Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 aprile 2009

REFUNDAR A ESCOLA DE TEATRO MUNICIPAL DE VIGO


A Escola de Teatro Municipal de Vigo parece levantar estes días as protestas dos seus pacientes usuarios. Non coñezo a súa traxectoria anterior á experiencia adquirida por nós nos dous anos anteriores. Un amigo que visita esta bitácora poderá ampliar noticia. Foi el precisamente quen ma recomendeu, antes, claro está, de que unha disposición arbitraria (non poden continuar os alumnos que leven xa dous anos de docencia) impedira que a súa filla, entregadísima a aquelas ensinanzas, non puidera seguir a desfrutar dos praceres da interpretación. Agora, creo, xa non sostén semellante consideración. 
A Escola imparte clases nas aulas da Escola Infantil de Vila Laura, un espazo, creo eu, prestado pola consellería de educación. [Non sei se a xente sabe que unha parte do orzamento dos colexios depende das aportacións da administración municipal, sobre todo o que atingue ao mantemento da escola. Dígoo para que se saiba que a Escola de Teatro Municipal emprega dotacións da consellería supoño que en réxime de cooperación case necesaria.] O profesorado que leva tempo impartindo as aulas semella moi competente, e, a xulgarmos polo que declaran os rapaces/zas, non ofrecen motivo algún, antes ao contrario eloxios miles, de queixa. 
Pero creo que as condicións nas que desenvolven o seu traballo (cun grao notable de voluntarismo) non son as máis axeitadas, á marxe das dotacións claramente cutres do xa cutre (e demolible) Edificio do Monte da Mina, sede administrativa da Escola e lugar de representación solemne (ja!) das obras, ao tempo que local social da Asociación de Veciños que merece xaora, agás o campeiro de furbo ben chulo, moito mellores instalacións: compárense coas de Teis, por exemplo). 
Neste tipo de actividades sempre se afirma que o esforzo dos profes e mailo entusiasmo dos rapaces suplen as eivas. Pero estou vendo que esta análise da situación na meirande parte dos casos convírtese en crónica e remata ao cabo por xustificar mesmo as propias deficiencias. Admítense os erros, a mala planificación, o desastre organizativo, a falta de espazos decentes coa falacia do desfrute dos nenos/as. Admitimos no fondo (tragamos máis ben con iso) que non se lle pode pedir máis a algo que non é máis ca unha actividade lúdico-festiva e, por riba, unha troulada para pasar o rato sempre de forma amateur, como se a organización de tal actividade estivera contaminada coa improvisación e o xogo anárquico que practican os rapaces en cada clase. 
Os resultados anuais no xélido Teatro (un dicir) do Monte da Mina compracen o ego dos pais, engaiolados coa emoción de ver aos seus subirense ao esceario, pero deberían suscitar reflexións sobre a eficacia e o rigor con que se plantean estes cursos. O teatro é unha cousa demasiado seria para deixala en mans de persoas escasamente preocupadas con que esta actividade sexa de referencia na cidade que conta con dúas salas permanentes (e privadas) de toda Galicia e que alberga a Escola Superior de Arte Dramática. Unha aposta decidida por este camiño parece obrigatoria. 
 
Nota: semella solucionado o conflicto concreto destes días: sería interesante que aproveitaran para reorganizar e refundar este servizo para o curso que vén. 

1 commento:

Nuca ha detto...

A escola municipal de teatro nunca tivo, dende os tempos en que Maximino Queizán a dirixía ata hoxe coa santanderina Antonia Céspedes, una tempada desacougada. Cando non eran as erroneas decisións da dirección eran as dos concelleiros de turno.

Penso que ninguén tomou en serio o proxecto, que sempre creeron nel con provisionalidade, convencidos que ia ter un final infeliz