Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 novembre 2009

LOPEZVÁZQUEZ


Lopezvázquez era a combinación de apelidos máis respectada na casa. Cando os meus pais decidían ir ao cinema, aló polos finais dos 60 e principios dos setenta, esa palabra era definitiva. Cando poñían (ou botaban ou daban que todos estes verbos valen) unha película na tele obrigatoria e saía ese nome que deixaba de ser unha suma de apelidos comúns para se convertir en fetiche, a aposta polo sofá de escai para mirar o filme era segura. Non mirara eu ningunha película del e xa sabía que, ao lado de termos indiscutibles, tipo Carigrán, Cargable, AlanLad, Carolombard, Lanaturner ou Betedavis, o de Lopezvázquez era irrenunciable. Nacín dando por suposto que algo así chamado podía convertirse en sagrado, aínda que meus pais ao día seguinte enrugaran o aceno e admitiran que a película non valera un peso, pero que Lopezvázquez era único.

A min, logo, xa me gustaba por prescripción familiar e sen velo nin un só instante ese tal Lopezvázquez. De tanto velo en tantas películas, en tantas representacións teatrais, pero, sobre todo, de tanto mirar aos meus pais devotos dos seus esaxerados tics de histrión cómico comecei a gustar del. Debe ser que isto dos gustos nunca nacen do ADN e si do que apreza o entorno máis próximo e a min tocoume por fortuna aprender a admirar aos cómicos, aos actores e ás actrices que fan rir máis que aqueles que acostuman a mover á bágoa ou á compracencia tráxica. E Lopezvázquez facía rir sempre, aínda que con aceno amargo, o cal engadía unha gravidade cómica aos seus personaxes para facelos universais. Desde El pisito de Ferreri (1960) ata calquera desas películas tan infames coma alimenticias dos anos setenta nos que facía de patético homo hispanicus encebolado por mulleres inacadables, capaces de alternar con eminencias da comedia esperpéntica como El verdugo, Vivan los novios o Plácido, as tres dunha Berlanga único. Contar un a un os seus papeis durante estes anos é contar a propia historia do cinema.

O canon social das artes imitativas tende a sublimar os xéneros máis dramáticos. Debeu ser iso o que levou a Lopezvazquez a alternar por uns anos (finais dos sesenta) o rictus grotesco coa faciana adusta en películas de pretendido fondo social, como aquel Peppermint frappé de Saura ou máis adiante con Mi querida señorita de Armiñán, ou co mesmo El bosque del lobo de Olea, no que a historia do lobishome adquiría unha dimensión política engadida. Estes traballos concederon a Lopezvazquez un prestixio único: non só era quen de representar como ninguén ao cómico bufo da vella tradición occidental senón de abordar papeis estraños, difíciles, de corte tráxico e severo.

Uns e outros papeis conforman unha filmografía de máis de 250 películas. Algunhas delas son obras mestras da cinematografía mundial, con el coma principal figura; outras foron concebidas para aproveitar de principio ao fin o seu talento; o conxunto constitúe un caso eminente da historia do cinema. 

Pero bastaría a lembranza dun home calvo berrando cunha frecha de ventosa pegada na fronte e unha cinta de comanche mentres corría por un pasillo demasiado familiar para que todo o demáis só fose o complemento ideal dun home que nos fixo rir a gargalladas (coa necesaria amargura) durante todos aqueles nosos anos en branco e negro.

6 commenti:

Trebi ha detto...

E logo... Camilo Gonzar non merece un recordo!
Deixounos fai un ano

arume dos piñeiros ha detto...

Amigo Trebi: de Camilo Gonsar ignoro case todo.

Trebi ha detto...

"Como calquera outro dia" nesta novela incide nun tema non tocado ata entón pola narrativa galega, que e o da vida dos mozos traballadores ou estudantes españois en Europa.
. Formou parte do movemento de autores da coñecida como Nova Narrativa Galega. Entre as súas obras destacan o libro de relatos Lonxe de nós e dentro e outras páxinas e as novelas Como calquera outro día, Cara a Times Square e Desfeita.
Lonxe de nós e dentro, 1961 (relatos)
Como calquera outro día, 1962 (novela)
Cara a Times Square, 1980 (novela)
A desfeita , 1983 (novela; Premio de la Crítica de narrativa gallega)
Cemento e outras escenas, 1994 (narrativa)
Arredor do non, 1995 (narrativa)
A noite da aurora, 2003 (novela).
Luz del Príncipe-Sol (1996).
Numerario da Real Academia Galega.Manolo Rivas ocupou o seu posto na RAG.
Penso Merecedor do RECORDO , o Noso Pais Acordase de personaxes bastante menos Importantes na nosa Cultura
Unha aperta

arume dos piñeiros ha detto...

Se sei quen é, pero non son o máis indicado para falar del, xa que non o coñecín nin lin a súa obra. Non dubido que sexa merecedor do recordo, pero non entendo moi ben o parangón con López Vázquez. Non sei para a cultura galega: para min López Vázquez é un grande. E levareino sempre na memoria porque foi el, entre moitos outros, o que me proporcionou o meu amor ao teatro e ao cinema. E á televisión. Cousas coas que disfruto sempre.

Anonimo ha detto...

E ademais Lopez confirma o que o tempo ensinoume: Canto menos empatia personal hacia un creador (artista, literato...), xeralmente maior é a miña admiración a sua obra. E salvo honrosas excepcións, a regla sempre funciona.
Alvarez

Anxo ha detto...

Conversa con Manuel Lourenzo, Premio Álvaro Cunqueiro de teatro 2009:

http://nosquedaportugal.blogspot.com/2009/11/conversa-con-manuel-lourenzo-1.html

E venres segunda parte da entrevista. Saúdos.