A ortodoxa teoría política progresista tende a primar a participación cidadá, a toma de decisión mancomunada, controlada por comités e comisións: a fuxir, en definitiva, de resabios presidencialistas. Non sempre a práctica acompañou esta perspectiva e os casos de grandes timoneis e de líderes incontrovertibles magoaron por non dicir delinquiron contra esa máxima política. Non sei se o BNG, esa fronte política que precisa de tantos equilibrios inter pares, participa teoricamente desa escasa tendencia ao liderato carismático, admitida a hexemonía esquerdista entre as súas filas. O caso de Beiras pode resultar excepcional, aínda que a curta historia do movemento non permite excesivas xeralidades. Non son experto en crónicas nacionalistas, pero si parece presidir (un verbo paradóxico) no seo do actual BNG unha mínima preocupación por que sexa dirixido por persoalidades destacadas ou con certo carisma. Elixir a Guillermo Vázquez como portavoz camiña nesa liña de abandono de calquera veleidade presidencialista. Convén aplaudir desde a escrupulosa doctrina progre ese intento de negar as xerarquías ou a eminencia publicitaria do profesional da política, pero unha cousa é escapar á exhibición pública e outra prescindir (ás veces pola vía do agochamento e do silencio obrigado) de calquera atractivo mediático e político nos seus representantes. Isto tarde o axiña págase coa derrota.
A portada do luns do Xornal de Galicia, coa fotografía sorprendente de Teresa Táboas abrazada a Dilma Roussef, nova presidenta do Brasil, no entanto, abría unha perspectiva nova. A ninguén se lle escapa que o diario do nacionalismo moderado e burgués lanzaba (ignoro se interesadamente: supoño que si) unha mensaxe clara, torpe mesmo na súa evidencia: a de postular a TT para dirixir se non o BNG entendido como tal fronte xa viciada (como o blog de renovarobng amosou durante estes últimos tempos, ao que desde aquí felicito) si, polo menos, un partido ou movemento de corte nacionalista, non sei se de centro pero siquera centrado, coa idea de facer deglutir todas as sensibilidades do espectro galeguista, desde o folclorismo ata o independentismo, baixo unha persoa con certa imaxe pública de prestixio, moderna e urbana, con experiencia de xestión, pouco maleada pola constante batalla interna dos distintos grupos que compoñen o BNG. Cando Quintana dimitiu e o BNG quedou ao pairo (onde segue, por certo) pensei nela como solución, non sei se para un proxecto a longo prazo (non estou seguro), pero si para manter o nivel de tensión política que un partido debe ter para seguir ofrecendo aos seus votantes referencias de ideas, opinións ou estratexias electorais. Eu non son votante nacionalista nin do BNG, pero creo que Teresa Táboas é, hoxe por hoxe, coa súa imaxe que pode mesmo mudar en carisma cos estímulos precisos, o único baluarte do BNG para seguir respirando e quen sabe se a medio prazo aspirar a cousas máis interesantes. Supoño que as eleccións de primavera, cando comproben a debacle, permitirán ese cambio completamente necesario.
4 commenti:
Eu creo que unha maioría da sociedade entendía a Guillerme Vázquez como unha figura de transición. Que sigamos nesa transición é o preocupante, con independencia de quen poida ser mellor para presidir a nova etapa.
Clavado. Pero que se tomen medidas trala debacle de primavera, haberá que velo.
Tomás
cguzada!
Penso que TT non ten capacidade nin sintonía para ser unha lider de nada.
O seu primeiro problema é comunicacional, cada vez que a escoito entrame a anguria de pensar que vai afogar alí mesmo...
Un ou unha lider para o nacionalismo que poida reemplazar o "carisma" que tivo Beiras nos seus mellores tempos ainda está por descubrir...
Supoño que o hai, pero polo de agora a mellor opción sigue a ser Quintana...
Posta un commento