Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 ottobre 2009

STABAT MATER DE TIZIANO SCARPA, UN PICCOLO CAPOLAVORO


Para ler este post, pódese escoitar ao tempo esto.

O último premio Strega de novela en Italia foi para Tiziano Scarpa, o autor da famosa e singular guía de Venezia titulada Venezia è un pesce. A novela que gañou por un só voto a Antonio Scurati Il bambino che sognava la fine del mondo foi Stabat Mater, non sen unha ulterior polémica sobre o nivel de influencia de cada un dos finalistas sobre o sistema literario italiano e non sen durísimos ataques entre eles sobre as súas respectivas relacións co poder e con Berlusconi máis concretamente. Foi un dos episodios máis entretidos do verán, nunhaxa  longa xeira de desencontros sobre este particular, posiblemente porque se trata dun premio á novela publicada ese ano, que outorga ao escritor un extraordinario pulo de vendas. Serviu, ademáis, para comprobar, unha vez máis, o vello refrán de que as fabas son sometidas a cocción en todos os figóns do mundo. 
O libro en cuestión é unha longa carta dunha orfa chamada Cecilia á súa nai descoñecida desde o Ospedale della Pietà, a vella institución veneziana que mira ao bacino de San Marcos coa súa limpa e branca fachada. Nela, a voz íntima, intimísima, desta moza de dezaséis anos, abandoada nos tornos do orfanato recén nada, vai explicando o día a día nas celas do edificio, as súas escapadas pola noite, pola escuridade dos corredores, para consolar o seu insomnio ou para fundirse co silencio e a soidade dese laberinto de baleiros e ruidos que se fan co tempo familiares. A meirande parte do tempo transcurre nunha clausura permanente, nin siquera liberada pola maxia da música que ten que tocar na igrexa, semioculta detrás das rexas do coro, elevado sobre os espectadores que apenas alcanzan a ver nada. Ás veces sae ao exterior para contemplar o bater da auga na pedra ou, nunha das máis marabillosas esceas que levo lido en tempo, para saír en barca no medio da néboa, xunto a outras raparigas, ás agachadas da xente que non pode miralas, polo medio da lagoa veneciá. Neses instantes, a descripción breve e suxerente, deixa paso a minuciosas exploracións da alma pechada, coma aquela na que se ve a sí mesma como unha violinista que tocara o instrumento baixo a auga, afogada a súa voz entre a inmensidade do mar. O libro enriquécese con diálogos alternados que a propia Cecilia transcribe a súa nai e que mantén cunha figura ensoñada, co rostro da Medusa cos capelos de serpente e co nome da propia Morte. Nestas breves conversas, a orfa encarna a un tempo a súa propia figura, pero tamén a da súa nai e, como resultado de todo isto, a das mulleres, recluidas non só nun edificio senón no seu propio corpo, condenado á simbólica escuridade do orfanato. A primeira parte do libro ofrece a progresiva concienciación do corpo desta moza noviña, que atopa en Vivaldi, o mestre compositor que substitúe ao rutinario e mortuorio don Giulio na dirección do célebre coro de nenas do Ospedale, a excusa perfecta para dar saída aos seus sentimentos amorosos, ata ese momento ocultos, negados. A historia así descrita podía ser considerada como a enésima volta do vello tema da aprendizaxe erótica a través da música ou da emoción e o entusiasmo da súa práctica, pero Scarpa consegue escapar a tan doada escenificación narrativa pola vía dun complexo exame do universo femenino pechado entre pedra e carne.
As palabras de Cecilia xurden entrecortadas, en párrafos aillados: ás veces relacionados, ás veces case evacuados coma fugaces desafogos sobre o que vai acontecendo. O esforzo literario que esto supón (o mantemento dunha voz epistolar, a base de impulsos breves do tamaño do parágrafo ou dun salouco) ilústrase cun italiano rico de suxestións e cheo de imaxes insólitas e magníficas. Para quen estea habituado ao estilo de Scarpa e guste del, Stabat mater non o vai decepcionar nin un ápice. 
Non sei cando veremos por estes lares a traducción desta breve novela que se le dun tirón entusiasta, pero xa desde agora convido a que recoñezamos a riqueza da literatura italiana a través deste piccolo capolavoro, vido desde a lagoa véneta, berce de tantas extraordinarias cousas e peixe que desde a distancia nos devora coa súa memoria. 

Ilustración: Portada da traducción alemana.

