Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 febbraio 2007

CARNAVALES DE CÁDIZ

Nestas noites de certa vixilia, case insomnio, adoito acender a televisión para ver se remato canso. Entón fago un zapeo vertixinoso, circular, por todas as cadeas: non quero saber que poñen, só pretendo acumular imaxes inconexas. Pero, cando chega o mes de febreiro, sempre fago unha parada involuntaria en Canal Sur. Alí retransmiten durante horas os Carnavales de Cádiz desde o teatro Manuel de Falla. Probas, semifinais, finais, tipos, chirigotas, comparsas, coros, cuartetos (de tres ou de cinco persoas), parodias. Música, pasodobles, tangos, cuplés. Eu distingo pouco os xéneros, menos o intríngulis do asunto e ás veces nin siquera entendo as letras, pronunciadas a berros en un caitano endiañado. Non son capaz de entender como podo ficar diante do televisor vendo o espectáculo. E menos eu, que detesto os entroidos, os disfraces, as máscaras. Reflexiono ás veces, mentres miro o televisor coma un parvo, absorto ante o entusiasmo, as risas, o humor macabro e terrorífico destes homes (porque mulleres hai ben poucas: mundo machista que perdura, por pouco tempo, espero). Pero non chego a conclusión algunha. Gústame e nada máis. Teño que confesalo abertamente: gústanme os Carnavales de Cádiz. Nono entendo.
[Chirigota Los Prejubilados, Cádiz 2007]

6 commenti:

Anonimo ha detto...

Certamente tes que ir ao médico.

Anonimo ha detto...

Barallaba isa posibilidade, pero non dou marchado do televisor: teñenme enganchado estes tipos. Nunha das terras con máis paro de España (andan polo 20%) coplean de todo, entre rimas facilonas, versos penosos e temas patéticos. Pero a cara, os acenos, a representación entusiasta (axudados claro está por La Guita) son únicos. Parecen, se non fora pola elegancia do teatro, comediantes medievais, xograres goliardescos, que aínda reivindican a vella fama trouleira e danzante de Gades no mundo antigo.
Pero irei, irei.

Anonimo ha detto...

Di vostede: "E menos eu, que detesto os entroidos, os disfraces, as máscaras". E eu póñome contento porque xa somos dous. Pensaba que eu era o único becho raro nesta apoteose do antroido galego no que crecen como fungos todo tipo de recuperacións de antroidadas ancestrais. Quedo desansado e contento: quizais moi logo poidamos a saír do armario os antientroidadas.
Un saúdo.

Marcos Valcárcel López ha detto...

Tampouco son especialmente antroidesco, pero hai que entender que a xente quere marcha e pasalo ben (o da tradición é só a tona que se pon por riba). E non serei eu quen me pronuncie contra o antroido cando o meu señor don Vicente (Risco) seica se disfrazaba el só na casiña, mesmo nos tempos do franquismo. Confirmoumo o fillo máis dunha vez e na obra de Risco hai moito dese sentido grotesco e antroidesco do mundo.

Anonimo ha detto...

Para mín calquera festa é benvida. A disculpa é o de menos. Un pode ser antirracista e ateo e disfrutar matando xudeus en Ponferrada. Outra cousa é que che teña que parecer divertido por forza que uns tipos che tiren formigas ou as letras (?) dos charangueiros.
Falando de todo: eu prefiro morrer nun formigueiro que pasar un só minuto no entroido de Cádiz, inda que semellen moito máis (im-ex)portables as charangas que os peliqueiros.

Anonimo ha detto...

Sempre me chamou moito a atención ver as persoas máis aburridas e tediosas que coñezo, disfrazadas e co mesmo aire aburrido e tedioso de sempre. Si, xa sei iso do hábito e do monxe.