O gasto extraordinario da Xunta de Galicia con motivo da visita do papa a Santiago debería ser asunto de control e vixianza política. Noutros foros demandei un seguimento exhaustivo que ben podería rematar en comisión de investigación. As primeiras intervencións ao respecto do governo galego, completamente tomado polas circunstancias, sen capacidade algunha de intervención en cada cousa que emprende (fusión de caixas, aeroportos ou empresas eléctrica) e coa insólita e continuada acusación de que é o governo central quen manexa a situación económica por completo (o que fai innecesaria mesmo a propia xunta), confirman a impresión de que o pau nas altas esferas pola escasa asistencia de público ao sarao da Plaza del Taller está aínda sendo asimilado.
Polo momento, Feijoo lembra outros gastos do bipartito (na vella técnica de ti tamén que sempre é autoacusatoria) e, sobre todo, xustifica o gasto en que proporciona unha propaganda única de Compostela a nivel mundial, despois de aclarar, iso si, que non se vai notar de forma inmediata. Sería conveniente que advertira o momento en que se vai comezar a notar o influxo, pero, polo de agora, xurden inevitables estas preguntas: ¿alguén pode siquera dicirme alomenos tres, non pido máis, tres sitios onde estivera o papa, xa non digo este ano senon nos últimos dous meses? ¿Foi útil para eses lugares agora aínda incógnitos a presencia do papa se a dous meses vista ninguén os lembra? ¿Alguén cre que é necesario indicarlle a audiencia cristiá que non só existe ano xacobeo senon que hai un camiño de santiago e que esta cidade se atopa na fisterra europea nun país chamado Galicia dentro dun país chamado España? O argumento da Xunta de novo apunta a descargo de conciencia, habida conta da desfeita presente: un pobre consolo que co paso de tempo e cun pouco de sorte pretenden ninguén lembre.
A oposición socialista, por protexer a un alcalde máis papista có papa, tenta facer que fai, cunha pregunta parlamentar que leva algo de sordina incorporada. A nota laica publicada en internet dun destacado cargo socialista permite adivinar o rexeitamento de boa parte da base política do PSdG polo entreguismo do aparato aos intereses, por outra parte, raquíticos e limitados a compostela, dun alcalde que ve a visita como un peto cheo con forma de botafumeiro. Probablemente non sexa allea a esta oposición morna, de boca pequena, os miramentos co actual embaixador no vaticano e con boa parte da elite mediosocialista e católica que o secunda con sede na coruña, arroupados pola opinión pública nunca belixerante en cuestións relixiosas e ás veces con resaibos opusdeísticos, aos que se intenta non molestar en exceso. O PSdG decepciona aos seus votantes laicos que non entenden que deixen pasar a oportunidade interesante para poñer en apretos a un governo pepeiro, completamente desbordado neste caso polos erros e polo desastre.
O BNG cumpre o seu papel coherente de oposición dura, aínda que non coa ferocidade que distingue outras batallas. Moito me temo, tamén, que na casta benegá o influxo eclesiástico (seminarios e tutti quanti) conteña o ataque, aínda que as palabras de Adán onte eran as correctas. Pero creo que debería preocupar aínda máis o escaso eco das súas denuncias, o que unha vez máis demostra o progresivo carácter de grupo de presión (que non partido artellado) que vai adquirindo o bloque na estructura política galega e, de paso, na capacidade de influencia mediática no país.
A min de toda esta historia o que me preocupa, como con tantas outras aventuras tipo bienvenido mister marshall, é a hexemonía do discurso único, da bandeiría en torno a un proxecto común, sexa este ou non aceptado por todos. Palabras como lealdade, unidade de destino no universal (neste caso traducido no mediático), altura de miras, parecen anular calquera crítica. Os disidentes parecen traidores á causa e unha especie de renegados do país. Non é a primeira vez que asisto a este intento de aniquilamento das discrepancias. De parecer un tipo raro, de visión curta (unha desas sandeces que repetidas parecen afirmacións aristotélicas), de pouco calado patriótico.
Os dous últimos días semellaba obrigatorio estar encantado de que viñera o papa e afirmar solemne que era un acontecemento histórico (todos os acontecementos son históricos, como lembraba Borges) para Santiago. Pasados cinco días, o paraíso non foi tal e non hai ninguén que asuma as responsabilidades. Iso case é o de menos: o pior é a sensación de que por momentos se instala na opinión pública un tsunami de crenzas indiscutibles e non hai apenas fenda onde discutir ou negar a maior deste despropósito.
Sexa escrito todo isto sen a agresividade laicista xenética que reservo para outros mesteres.
Ilustración: a Fontana delle Api, na piazza Barberini de Roma: de cando o papa, neste caso Urbano VIII, facía polo menos fontes fermosas de auga fresca mesmo en agosto.
5 commenti:
Nin Barcelona nin Santiago necesitan desta suposta propaganda para poñerse no mapa internacional, turisticamente falando, e non sei que facían os do psoe dándolle cremiña a benedetto, penoso.
Teño que discrepar de Arume e de Borges. A historia non é "todo o que acontece", senón o que acontece nunha determinada interpretación ou construcción temporal. Todos os acontecementos son temporais, pero non todos son históricos; e non porque non pasen á historia, senón porque a súa temporalidade non é lineal nin acumulativa. O mellor que nos acontece case nunca é histórico; o peor, case sempre o é. E para mostra, a visita do Papa.
Máis observacións:
- o interese case nulo da prensa europea pola vinda de Ratzinger a Saint Jacques. Ocupou moitísimo máis espazo nos medios que a raíña de Inglaterra e os seus miles de amigos en Facebook.
- unha imaxe vale máis que mil palabras: o papel da muller na igrexa (e fóra dela), reflectido no traballo dunhas monxas limpando un altar, na homilía en Barcelona. Foron as únicas mulleres visibles.
- as palabras gravísimas de Ratzinger equiparando a situación política e social de agora coa dos anos 30.
Recollo dous titulares da prensa de hoxe:
- "A Feijoo le «gustaría» una visita del Papa «en cada legislatura»"
- El diputado del BNG, Carlos Aymerich, ha criticado el coste del viaje de Benedicto XVI mientras que más de 580.000 gallegos viven por debajo del umbral de la pobreza.
Eu, que son dunha aldea pegada a Santiago, síntome, por unha vez, moi orgulloso dos meus paisanos: deixaron ás autoridades todas co cu ao aire.
O Totus tuus esta vez funcionou só para as autoridades, todas xenuflectas sen excepción, pero non para a xente, que pasou de todo olimpicamente.
Agradécese a carraxe do seu post.
pois mire para aqui, don Arume, o que di o noso ilustrísimo rector magnífico, e logo dígame se lle parece como lle queda o corpo...
http://duvi.uvigo.es/images/quiosco/ab051110.jpg
Posta un commento