Caxigalines nella Reguera'l Campizu

18 luglio 2011

O PORVIR


Entre un feixe de impresións negativas acumuladas nos días do congreso aurisecular poitevino queda a esperanzadora e moi notable presencia de novos investigadores/as. Lonxe das intrigas e das vaidades estériles que afectan coma virus aos vedraños, eles/as entretexen con entusiasmo as súas relacións profesionais e amistosas. En ocasións anuncian os seus propósitos e as súas metas cando son requeridos desde o altar algo sacro da casta filolóxica, pero eles traballan paseniño, animados por un talento e unha tenacidade invencibles. Un escoita aos consagrados e sinte coma un cheiro a despedida, a alarde innecesario no adeus. E busca nalgunha sala de comunicación a efervescencia do que confía nese capítulo da tese, do que treme ilusionado ante a idea mesma de completar unha nota a rodapé, da que se conmove cando comproba que a bibliografía non é tan pluscuamperfecta como quería.
Despois de escoitalos, despois de escoitalas, un sinte que non todo está tan perdido.

1 commento:

Anonimo ha detto...

Graciñas pola parte que me toca, e por arrincarme un sorriso ás 2 da mañá, algo que ven moi ben despois de varias horas de crítica textual. Unha aperta.