Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 aprile 2009

PALLÍN

Moi ben o pasei onte. Prevía overbooking de tensión emocional: amigos de Cambados e irmán que tras longo tempo volvía por aquelas terras de recordos miles. O que non agardaba era a P. E foi un intenso pracer velo alí sentado ao sol do mediodía, abrazalo forte e compartir con el unha animadísima (coma sempre) parolada con albariño mediante. O lugar, a entrañable traíña da Chicha (a nai do Cordal que nos subiu a autoestima), e o tempo, ese devalar paseniño da lámina brilante da ría por Fefiñáns. 

Na foto, a torre de san Sadurniño en frente de Santomé, por onde rubiron os cativos/as. 

Nota a rubiron: aquela anécdota que contaba a miña profesora Luz Rubiños (que xa saiu aquí noutro post e a quen lle mando novos saúdos e bicos) cando atopou a Carballo Calero no ascensor e lle preguntou: "Srta. Rubiños, quer rubir no rubidoiro?". 

1 commento:

Turmano ha detto...

Pois foi verdade. Qué ben o pasamos.
Case non recoñecín nada do que vin, era xa outro Cambados, pero estar alí con Eduardo, Xulio e o meu irmán... Non hai palabras. Son doutro mundo, un novo mundo, as miñas américas particulares.
Por exemplo Xulio, aquel tipo que fundara un partido, que pintaba un comic que se chamaba "A Raia Seca" (que onte me dixo que non rematara!), que devecía polas pelirrojas, tan absolutamente culto, con aquel galego tan bonito, sempre tan amable e atento... Eu nunca vira a ninguén así. Escoitábao e mirábao. Alucinaba.
Aquelas casas sen cortinas, sen nenos, sen alfombras, con toallas de Portugal, onde as mesas eran caballetes cunha táboa por riba e que invitaban a saír máis que a entrar.
O albariño (que nunca probara), o queixo con anchoa (tal cal), o barrantes (para que dicir), San Tomé, as planeadoras con seis motores yamaha, un ferrari testarosa (que nunca vira e nunca volvín ver, non sei nin como se escrebe). Meu irmán levándome da man a todos eses sitios que onte case non recoñecín.
Que ben os tratou o tempo a todos! Qué gusto velos. De feito, aos 5 min. de chegar, eu tiña 21 anos outra vez.
Hoxe volvín ao presente, pero en 15 días teño a Eduardo na miña casa. Non me dá pasado o tempo. Quero que chegue maio. Pero xa.