Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 febbraio 2007

ITALIA: SECONDA PUNTATA


A fortuna quixo que mentres visitaba o país, o professore Prodi dimitise do seu cargo de Presidente del Consiglio. Máis ca fortuna, tratábase de votar no Senado a política exterior do Goberno de "centrosinistra", presentada por Massimo d'Alema, en torno a presencia (cada vez máis insoportable para boa parte da opinión pública italiana, pero aceptable, como en España, en misión ONU, polo goberno de esquerdas) en Afganistán do exército italiano. Dous diputados da esquerda (chamada en Italia radical) finalmente votaron en contra de D'Alema (puideron ser máis: por exemplo, Franca Rame) ao tempo que o incombustible Andreotti (a súa explicación é de vello volpe: "deume mala impresión cando escoitei falar a D'Alema de non continuidade coa política exterior de Berlusconi. Esta obriga de reducir todo a un pro ou un contra Berlusconi semella absurdo. Así decidín absterme") e outro senador vitalicio (o Pininfarina) que tamén rexeitaron (a abstención tamén conta como rexeitamento) a proposta do Ministro. Prodi de forma instantánea presentou a súa dimisión a Napolitano, nun acto protocolario de vella democracia. Pero co propósito de recabar de novo apoios para un novo goberno: un Prodi bis. Berlusconi e acólitos pediron eleccións e a Unione tratou de buscar nos bancos máis centristas os números para saír adiante.
A fragmentación das forzas de centro esquerda é proverbial. O número de partidos é case equivalente ao número de senadores, de tal xeito que cos votos de dous senadores (un do partido "La Italia del mezzo" e outro da "Italia dei Valori") poden perfectamente superar a crise. A posible volta de Berlusconi, que todo o mundo teme, obriga aos partidos políticos de esquerda a aceptar as condicións de Prodi para un segundo intento. Pero nestas condicións entran a retirada da lei das parellas de facto (as de gays non as verán os italianos en anos: mentres goberne Prodi) e a formulación do pacto coa Igrexa (velenoso) en sede parlamentaria, co fin de sumar os votos de centro. A fraxilidade do goberno Prodi, que foi exhibida sempre como a súa principal fortaleza, demóstrase día a día cunha esquerda moi fragmentada, diante dunha Forza Italia cada vez máis homoxénea tras a perda de poder da Lega Nord, de Alleanza Nazionale e a pesares do reforzamento da Udc. A esquerda está obrigada a admitir a notoria moderación de Prodi (e o seu acendrado catolicismo coma o de tantos outros parlamentarios esquerdistas) se non quere ter de novo, e por moitos anos, segundo cren, a un Berlusconi.
Noutro post falaremos da xerontocracia italiana. Un adianto: Prodi, 68 anos; Berlusconi, 70 anos; Andreotti, 88 anos; Franca Rame, 77 anos.
E da suxestión Zapatero: un modelo heroico para a esquerda italiana, ou parcialmente informada ou desexosa de facer tabula rasa cunha clase política xa demasiado vista.
E da escasísima, por non dicir nula, presencia de mulleres na vida política italiana.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Film "Il Divo" de Paolo Sorrentino, premiado en el Festival de Cannes

Anonimo ha detto...

Cannes 2008: Gomorra, Il divo.......