Coméntame unha querida amiga que estes días pretende levar aos seus amadísimos alumnos e alumnas de bacharelato a unha representación de teatro. Mira a carteleira do Centro Cultural Caixanova e atopa que Ibsen e Shakespeare andan en outubro por Vigo. O concello organiza algunha veces pequenas representacións matinais para centros educativos, pero son para un público algo máis infantil. Ela prefire que vaian a unha obra xa máis seria. Tenta mercar para quince rapaces/as as entradas. Despois de chamar infinitas veces por teléfono sen resposta algunha, achégase un día pola tarde aos mostradores do CCC para facelo. Non hai ninguén. Nin siquera para entregar as entradas dese mesmo día. Rodea o teatro e pregunta ao porteiro onde compralas. O porteiro dalle un número de teléfono para chamar pola mañán. Avisa ao seu Xefe de estudios, que é o responsable de pagar as entradas: os dous tercios do importe, en forma de subvención, para sermos máis exactos.
O Xefe de estudios emprega boa parte da mañán tratando de localizar a alguén de Caixanova Obra Social para que lle indique como proceder e para preguntar de paso se hai algún tipo de descontos para grupos numerosos. Tras arduas pesquisas, unha voz resposta que resulta imposible facer o pago en vivo e en directo e que, por suposto, derivado desto, non é posible a fórmula do desconto. A adquisición de entradas para o teatro debe ser realizada exclusivamente por internet ou por un teléfono ad hoc. O afanoso xefe de estudios prefire entrar na páxina correspondiente e, cando leva un cacho fozando nela, advirte que só pode mercar seis entradas de cada vez. Intenta, logo, poñerse en contacto co número de teléfono en cuestión e volve a atopar o mesmo atranco das seis entradas: a persoa que o atende só pode servirlle ese número de entradas como máximo. Para unha nova remesa debe volver chamar. Pero xa non ten tempo para facelo porque a operadora telefónica esíxelle que o pago da entrada debe efectuarse de forma exclusiva con tarxeta. O xefe de estudios, pampo e alucinado, tenta solicitar se pode apoquinar con transferencia ou con outros métodos de pago habilitados para as administracións modestas como pode ser a dun instituto de ensino medio. Nanai. Con tarxeta e só con tarxeta. Resultado de toda a operación? Os rapaces e rapazas que tentaba levar a miña querida amiga ao teatro quedan definitivamente sen poder ver nin casas de bonecas nin mercaderes de Venecia.
En Vigo, Caixanova controla o 80% (ou máis) dos espectáculos teatrais digamos de certa entidade e de contrastado prestixio. Caixagalicia tentou durante un tempo competir con ela en oferta. Agora as dúas xuntas, en breve, monopolizarán lamentablemente o mercado cultural (o máis común e convencional, se se quere) da cidade (do monopolio financieiro será mellor non falar). Non quero nin pensar na dificultade máxima ou na imposibilidade efectiva que poden ter aquelas persoas que pretendan asistir a un espectáculo se non cumpren co sistema establecido pola disque Caixa Breogán para tales mesteres. Tanta obriña social, tanto viguisismo, tanta galeguidade, tanto de noso para que uns alumnos/as dun centro educativo ubicado nesta cidade non podan entrar nun teatro porque son máis de seis e non teñen unha maldita tarxeta.
1 commento:
Pues mire, se libraron de una buena. Que los lleven al fútbol, que ahora el Celta va bien, hay que apoyarlo y eso es lo importante. Que aprendan a correr. qué tanto teatro y tanta cosa tonta.
Posta un commento