Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 novembre 2009

CAIXA, UNHA E GRANDE


Todo apunta a unha fusión das dúas caixas galegas. Dase por descontado tendo en conta as condicións previas e a escasa envergadura dos poderes que puideran parecer (vexan o circunloquio) contrarios. Apenas un sindicato e o suposto localismo vigués temeroso de verse engulido polo peito financeiro do itsmo herculino. Porén, as distintas opinións ao respecto serven de proba evidente do difícil que resulta manter coherencia en cuestións ideolóxicas ou en planteamentos económicos. 
En primeiro lugar, a da Xunta de Galicia actual, gobernada por un partido defensor do dictado neoliberal, supostamente antinacionalista en materia económica, agás para dar de modo habitual pulo á economía española. Neste caso, Feijoo e cía asombran pola súa contumacia galeguista, con argumentos que parecen sacados do programa do BNG. Non resulta estraño que o BNG, ao coincidir básica e case por completo coa proposta de fusión, engada para se diferenciar do PP esa condición política de chegaren os tres partidos a un acordo nacional sobre o particular. Sexa por acordo (ou se adiante ás suxestións do Banco de España, para que a cuestión non cause demasiados receos internos ao comprobar o BNG que PP acolle entusiasta a fórmula nacionalista de "defensa dos intereses de Galicia") ou sexa por decisión de Feijoo (resulta insólito ver como aceptan nestes casos suxeitos que non gustan do presidencialismo do sistema e que afean o teor autoritario do actual presidente que tome tallantes decisións), o certo é que un notable nacionalismo move a asumir a conveniencia de fundir caixas. O localismo é, nestes casos, a coartada perfecta, sen se daren de conta de que tan localista pode resultar a idea de defender unha caixa galega como que esta arraigue nun territorio máis limitado. En certos ambientes políticos piden unha caixa por comunidade autónoma, pero probablemente a situación non dá para tanta exactitude. Noutro lugar comentei que as caixas italianas (de réxime cooperativo, por exemplo, na Toscana) funcionan razoablemente ben e a ninguén se lle ocorre fundir todas nunha entidade superior capaz de abarcar unha rexión enteira. 
En España está anunciada unha inexorable reducción de caixas (sen lugar para a discusión ou para o debate: non consta que o decreto lei sobre o FROB recibira demasiadas obxeccións alomenos no seu intento de concentrar entidades) e, polo tanto, calquera decisión ao respecto anula a adición de argumentos complementarios. Digamos que está escrito: só falta poñerlle nomes ás resultantes. O PSOE, por esta mesma razón, admite sen discusións o asunto porque del depende o movemento inicial, pero prefire ir detrás do que vaia marcando a propia dinámica do debate, sobre todo porque os alcaldes de Coruña e de Vigo, ámbolos dous do seu partido, e ao parecer edecáns de cadansúa caixa, xogan a baza localista, explicable porque ese gran concepto xurídico da razón social ou domicilio fiscal da caixa resultante condiciona a súa posición política. 
Os resultados da fusión, venteada desde o xornal de Arteixo e torpedeada desde o de Redondela, están por ver. Á marxe dos aspectos laborais, nada desdeñables xa que supoñen o despido de case 1500 persoas, a presencia dunha soa caixa de aforros pode agochar un caso exemplar de monopolio financeiro, especialmente para aforradores ou solicitantes de créditos que poden ver limitadas as súas posibilidades de réditos ou de financiación en condicións favorables, e desexen que os seus cartos se empreguen en fornecer actividades económicas de marcado carácter social. Probablemente esta miña reticencia poda ser neutralizada se se producen cambios notables no control democrático das caixas (más fragmentariamente politizado se cabe: non tan partidista) para evitarmos o moi posible clientelismo destes instrumentos financeiros da man dos poderes públicos: o espectáculo de Caja Madrid (un extremo noxento dun latente modelo pervertible pola súa identificación cartos territorio: ese claro nacionalismo madrileñista) é un exemplo notorio do final acadado por unha caixa perfectamente dominada polos poderes elixidos. A política democrática non consiste só en votar nas urnas senón en diluir o poder entre todos os axentes da vida social para crear unha rede na que os contribuintes e os cidadán dispoñan de ferramentas de control e de participación na vida económica dun país: a constitución dunha caixa (nacional) cun marcado dominio presidencialista outorga demasiado poder a unha soa instancia, nunha inaceptable concentración de resortes executivos. Cando se trate de regular a vida política dun país desde esa plataforma única, sen dúbida monopolística, que ninguén despois se chame a engano. 
Haberá, case sen dúbida, unha soa caixa en Galicia. Non hai forzas suficientes para detela. O tempo dunha Caixa de Galicia é chegado. A min pouco ou nada me entusiasma. Xa estou mirando en que outra entidade bancaria me van dar mellores condicións para nóminas e empréstimos. Non me gustan ou me gustan moi pouco as caixas obrigatorias. 

Nota: Da Caixa Galicia é a libreta dos meus cartos.  
Outra nota: a ilustración é do banco máis vello do mundo: o Monte dei Paschi di Siena, desde 1473. Un Monte Pío, como o lugar onde habita o presidente da Xunta.

4 commenti:

Xaime ha detto...

So un pequeno apunte: O Banco de España págalles as dúas caixas todos os perxuizos que lles poida causala fusión.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Establécese no FROB un protocolo para paliar os perxuízos derivados da fusión, pero non para pagar todos. É unha desas estratexias para incentivar e propiciar fusións, para que non pareza obrigatorio nin demasiado executivo. É o típico das novas administracións para modernizar ou aggiornar certos sectores.

Trebi ha detto...

O tema ,penso e mais complexo.
1)Brutal reconversion do SISTEMA FINANCEIRO (Pilladas as ENTIDADES -Caixas e Bancos- na Crise Financie ira Mundial e sin
recursos propios para sal ir adiante sen os RECURSOS dos Estados.
2)Tratase de arrégallo REDUCINDO A METADE o numero de ENTIDADES.
3)Reparto de PODERES no caso CAIXAS entre os PSOE y PP
4) GALICIA: Dilema PP quere contar con Unha Gran Caixa, fronte
a do PSOE. PP Madrid postula FUSIÓNS interrexionais.PP Feijoo pillado defender Poder Galego.
NON ESTA TAN CLARO A NOVA CAIXA GALEGA.
5)As Caixas, mal o ben repartido, pola súa Constitución deixan o que ganan en Obra Social( Non en bolsillos de Accionistas-caso da Banca). Por ISTO que non Debaten e polo que non se DEBE perder CAIXA GALEGA

balonga ha detto...

Caixanova en Publicaciones ID, ten o Atlas Socioeconómico de Galicia 2009, con moita información de Galicia.
http://www.idcaixanova.com/portal/