23 ottobre 2009

FESTINA NON LENTE


Onte á tarde fun a Gondomar, á librería Libraida a charlar, presentar, borear sobre Festina lente, a novela de Marcos Calveiro. A oportunidade de asistir, baixo a fórmula dun clube de lectura, deume pe a reler o libro e fixarme aínda máis naqueles aspectos que da primeira vez me foron especialmente caros. A experiencia de relectura sempre resulta atractiva, porque na meirande parte dos casos os libros son lidos unha vez, moitas veces dun só tirón, con apenas pouco tempo para a memoria ou para a conservación durante tempo siquera dos seus aspectos máis elementais. 
Neste caso, a relectura foi tan satisfactoria coma a primeira vez. Incluso máis. Entretiven o tempo na demora das pasaxes máis eruditas, disfrutei con aqueles capítulos de diálogos, que non son os maioritarios, pero amosan un narrador de múltiples rexistros; gustei aínda máis dos textos máis líricos e máis descriptivos, fosen ou non ensoñacións ou de miudenzas tanxibles; apreciei a sutil evolución do protagonista desde a súa etapa silenciosa de aprendiz á elocuente irreverencia con que conclúe o seu pensamento; pasei tamén algo máis de tempo en traducir o verbo dos arxinas para diversión do espíritu e para admiración por tan especial esforzo. 
Pero, como na primeira vez, puiden certificar (reforzado, se cadra) que Calveiro é un escritor extraordinario, dono dunha facundia e dun dominio da lingua envexables, preocupado, ademáis, por enriquecela a cada liña, con cada palabra que vai empregando. Os premios recibidos son poucos, ao meu xuízo, polo valor que representa Festina lente no panorama das letras galegas, fóra da clásica revisitación dos pasados máis inmediatos e dentro desa corriente imprescindible en toda literatura dun finísimo artesán do idioma entregado ao pracer da pura narración. 
Hai tempo que non publica: seica anda en proxectos miles porque a súa fervenza (como el mesmo di) verbal non pode acougar ningún intre. Será verdade, pero eu, que o teño polo narrador máis poderoso da literatura galega na actualidade, necesito saber canto antes que esa cabeza repleta de historias dá ao prelo o resultado desa volcánica teimosía polas palabras e pola lingua. 
Marcos, fainos o favor de contarnos, papel ou ebook mediante, algo. Pero axiña. Festina, pero non lente.

Xuro que non mirara eu o blog de don Marcos: a coincidencia na elección da ilustración é preocupante.

20 ottobre 2009

O DÍA D DE ANTONY BEEVOR


Entreteño os pequenos intres entre as clases de mañán e clases de tarde coa lectura atenta de El día D, de Antony Beevor. Tan atenta, que avanzo pouco de cada vez, ensimismado coa minuciosidade con que relata o historiador inglés o desembarco/invasión de Normandía. Aínda vou pola entrada na praia de Utah, pero podo asegurar que levo case duascentas páxinas lidas sen alento e sen perda algunha de interese. É certo que a relación pormenorizada de unidades, batallóns, brigadas, xenerais, tanques ou calquera mínimo detalle pode cansar, pero é tal a variedade de perspectivas, a focalización cambiante do relato ou a mistura admirable de aspectos que resulta imposible amosar desánimo. 
O libro comeza cunha claridade expositiva extraordinaria e cumpre con admirable concreción coa regla canónica que rexe para o arranque de calquera narración que se precie: en tres capítulos iniciais realiza unha presentación dos actores do drama completamente exemplar, nunha especie de dramatis personae precisa e ao tempo complexa: no primeiro, retrata os debates e dilemas das tropas aliadas, con agudas análises (non exentas de hipóteses atractivas, pero arriscadas) das personalidades dos principais protagonistas da batalla; no segundo, debuxa o disperso e escéptico frente alemán, coas súas disputas internas, ás veces cunha para min discutible tendencia ao comentario moral (a soberbia dos oficiais alemáns, por exemplo) ou psicolóxico (a apelación, por exemplo, a indisimulados complexos de inferioridade); e no terceiro, unha gorentosa e nada compracente fotografía da resistencia francesa co xeneral De Gaulle ao fronte. 
Tras esa presentación, vai o nudo. Neste estou. Aquí, a documentación riquísima sobre diarios, cartas, notificacións oficiais, misivas, ordes tramitadas, aporta numerosos datos sobre cada un dos minutos vividos naquela batalla. Antony Beevor é quen de pasar da delineación dos movementos dos tanques sobre os areais de Normandía a escoitar as voces baixas do soldado moribundo que agarda, con morfina ou sen ela, que chegue a morte. Logra integrar nun só párrafo (escrito con esa sintaxe simple e ao tempo densa, propia dun Tácito por exemplo) as preocupacións na retagarda ou as dúbidas do mando alemán en Berlín coa agonia do soldado alemán que acaba de recibir o impacto das balas dos tanques que chegan á praia. Nin siquera esquece trasladar o arrecendo da escuma das augas golpeando o metal da rampa dos tanques, nin a estampa velada polo fume negro dunha praia invadida por cadáveres. Non aforra por suposto o reconto da sangue, dos osos quebrados na loita, das decapitacións antes de chegar a terra, nin os erros, nin o aire de masacre e matanza que un acto sempre considerado heroico posúe cando se mira desde moi perto, desde a ollada de rapaces de 16 a 20 anos condenados máis ben a morrer en terras alleas. Dígoo e parece que Antony Beevor fai patético o relato. Nada en absoluto: cumpre co seu labor de historiador cirurxán, coa apertura implacable dos miolos desta historia, sen deixar cabo solto, sen deixarse arrastrar polos acontecementos, cunha irresistible capacidade para contar a historia. 
Dá gusto ler a Antony Beevor. Canto deberían aprender moitos outros que se teñen por narradores ou escritores de ficción! Seguire, pois, lendo, co maior pracer do mundo. 

