Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 luglio 2007

A POLÍTICA BÍFIDA


Plantea de la Highway 61 no comentario ao meu post anterior a conveniencia de que os partidos aliados para a cogobernación dos concellos galegos asinen un programa de mínimos para levalo adiante de forma conxunta. E, supoño, que deixen para ocasión máis axeitada o programa de máximos resultado das sumas de propostas. Pois non. Todo o contrario. Ou, polo menos, unha versión retorta destas premisas chiquitiáns, coas que non pode un non estar de acordo.
A interpretación que fan as cúpulas (non sei por que non os rochos, pero vese que lles vai a metáfora arquitectónica eclesial) do BNG e PSOE dos resultados das eleccións supón (que xa é moito supoñer) unha validación das súas políticas, pero non explícitamente unha validación de ámbalas dúas políticas sumadas. O curioso é que despois non resultan sumas de propostas, senón sumas da metade (ou da porcentaxe no reparto) de propostas correspondiente a cadanseu partido. O problema non remata no acordo inicial (declaracións de intencións e reparto de competencias), senón que esa división mantense obrigatoriamente ao longo dos catro anos de goberno, coas situacións conflictivas en primeiro termo, pero tamén coas grotescas, coas ridículas que xa comezan a albiscarense. Visitas da consellería do partido A? Pois que vaia o alcalde A. Que o conselleiro é do B pois que vaia o vicealcalde B. E se hai tallada, pois que vaian os dous, non vaia ser. E así ad nauseam. E, por non cifrar todo nesta cidade na que vivo, onde toda incomodidade ten o seu asento, convén recordar que a xente non vota unha política bífida, senón unha única, coas "sensibilidades" (haberá cousa máis cursi!), ideas, persoas, vontades ou capacidades que unha coalición ostente, pero unha soa, por favor. Para mín foi escrita aquela cousa dantesca, non para a entrada no inferno, senón para a gobernación eficaz da cidade ou do lugar onde vivo: Voi ch'entrate lasciate ogni esperanza.

1 commento:

Anonimo ha detto...

Claro. A cousa é así, máis ou menos: eu quero un despacho (sela ergonómica, ordenata, tele pantalla plana high definition, sofá cómodo para as reunións) cunha antesala para a/o secretaria/o (libre designación, persoa da máxima confianza cun soldo adhoc) que me ha levar a axenda e filtrar as chamadas. Se é posible e dá o presuposto, coche oficial.
Quero un par de asesores (mínimo) de libre designación, a escoller tamén entre a xente de confianza: familia, amigos íntimos, xente do partido (aqueles que estiveron nas pegadas de carteis de finais dos '70, xente con pedigrí). Os técnicos xa os pon a administración.
Quero un presuposto para poder manexar. Eu e os meus escolleremos a onde e a quen van chegar os cartos, en función, ben de fortalecer os nosos feudos (a expresión non é miña, está en todos os medios de comunicación), ben de joderlle os feudos aos outros.
Evidentemente a finalidade de chegar ao poder non é o que acabo de dicir, senón poder facer aquelo polo que levamos loitando desde hai tanto tempo. O que pasa que o sistema está así montado, e se queres facer algo, non hai outra.
Por certo, chama aí para que me veñan cambiar o sillón. Non, xa sei que é novo e que costou 3000 euros, pero é que me queda un pouco baixo o respaldo. E que me suban un café.
(Esto viría a explicar a razón pola que aquí non dimite nin dios e pola que, albiscado un cargo, traban e non soltan)