calculada de fornecer de pistas falsas as pesquisas; maquinacións ás veces non demasiado fantásticas sobre un posible golpe de estado que podería estarse fraguando naqueles anos envelena o recordo da strage. As palabras de Cossiga, á sazón presidente de Goberno, hai apenas cinco anos sobre a participación do terrorismo palestiniano, ou a réplica que apunta a CIA ou a grupos terroristas antiárabes encenden ata o delirio e a infamia o debate.

Nos últimos anos, a lembranza institucional resulta case imposible. Os representantes do goberno, sexan de esquerda moderada ou sexan da berlusconada moderna, padecen a ira dos manifestantes. Asubíos, insultos impiden a súa alocución en palco: ningún ministro quere ir a Bologna e ameaza o goberno enteiro en non voltar máis á conmemoración en tales condicións. O alcalde de Bologna, non contestado polo de agora, atopa dificultades en rememorar en concordia esta data pegada no corazón da cidade. Pensa en mudar o protocolo, en reformar mesmo o aniversario. Se cadra porque pensa que non hai forma de regresar ao momento primixenio e fraterno do abrazo de Pertini, presidente da República, e o sindaco de Bologna ao día seguinte da barbarie. 

Pero pensan seriamente os políticos italianos de calquera signo que probablemente este controvertidísimo (e xa rutinario) (mal) recordo do 2 de agosto, un momento crítico da democracia italiana, sexa un dos paradigmas máis acaídos da división social extrema que sufre agora mesmo a sociedade italiana.

Eu, coma visitante ocasional do agosto italiano, atopo insólita a polémica, que ocupa durante varios días as portadas dos xornais. Como atopo insólitas outras polémicas que abraian a un cidadán minimamente preocupado polo elementais sentidos democráticos dun país moderno coma Italia. 

Nota: a pesar do que digo, hai táboas coas novidades editoriais cheas de libros sobre escándalos políticos, como as que aparecen na foto, inatopables eiquí.

1 commento:

L´Esbarzer ha detto...

Magnífica tu vuelta de vacaciones, sigue, sigue, sigue...