Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 ottobre 2011

RECOMPENSA FELIZ


Cando nada xa se agarda, neste tempo de desilusión e abandono, aparece algunha noticia que asemella algo que cremos (e é inmensa) felicidade. Dicía eu tamén hai tempo que me sentía como o factor dun apeadeiro dunha vía que esmorece e moitas veces, cando vexo os pasillos, o vestíbulo do pavillón onde dou clases completamente baleiros, coas luces encesas sobre un espazo desolado, apenas mitigado pola vexetación case tropical dos patios interiores, a sensación agrándase. 
Por iso, non podo disimular o meu contento cando as persoas que están (directa ou indirectamente) ao teu cargo, por responsabilidade académica, obteñen a súa recompensa. A Mónica, a Sole e a David, a miña noraboa e, sobre todo, as miñas gracias por deixarme albiscar algunha luz (e ben intensa) nesta escuridade, nesta nada. 

1 commento:

Xoán Ramón Díaz ha detto...

Non sei, pero paréceme percibir algún lazo que vencella este post co titulado poesía morta. Non sei. Morte e resurrección. O desencanto do estudoso, posiblemente do profesor, e a quente emoción do maestro, magister.

¿Quen pode quedar indiferente diante da arenga afervoada do Detective Crepuscular?

Non rían: eu ando, desde hai un ano, pouco máis ou menos, revisitando os clásicos, pero os clásicos clásicos: Esquilo, Sófocles, Eurípides... Agora mesmo estou lendo, con papel e lápiz, a Ilíada. E, ademais, espallo a miña atención polos circundos, e leo tamén monografías sobre estes autores e as súas obras. Estou abraiando. Ignoro qué poderá saír de todo isto, aparte do meu disfrute persoal, pero considero magnífico, formidable, colocarse de vez en cando no mesmo punto fundacional e ver a onde chegou e de onde partiu toda a creatividade occidental. (Lamento moito o meu case absoluto descoñecemento doutras culturas).

¡Ah, para que conste! Simultaneo estas esgrevias lecturas con visionados metódicos e sistemáticos de magníficas películas do Oeste. Esta tarde, seguramente, caian dúas. Saúdos.