18 ottobre 2009

CAMPANELLA AGAIN: CULPA DE LLAMITAS


Volvo sobre o post de onte. Espoleado por un amigo de Facebook e insatisfeito coa curtedade do meu comentario, non correspondiente á extraordinaria entidade da película de Campanella.
En primeiro lugar, chámame a atención a lectura política, e case exclusivamente política, das críticas arxentinas. Sen prescindiren de reproches a Campanella, por non furar máis na descripción da corrupción xudicial e da represión policiaca en Arxentina e, aínda máis estrano, por adicar o seu esforzo ao relato sen máis da trama, as análises de El secreto de sus ojos se centran nas cuestións que para o resto han resultar meros telóns de fondo da historia. Telóns de fondo necesarios, xa que esas fronteiras da legalidade ou as dúbidas sobre impunidade ou xurisdicción eficiente permiten explicar boa parte da película; dito doutro xeito, só neses periodos históricos é posible contar (e urdir ata o verosímil) unha historia de desaparicións, asasiños fuxidos, obstáculos no propio sistema policial, insólitas resolucións xurídicas; só nese momento de anomalía democrática, avance da crudelísima dictadura de Videla, pode explicarse o teor dramático e por momentos tráxico da historia. 
Porén, para o espectador non arxentino esto simplemente actúa como xustificante do relato, mentres para o arxentino constitúe a clave de interpretación da película. Non é raro, pois, desde ese lado da visión da película, que defraude, porque a película non pretende aprofundir no sistema político arxentino, senón nas consecuencias concretas, case individualizadas, dunha historia non resolta, dun caso que exerce sobre os protagonistas a función de activar os seus sentimentos máis agochados. Non sei se non se prexulga o gusto de Campanella polo suspense da historia, pola complexidade das relacións entre os personaxes, antes que por unha especie de linguaxe cinematográfico de denuncia. Non entendo esa reclamación: nin neste caso, nin en moitos outros. Lembrase nalgún comentario, como proba irrefutable do seu ao parecer denostable gusto pola pura narración, que dirixira varios episodios da serie House. A proposta de Campanella non pretende dar conta dun momento da historia arxentina, pero resulta rechamante que os espectadores de aquel país sintan que a íntima historia de Espósito non sexa unha máis elocuente mostra da eterna crise de Arxentina. Consignado queda, pero o filme pouco ofrece para chegar a tal punto.   
O outro aspecto que me interesa comentar é o doble plano narrativo da historia. O protagonista, en 1999, tenta contar, por medio de apuntes novelescos, a historia dun caso sucedido en 1974, que lle afectou de forma moi especial. Non sabemos, no intre de arrancar a obra, de que se trata, pero vámolo vendo a través da traslación en imaxes en movemento do que vai (ao parecer, porque as indicacións neste sentido, logo das primeiras esceas, son mínimas) aparecendo no caderno do relato. A fraxilidade da memoria, o pulo da invención e do desexo diferido convidan á discusión da veracidade da historia. Desde o comezo, o espectador desconfía dese relato contado, mesmo con esceas que o narrador non puido saber, esceas nas que o narrador non estivo presente (coma o do marido enchoupado en bágoas mentres chama á nai do asasiño, sorprendente despois de vinte minutos en que o relato parece estar visto e trazado desde o ángulo parcial do narrador protagonista) ou momentos que precisa recrear para explicar de xeito satisfactorio as lagoas do referido, con máis hipóteses que certidumes. O relato do que acontece en 1974 chega ao espectador condicionado por esa voz do narrador dubitativo, compracente coa súa primeira lectora, meliorativo ás veces co seu pasado e arrepentido, case sempre, do rumbo final da súa vida. Os dous relatos, o de 1999 e o de 1974 (éste á súa vez fílmico e literario, titubeante, indeciso), altérnanse, superpóñense ao longo da película, nun tecido de miuda artesanía, fráxil e poderoso a un tempo. Por veces, como sostén o amigo Llamitas do feisbu, o ritmo semella decaer, probablemente porque o relato do pasado non acaba por formarse, porque esas incertezas dominan o relato de 1999. E ás veces, como tamén indica o meu amigo feisbuqueiro, poden darse esceas redundantes, de suliñados dramáticos innecesarios, como a terrible do ascensor. Pero iso ten que ver menos coa torpeza fílmica (que nunca se debe desbotar) que coa fasquía literaria e intelectual da obra (non esquezamos que empeza cunhas letras emborronadas nun caderno de espiral e que se suxeita nunha intrigante palabra escrita na vixilia do soño), dependente da debilitada memoria do narrador, aberta, por iso mesmo, á especulación e á invención interesada que permita comprender de forma absoluta o seu pasado.       

