Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 novembre 2010

NA MORTE DE AZAÑA


Pasaron xa setenta anos da súa tristísima morte no exilio. Cústame falar pouco del, despois de dedicar boa parte do ano pasado a ler a súa obra completa, epistolario, crónicas de viaxes e discursos parlamentarios en especial, sen descuidar a ollada rápida á súa obra de ficción aínda que seudobiográfica, tratados literarios e históricos. Son sete grosos volumes, de letra apretada, cheos de grandísimo estilo, inigualable na meirande parte dos textos, excepcional en moitos pasaxes, único na literatura (entendida esta no seu sentido máis amplo e exacto) en español. A min aínda hoxe me resulta incrible que nos programas universitarios (por mor do discutible peso da ficción no canon) non figure Azaña con calquera dos seus textos. Como orador foi tamén extraordinario: decenas de miles de persoas agardaban por el nas campas ou nas prazas de touros para escoitalo e na tribuna do parlamento era temido pola súa contundente argumentación dialéctica. Como político, confiaba, probablemente en exceso como inconmovible demócrata, no poder da palabra. Os retratos dos seus contemporáneos rozan o esperpento, con esa peculiar prosa súa na que se amontoa elegancia sintáctica e demoledor vituperio.
De todo o que puiden ler (que digo é moito) quedo coa narración dun día calquera na vida de Azaña presidente. Erguerse algo tarde (porque trasnoitaba), ir pola mañán ao parlamento e participar nos debates (poñamos o estatut de catalunya ou a retirada da igrexa da instrucción pública, cun discurso de unha hora que lido hoxe abraia), comer na casa ou nun restorante, volver ao parlamento para seguir debatindo, acudir a unha representación teatral a media tarde, voltar, tras rematar a representación, ás votacións no congreso, cear en tertulia cos amigos (ou na casa), coller o coche ás once e dar unha volta por Madrid, ir aos altos do Guadarrama ou a Alcalá ou ao Escorial e tomar alí algo cos amigos e voltar a Madrid de madrugada, sobre as dúas ou ás tres da noite. E ao día seguinte unha tarefa semellante, con ocasionais visitas de magnatarios ou de presidentes doutras repúblicas ou xenerais do exército aos que governa como ministro tamén de Guerra. E ter tempo de escribir o que escribiu que é excelente.
Eu, sinceramente, atopo poucas persoas da altura intelectual de Manuel Azaña non digo na historia da cultura española, senón na historia da cultura europea. Algún día o seu peso político, que por si só pode elevar a súa categoría por riba de todos os governantes do século XX (eu engadiría da historia de España, pero vai ser que non teño tantos elementos de xuízo de épocas pretéritas), poderá deixar paso ao seu extraordinario legado intelectual para que as xeracións futuras puideran calibrar a desgracia deste país que preferiu acabar con el e puideran ao tempo desfrutar dos seus textos coa liberdade pola que el loitou sempre.

E iso que eu só quería facerlle un pequeno homenaxe, pero xa ven.

1 commento:

atónito ha detto...

Querido Arume, devólvenos vostede á angustia e ao desacougo. ¡A altura intelectual e moral dos "próceres" pretéritos! Comparar aqueles campos vizosos coa indixencia de hoxe... Naturalmente, talvez debésemos comparar tamén os obxectivos que os propulsaban cara un labor ineludible de rexeneración e de futuro. Hoxe a mirada debe de ser máis raquítica. Desde logo é máis eivada.

Por fortuna, o siniestro Aznar leva algún tempo sen macular o nome de Azaña. Tamén Castelao regresou da man de Fraga.

Alterius non sit qui suus esse potest.

Saúdos e grazas por axudar a retrovisión creadora.