Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 luglio 2010

O PRACER DA MENTIRA


Sentado nun banco de Tras da Ponte, beira do río Eume, tarde de domingo festeiro, axeitada para o sesteo e a horizontalidade, puiden asistir a unha desas probas matemáticas, empíricas, da preferencia popular pola falsidade ou pola mentira. Esa preferencia nace dun íntimo desexo de que as cousas resposten a categorías poéticas máis cá efluvios torpes da tosca realidade. Á xente, veño observando, préstalle pensar que as cousas nacen de intereses espurios, de movementos turbios, de impulsos tortos ca doutras circunstancias. E tende a pensar que non se pode estropear unha historia de malas intencións porque todo teña un insípido ton de normalidade.
A historia que pode ilustrar esto é, de tan elemental, moi significativa. Cantara a noite anterior nas festas a ilustre Chenoa. Preguntou alguén polo concerto, pero ninguén puido contestar porque ninguén asistira. Pero a unha das contertulias deulle por comentar que Chenoa non quixera durmir en As Pontes e que decidira marchar a Ferrol (ou a Coruña, non se sabía ben) a pasar a noite, por considerar que o único hotel de As Pontes desmerecía a súa noble figura. Non fai falta engadir que os que alí estaban nin siquera dubidaron o máis mínimo e deron por boa a noticia e mesmo aproveitaron para poñela de podre para arriba por soberbia, estúpida, alén, por suposto, de pésima cantante. Eu tentei alegar, xa que coñecía ao dono do hotel que me dixera pola mañán que alí se aloxara a tal Chenoa e que ademais fora moi amable con todo o mundo que atopaba na recepción e na cafetería do hotel, que non era verdade. Pero, diante da solidez e da férrea convicción da miña interlocutora, comecei a pensar se non se arrepentira de verdade a propia Chenoa e que chegara a marchar a outro hotel de moito maior categoría. Pola tardiña, non tardei en atopar ao meu amigo Lolo (a quen agradezo moito os seus agasallos, dos que falarei noutro post) para lle preguntar se durmira Chenoa no seu hotel curriño. Confirmoume que alí estivera e que arrincara a media mañán do domingo, diante dun grupiño de rapaciñas que tivera a ocorrencia de achegarse a esas horas para saúdala.
Sen dúbida, que unha cantante algo popular decida durmir en As Pontes non deixa de ser demasiado normal. Que unha cantante algo popular non decida quedarse en durmir en As Pontes, unha vila de pouca monta (o que satisface esa escasa autoestima da poboación que se redime coas saídas extemporáneas dos outros), e que, encaprichada, colla o montante e marche a trasnoitar nun hotel de Ferrol ou de Coruña non só resposta ao horizonte de novela mala que a xente prefire senón que da pe a esa lingua viperina que a xente gusta de afiar de cando en vez cando atopa oportunidade semellante.
Imaxinemos o couso cando todo teña algo ou bastante máis de trascendencia.

Na foto, o abigarrado Mesón de Ana. Se van vostedes por As Pontes, proben a súa comida. O ambiente, único, por outra parte. Se non, Casa Teresa tamén merece a pena.

5 commenti:

Rubicho de Katanga ha detto...

O de Lolo. ¿Hai hotel de maior categoría, logo? ¿Hai hotel con hosteleiro de maior categoría e mellor carácter que o Lolo? Pois iso.

Turmano ha detto...

E inda por riba, se queres aprender algo de viños, o Lolo éche unha enciclopedia con patas. E todo iso acompañado do seu salmoncito, a súa cecinita, o seu atuncito... Un puto fenómeno, o Lolo.

Turmano ha detto...

Por certo, o hotel chámase Hotel Pontes do Eume, e está nas Pontes. En media hora estás en Viveiro, Ortigueira, Barqueiro, Cedeira, Ferrol, Pontedeume... Non dicías que querías coñecer as Rías Altas? Pois xa estás tardando.

arume dos piñeiros ha detto...

E non só estás a media hora de todos eses sitios: é que estás a escasos minutos do Marbella e da casa do mirmano, que é o máis importante.

Turmano ha detto...

I wanna page a groomin' hour!