Caxigalines nella Reguera'l Campizu

14 dicembre 2011

POST POSTELECCIÓNS


O clamor da cidadanía galega de corte progresista (sexa esta especie o que un queira) para solicitar dos partidos que a queren representar un cambio radical é de tal calibre que non se entende a día de hoxe que sigan aferrados a arranxar o mobiliario caduco que teñen nas súas sedes en troques de mudar de xeito radical edificio con apertura total de portas e fiestras ao público expectante. Os máis ousados/as de cada partido amagan con irse, con deixar o barco, con propoñer eleccións, con debater ideas, con discutir proxectos, con renovar os modos. Pero, chegado o momento, aceptan pactar, minimizar danos, retellar faiados e cousas polo estilo. Prefiren parolar en órganos que nin se sabe para que funcionan, que se comité federal, que se directiva nacional, que se congreso ordinario, que se que se: mecanos da vella política, inútiles para enganchar coas persoas que habitualmente ofrecen os seus votos nas eleccións. Eses aparatos, pola súa propia natureza, tenden a manter o status, a protexer ao que está xa instalado: apenas ofrece oportunidades para o cambio. Por iso fan mal os/as que pretenden orear mantas e colchóns en seguiren eses camiños: resultan sempre insatisfactorios. 
Hai momentos en que hai que dicir que non hai mus, en que hai que amosar as cartas de forma inmediata. As medias tintas conveñen aos conformistas. Non é tempo para pamplinas. E non me refiro ao vello Buster Keaton das nosas avoas, senón a estes mornos dirixentes que dan máis pena ca outra cousa no seu labor triste de opoñerense a un presidente da xunta tan escaso de miras, tan curto de preparación e vontade políticas, tan baleiro de case todo. Nada resulta máis deprimente que ver como a nada política pode governar un país sen que ninguén, na outra parte do parlamento, esa outra nada, poida ofrecer a máis mínima e convincente resistencia. Por favor, please: deixen paso.

6 commenti:

Anonimo ha detto...

¿A quen? Quero dicir, ¿a quen hai que deixar paso?

Porque, ou moi agochados están os postulantes, ou non sei eu...

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Tamén é certo, pero é para animalos. Habelos hainos.

Anonimo ha detto...

Vale.

Arumes ha detto...

Vázquez, 1954. Meijón, 1958. Fernández Moreda, 1953. Ricardo Varela, 1955. Modesto Pose, 1956. Lago Lage, 1957. Cortizo, 1951. Bugallo, 1954. Así, como quen non quere a cousa (faltan outros datos, pero as imaxes de moitos outros deles apuntan a esas quintas). Todos homes, ofcors. A primeira muller en importancia no organigrama, Mar Barcón, 1963. Silva, 1960. As demais máis novas.

cãosemdono ha detto...

Se cadra o que pasa é que sona a hora da cidadanía, é dicir, de estudiar se cómpre revocar a sedicente delegación da soberanía a prol de intermediarios irresponsables -no sentido de materialmente exentos de fiscalización-, mediante o artellamento de mecanismos de representación meramente técnica nuns casos, ou noutros, pola contra, directa ou asemblearia en segundo qué ámbitos decisorios, ou alomenos despoxar ós partidos políticos do monopolio da lexitimidade da designación representativa, directa ou indirectamente, en todos os ámbitos en que está instalada na actualidade, que ata hai ben pouco ían dende a presencia de vocais nas autoridades portuarias ata os consellos reitores das caixas de aforros, e por non falar da acumulación de cargos nunha soa persoa.

Anonimo ha detto...

Refundar a democracia. Diso levo falado moito cun demócrata de pro que posúe a suficiente dose de cinismo como para ser creíble.

Refundar a democracia. En dous foros distintos el e mais eu, sen acordo previo, utilizamos as mesmas palabras.

Refundar.