Á entrada dúas grandísimas telas coa lembranza nada subliminal de que todo aquilo o organizaba a Tenencia de Alcaldía. Vimos a un par de amigos da mocidade pontesa e a non poucos colegas de Santiago. O arrecendo nostálxico era evidente. Pero conviña coller sitio. E tratamos de situármonos perto do esceario. Hai que dicir que fomos a familia en pleno (a miña filla de 11 anos non logrou baixar a media de idade nin un día) cos irmáns correspondientes cos respectivos adláteres: un, entregado á causa como ninguén no mundo (o grande Chiquito de la Highway) e a outra, S., neófita que viña por ver de iniciarse.
O espectáculo comezou puntual sobre un esceario sobriamente negro, cun arranque blueseiro de primeira co seu Leopard skin pill box hat. A segunda canción, Lay, lady lay, que case todo o mundo coñecía, alomenos nos versos introductorios, animou máis o concerto, aínda que podo dicir que non foi a mellor versión que se podía sacar dela. A miña memoria é incapaz de lembrar despois a orde das cancións, pero por alí pasaron Thunder of the Mountain, It's all right ma (I'm only bleedin'), Stuck inside of Mobile ou Highway 61 Revisited, impresionantes ata o delirio, arroupadas por un grupo de músicos fascinantes na súa sobriedade e no seu talento. Alternaban esas cancións míticas coas algo máis lixeiras do último disco, Modern Times, aínda que rescatou deste último álbum unha preciosa versión de Ain't talkin', coa que deu fin provisional ao concerto. Reservou para o final dos bises (dúas cancións) unha inesquecible, arrebatadora e poderosísima Like a rollin' stone, que foi acompañada e celebrada polo público con algo ou todo de éxtase colectivo. Dylan tocou a variedade de que está composta a música popular americana (blues, rythm 'n' blues, rock, rock 'n' roll, gospel, country), cunha ollada aos seus anos de Highway 61 ou de Blonde on Blonde, onde se mira a esencia da música das nosas vidas.
Por iso, mentres miraba a Dylan reinterpretarse a sí mesmo, coa enésima versión diferente de todas as súas cancións, deterse para tomar folgos para a harmónica, soplada nunha ocasión polo lado contrario, trabucarse ao dar entrada ao steel guitar, bicar coa súa voz inconfundible o micrófono, pronunciar apenas, como nunha ledaíña, os seus versos de desolación o de princesas, só acertei a pensar que aquela estampa fráxil de pequeno e miudo cantante de blues, apoiado nun imperfecto órgano Hammond, formaba parte imborrable da miña vida. Só cando mirei ao meu irmán, á miña querida I, e ás miñas fillas que bailaban ao son daqueles sons sublimes, entendín que era a das nosas vidas.
8 commenti:
Toda unha experiencia relixiosa, pois.
Non queda nada por dicir. Efectivamente, é a vida dun. É unha fortuna ter unha banda sonora desa calidade nesa película. Rock en estado puro polo tipo que o cociñou. Un luxo.
Non coñezo as experiencias relixiosas, pero podo asegurarlle que foi apoteósico todo. Esa sensación que ás veces un pode ter de estar no mellor lugar no mellor momento no mundo.
Pois non é por amolar nin suprimir o máxico engado, pero un amigo meu -e coñecido seu polos seus espléndidos artigos xornalísticos- díxome que os primeiros vinte minutos do concerto andaba o persoal asistente moi despistado, sen apenas facerlle caso a unha banda que semellaba estaba tocando versións de Dylan e que debían ser unha sorte de teloneiros. El achegouse ao escenario e comprobou que, en efecto, era o auténtico Bob, pero que gran parte do público tardou en decatarse e reaccionar convenientemente.
Tamén me dixo que predominaba entre o público unha especie de terceira idade algo prematura, de aí que o recital comezase tan en punto e rematase tan cedo para que puidesen deitarse á hora de sempre. Ou sexa, que non debeu ser apoteósico para todo o mundo.
Mais xa digo: non quero amolar nin suprimir o máxico engado.
:-) :-) :-)
A idade do público facilita a tardanza en reaccionar, en efecto. Pero non recoñecer os compases de Leopard skin inhabilítaos a perpetuidade. E, xaora, para esta xente apoteósico non hai nada: como moito unha levísima sacudida no esternón.
En fin, outro día, con máis vagar,comento a guisa doutro ilustre amigo común, adubado para a ocasión.
Conte, conte, ...
Grazas polo completísimo post Arume, unha escolla fantástica que permiten arquivar momentos inesquecibles desa noite gloriosa.
Very good time here for sure. Wish I could've been there with all this going on.
Posta un commento