17 ottobre 2009

O XENIAL E TALENTUDO CAMPANELLA


El secreto de sus ojos conmove. Digo conmove, porque é palabra que se pronuncia na película, xunto a tantas outras, de envergadura literaria, nunha infrecuente e felicísima combinación de marabillas cinematográficas. Sei que poucas cousas escapan á excelencia neste filme case perfecto: actuacións inesquecibles (algo teatrais ás veces, como a magnífica e divertida secuencia da reprensión do xuíz Fortuna), fotografía exacta, precisa, capaz de discernir, xunto á escenografía, os dous tempos do discurso; música intanxible, de sinfonía lixeira e lonxanamente romántica; montaxe insólita nas esceas do campo de fútbol (un oase de prodixio técnico nunha película de trazo clásico, case hitchcockiano); guión complejísimo con varios planos de perspectivas e cheo de resortes dramáticos, de comedia ou de peza seria, procurados para os máis variados efectos (gags visuais coma o do can, chispa verbal como as respostas de Sandoval por teléfono, réplicas enxeñosas, elipses emotivas, suspense por silencios, entre tantos outros); imaxes imborrables, creadas cunha pericia insólita no cinema actual, coma as de Darín e Godino abrazados no medio da estación; e mesmo, de forma tanxencial pero elocuente, unhas significativa pincelada do país baixo o goberno de María Estela Perón preludio da dictadura e tamén dunha Arxentina metida na crise económica e política que culminou en bancarrota e corralito (1999). 
Cada unha destas cousas, cada aspecto particular de cada un destes apartados (un aceno de Darín, a ollada de Facella, un plano de Villamil desde a porta, un zoom delicado), bastaría para outorgar á película de Campanella a condición de imprescindible. Pero os diálogos, eses diálogos nun fértil español de Arxentina, sempre sorprendente, riquísimo, convirten El secreto de sus ojos nunha obra mestra, probablemente unha das mellores dos últimos tempos.  

15 ottobre 2009

OBSTAT


Son moitos os obstantes. Algún deles case definitivo, pero fago reconto e aínda queda marxe de manobra. Contemplo fotos. Recoñezo rostros familiares. Sei o que fixeron este e outros tantos veráns e estacións máis adoloridas do ano. Sei o que van facer e o que van dicir. Sei que nada se pode agardar. Algunha víscera se remove de pensalo. Rencor si, para que negalo: non teño alma de pentito para esquecer ou nublar a memoria. Lembro mesmo frases inconvenientes, trazos visibles de liñas que non se traspasan, indiferencias ou rexeitamentos por non pertencer, por non ser. Non son, en efecto, non pertenzo. Non teño entusiasmo nin me gusta o que miro. Escoito a voz convincente de X. Pero os obstantes son moitos. Algún deles case definitivo. 
Librarei o case axiña.  

14 ottobre 2009

REGRESO

De pequeno meu pai me regalara unha libreta de anillas pequena. Non era un agasallo en sentido estricto, senón máis ben a típica herencia dun día calquera no que meu pai probablemente decidira que o caderno non lle facía tanta falta. Estiven con el case toda a vida. Gardaba nel poemas, cancións, debuxos. 
Non era mellor ca moitos outros, pero era negro, completamente negro. Ninguén levaba un caderno tan serio, pero a min sempre me pareceu o colmo da elegancia. Que fose do meu pai, que ten unha letra inconfundible, limpa, pequena, case feita de tiraliñas, curiosa coma poucas, era a clave. Desde aquela sempre busco carpetas negras, cadernos negros, fundas negras, dossieres negros, cartolería sempre negra. 
Non sei se iso, e os amables consellos de varios amigos e, sobre todo, amigas, fixo que me decidira a voltar a este campo negro de letras brancas, case un firmamento toscano en plena noite de san lorenzo. 
O certo é que estou de novo nesta casa. Na casa onde nacín.

Soa neste regreso, ao lonxe, marcando as dez da noite, Negra sombra no carillón de Caixanova.