Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 novembre 2009

EFERVESCENCIA


Noto en xeral, debe de ser o dinamismo do facebook ou a transmisión acelerada de información por todas as vías, unha seareirización da política preocupante. Parece que se xogan partidos todos os días e que dos resultados depende a nosa temperatura vital e política, por suposto tan elevada como os propios acontecementos parecen suscitar. Pero debo recoñecer que me sorprende en xente que teño por capacitada, por informada, por intelectual de fuste algunhas manifestacións infantís de ilusións repentinas ou de decepcións abismais. Adoptan de contino unha posición algo displicente, mesmo ensimismada, propia da soberbia do cargo que empaquetan na súa condición, pero cando o seu equipo (agochado mentres perde ou empata partidos un tras outro) gaña o partidiño de entre semana, aínda que sexa con outro equipiño de pior entidade, sae esa vea infantil que todos temos (algúns, claro está, para cousas máis inocuas ou celebrativas) para plasmar felicidades sen vir a conto. 
Serei eu que me estou volvendo un escéptico de carallo que non chego a entender efervescencias a según que idades e tras procelosas traxectorias vitais? Estes últimos días, con alakranas, caixas de aforros, manifestos consiliares e outros estatutarios a febre da mocidade ou, no seu defecto, o prurito do acné rebrota no interior dos corazóns tantas veces derrotados. 
Non está mal para superar o outono; o malo é que tanta calor, tanta inflamación febril fai perder o sentidiño, a cabeciña e o mínimo rigor no pensamento: a pérfida ofuscación vén, nestes casos, de contado.  

3 commenti:

Artemio ha detto...

Equilicuá, Arume! Non sei se leu vostede o libro _Bruxismo no escano e bursatilización da esfera pública: O trastorno bipolar na clase política luxemburguesa_, por Luba Shumeyko.

arume dos piñeiros ha detto...

A tal Shumeyko ten outro libro, igualmente substancioso, sobre a Especulariedade do sistema de dribblings consecutivos en espiral nos proxectos políticos de longo alento, coa súa irmá, a non menos brillante Nadya. En Optima Praxis: Valoria la Buena, 2002.

Artemio ha detto...

Ucrania, gran país.